• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

XULLO A GOLPE DE FESTIVAL

Xullo a golpe de festival
7 XULLO 2016

No mes de xullo suben as temperaturas e con elas chegan os festivais que marcarán os mellores momentos do verán. Prepara o teu kit festivaleiro e os teus amigos porque presentámosche os festivais galegos con máis ritmo. Non te quedes na casa e desfruta da maior variedade e do ambiente máis xenuíno para conseguir un verán diferente.

 

Resurrection Fest

Por décimo ano consecutivo a localidade de Viveiro encherase do son máis potente e auténtico do metal e harcore-punk do panorama actual. O Resurrection Fest pretende seguir a bater rexistros cun cartel de luxo. Os días 7, 8 e 9 de xullo os asistentes terán o privilexio de poder asistir as actuacións de grupos tales como VolBeat, The OffSpring e os lendarios Iron Maiden como cabezas de cartel respectivamente. Terás a oportunidade de facer noite alí no propio camping do festival, tendo a opción de comprar o abono completo por 75 euros.

 

Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Se o teu é a música con swing, Pontevedra acollerá a XXIV edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra nas noites do día 13 ao 18 de xullo, con entrada, como tódolos anos, de balde. Este ano temos a sorte de poder escoitar a un dos nosos, Sumrrá, veteráns do mellor jazz galego. Tamén poderedes desfrutar en exclusiva de artistas internacionais do talle de Cécile McLorin Salvant ou o icónico batería Antonio Sánchez co seu grupo Migration. Veladas nas que a cidade do Lérez será invadida polo ritmo, harmonía e boas vibracións para que os deixedes seducir pola alma deste máis que consagrado festival.

 

Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Volvemos ao norte de Galicia co encontro folk máis importante do territorio, o Festival de Ortigueira que contará con varios dos nosos como Susana Seivane, Milladoiro ou Coanhadeira, que compartirán cartel con The Peatbog Fairies ou Mànran, ambos chegados dende Escocia. O evento terá lugar entre os días 14 e 17 de xullo no que se poderá acceder de balde tanto a todos os concertos coma as diversas actividades, como obradoiros ou exposicións, que terán lugar ao longo deses días.

 

PortAmérica

Pola variedade de estilos é tal vez un dos festivais máis completos do verán. PortAmérica chega un ano máis ao Porto do Molle, Nigrán, organizado por Esmerarte. O venres 15 e o sábado 16 de xullo poderás gozar dun arsenal de grupos e artistas do máis alto nivel como as nosas bandas Dallasgracias e Furious Monkey House que actuarán respectivamente nesas datas. Nesta edición tamén estarán presentes Molotov, Amaral, Bunbury ou Love of Lesbian. E como non só de música vive o corpo, poderás divertirte no camping, na praia e coa gastronomía dunha constelación de estrelas Michelín que cada ano vai adquirindo máis protagonismo. Lémbrate de conseguir a túa entrada para ámbolos dous días por 50 euros en http://portamerica.es/

 

Festival Sinsal Son Estrella Galicia 

Se crees que os festivais son momentos inigualables, Sinsal lévase a palma, xa que che fará vivir unha experiencia única baseada no segredo. Todos os artistas son unha incógnita para os asistentes ata o momento de pisar a máxica illa de San Simón. Pénsao ben, ningún outro evento ofréceche a oportunidade de asistir a un concerto sen saber cal será o grupo que che sorprenda. A este acontecemento poderá asistir calquera persoa á que lle guste atesourar recordos irrepetibles, posto que este é un festival exclusivo que conta con actividades para todo tipo de públicos. Só serán 800 os afortunados que poderán vivilo do 22 ao 24 de xullo, así que bule a comprar a túa entrada.


 

Nigrán Jazz

Se despois do Sinsal Son Estrella Galicia segues pola zona, podes achegarte ao Nigrán Jazz que terá lugar os días 29, no auditorio da Foz do Miñor (A Ramallosa), e 30 de xullo, xunto a escola de vela de praia América, ampliando un día máis a oferta dos anos anteriores para desfrutar do mundo jazz. As actuacións estarán a cargo de Kurt Rosenwinkel's Bandit 65 e Javier Marcos Quinteto, pero, ademais dos concertos, haberá unha Jam Session e clases de baile de swing. O cartel é o gañador do Concurso de Carteis Quin Alborés para o X Nigranjazz, A dos manos collage, da coruñesa Raquel Vila Díaz.

 

Basticore

Para rematar o mes reserva o sábado 30 de xullo porque xa está aquí o festival Basticore en Oleiros (A Coruña). Este ano con motivo dos seus case 10 anos de traxectoria acudirán a celebralo artistas tan dispares como We’ve Got Enemies, Verano, Truth of Consequences ou Kings of the Beach entre os que xa están confirmados. Non o penses máis e únete á diversión. A entrada é de balde.

 

Nordestazo Rock

Rematamos o mes onde remata o mundo, co Nordestazo Rock en Malpica de Bergantiños (A Coruña). Este ano repite emprazamento e ofrecerá unha gran cantidade de grupos de rock de calidade como os nosos artistas Heredeiros da Crus e Agoraphobia, e outros da talla de Marky Ramone’s Blitzkrieg, Os Diplomáticos de Montealto e Bastards. Ademáis, como novidade, presenta actividades alternativas como a customización de camisetas, gastronomía cañeira da man de numerosos foodtrucks, clases de surf ou talleres de DJ’s para os máis cativos… ¡e con acampada gratis incluída! Non vos preocupedes porque sexa fin de mes, as entradas podédelas adquirir por 18 euros máis gastos de xestión aquí.

Festival_Nordestazo_Rock_2016

  noticias