VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN XULLO
With my hands. Furious Monkey House
Este grupo pontevedrés integrado por cinco nenos e o seu profesor de música non fixo máis que sorprender dende o seu nacemento. Quen diría que trala infantil apariencia destes xóvenes, con idades dende os once ata os trece anos, agochábanse auténticos rockeiros. Co lanzamento do seu primeiro traballo, Run, amósannos que viñeron para quedarse, dar caña da boa e ensinarnos que a música e a paixón non están reñidas con ningunha idade. O seu primeiro videoclip With my hands foi galardoado co Premio do Público no Festival de Cans 2016. Dirixido por Violeta Mosquera, compoñente do grupo Bala, e producido por Making Dreams Productions, transmiten o bo roio que hai entre eles, pásanno ben e queren mostralo, rompen cousas, corren e fan tolerías representando moi graficamente o que son.
Baila Sumeria. Triángulo de Amor Bizarro
Baila Sumeria (Salve Discordia, 2016) logra hipnotizarnos cunha tormenta de imaxes oitenteiras que veñen do máis escuro: vampiros, loxias, reminiscencias góticas, esoterismo e mitoloxía nunha especie de frenética viaxe lisérxica. Imaxes simbólicas moi na liña da estética de Triángulo de Amor Bizarro con numerosas referencias á pintura e ao cine. Segundo explica Jordi Cussó, o director catalán do clip, está gravado en formato 1:1 porque pretende evocar a Idade Media dende unha perspectiva contemporánea con certo recendo a Instagram.
El tiempo muerto. Músculo!
Dende Valga chega un grupo dedicado a lanzar temas de sofisticada música electrónica con letras que se repiten como mantras. En 2014 sacan o seu EP Vivac, no que dan forma a un elegante pop electrónico moi coidado destinado ás pistas de baile pero que sempre paga a pena escoitar con atención. Entre os catro temas que compoñen o disco atopamos o single El tiempo muerto. O clip, dirixido por Ángel Marcos Pardal, é unha historia de pasividade, de vontades durmidas e sometidas que agardan que alguén axite a súa inocencia.
City of Alexandria. Agoraphobia
Prepárate e mergúllate en Alexandria, a cidade que Agoraphobia creó para o seu último videoclip, con escenarios inquietantes e misteriosos que asemellan estar abandonados e en ruínas. Non é para menos, o clip de City of Alexandria (Ready to Play, 2015) foi gravado no antigo hospital psiquiátrico de San Rafael en Castro de Rei, Lugo. O director Xaime Miranda fai honra á liña xeral que segue nos seus vídeos creando unha atmosfera turbadora na que aparece unha parella que pelexa mediante unha danza en constante fuxida. As de Boiro tamén saen en diversas imaxes mirando fixamente á cámara con arrogancia e provocación.
Waiting for the Sun. Gonzalo Arca
Influenciado polo blues e o rock aínda que con certos toques pop nas súas composicións, Gonzalo Arca recolle no seu disco Alone at the Crossroad fundamentos destes emblemáticos estilos americanos cunha produción moi elegante. O single Waiting for the Sun é unha das cancións que compoñen a banda sonora do filme protagonizado por ese gran referente galego do cine que é Luis Tosar, El desconocido do director Dani de la Torre. Con esta participación Gonzalo Arca conseguiu un éxito máis aló das nosas fronteiras. Non deixedes pasar a oportunidade de coñecer este artista que está arrasando e que neste videoclip nos transporta ao “descoñecido” mundo das rúas de Nova York. Este videoclip foi producido por Ontheroad e presentado en maio de 2015.