• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     

Boa Editorial

Boa Editorial

Av. Xosé Mª Castroviejo, 5. 36940 Cangas do Morrazo (Pontevedra)


Contacto:
Nando Luaces, Inma Grass
(+34) 986 301 189
(+34) 618 913 436

folmusica@boa.es

Somos editores de música.

No pasado, o editor foi o encargado de publicar e comercializar as partituras dos compositores e autores, dado que non había outro xeito de difusión pois ata finais do século XIX as gravacións non existían.

Hoxe en día a función do editor segue a ser a de editar partituras e comercializar as obras dos autores que representa, aínda que cunha gran multitude de soportes nos que se pode fixar actualmente unha obra, con millóns de usuarios, e diversas canles de distribución e difusión.

A obra dun autor ou compositor é unha creación que xorde do talento e a xenialidade da persoa pero tamén é o resultado do traballo duro e constante, do esforzo na formación académica e do oficio e dedicación á música. Un traballo complexo e, moitas veces, fráxil e inseguro.

O noso traballo como editores consiste en comercializar, rexistrar e protexer correctamente as obras dos autores. A nosa misión é poñer a música do noso repertorio en todas as fiestras posibles: en gravacións, en radio, en cine, na televisión, na publicidade, en Internet, etc. Recordemos que hoxe o mundo está globalizado e interconectado. O coñecemento dunha obra en todo o planeta pode ser cuestión de días ou de horas.

Os autores do mundo enteiro, miles de creadores, están representados por medio de diferentes sociedades de xestión, cada país ten a súa propia. Estas sociedades de xestión son as encargadas de tramitar as licenzas xerais de uso, de cobrar en nome dos autores e editores, e de pagarlle a estes. A lei de propiedade intelectual no mundo ten máis de 300 anos de existencia. Estas leis protexen o dereito de autor e o dereito moral dos creadores, e son a base para impedir a explotación abusiva das súas creacións, ademais de constituír o xeito de seren remunerados os creadores polo traballo realizado.

Somos editores de música desde 1995, e temos un amplo repertorio de cancións, sendo representantes de case todos os artistas aos que lles editamos gravacións. Temos longa experiencia e coñecemento do mundo editorial. A nosa música foi licenciada para o cine, a publicidade, a televisión, en discos e gravacións, etcétera, en case todos os mercados do mundo.

Facemos servizos de xestión para os nosos autores.

Somos profesionais responsables e tratamos de ser eficaces.