• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

AGOSTO FESTIVALEIRO

Agosto festivaleiro
28 XULLO 2016

SonRías Baixas

Se esta é a XIV edición é porque moitos festivaleiros o estaban a pedir. Non existe mellor forma de comezar agosto, xa que o Sonrías celébrase os días 4, 5 e 6 en Bueu (Pontevedra). Como xa dicta o seu nome, este é un evento para non deixar de desfrutar polo que ofrece moito máis que música. Ponte en situación: acampada a carón da praia, gastronomía local e unha proposta fresca e orixinal de grupos. Tocarán algúns dos nosos artistas como Heredeiros da Crus, Gold & Colt ou Chotokoeu ademáis doutros como La Gran Pegatina ou La Vela Puerca. Consigue a túa entrada aquí antes de que se esgoten!

 

V de Valarés

Disque o verdadeiro paraíso atópase nunha pequena localidade da Costa da Morte, na Praia de Valarés (Ponteceso). Non sabemos se aí está tal paraxe, pero podemos asegurar que está moi “vivo”, e durante os días 12, 13 e 14 de agosto o estará aínda máis grazas ao V de Valarés. O pequeno gran festival do verán chega coa sua XXII edición para deleitar, unha vez máis, os seus asistentes con música e gastronomía nun emprazamento natural único ao que ir con amigos e familia. Aínda estás a tempo de non perderte a ningún dos nosos grupos: Novedades Carminha, Ataque Escampe e Fogbound ou a outros coma Malandrómeda ou Delorean comprando as túas entradas por 40 euros con acampada incluída.  

 

Orixe Candente

Se buscas algo máis que música , non podes faltar a V edición do festival Orixe Candente. Dende o 18 ata o 28 de agosto, Caldas de Reis integrará nun só evento música, artes plásticas, poesía, literatura, deporte e humor. Son dez xornadas ás que, grazas a colaboración e patrocinio dos comerciantes locais, poderás asistir de balde. No seu cartel teredes a oportunidade de ver algúns dos nosos artistas como Batemento ou 2naFronteira. Este festival, xunto con Cultura Quente, atopou unha fórmula perfecta de fomentar tanto a cultura local como a galega.

 

As Revenidas

Achegándonos máis á costa, outro ano máis o festival As Revenidas, tamén coñecido como o “Festival das Linguas”, traeranos artistas de todo o mundo entre o 19 e o 21 de agosto. Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra) é o escenario con actuacións que non son precisamente para ficar parados. Atoparás un dos nosos, O Sonoro Maxín, xunto con outros artistas como La Raíz, Gabriel O Pensador ou Russkaja. E as boas novas non rematan aquí porque tamén teñen actividades de balde, dúas zonas de cámping libre ao lado da praia e, como non, comida popular, as famosas sardiñas revenidas con degustación gratuíta. Non te demores máis e consigue o abono de tres días anticipado por 30 euros máis gastos de xestión.

 

Osa do Mar

Como no norte tampouco se perden o mellor do verán, este mes en Lugo, e máis concretamente en Burela, celebrarase os días 19 e 20 o festival Osa do Mar. Como non hai dúas sen tres esta é a terceira vez que o festival ten lugar na comarca da Mariña achegándonos a artistas do máis alternativo e underground. Non perdas a oportunidade de poder escoitar a moitos dos nosos artistas como Fogbound, Agoraphobia, Guerrera e BALA, que estarán presentes xunto con Familia Caamagno, Bravo Fisher ou Biznaga. Bule que a entrada anticipada só costa 15 euros, valo perder?

 

 

Son-PAF!

Para os que nunca deixan de buscar novidades, o festival Son-PAF! achéganos a Xeve (Pontevedra) os días 20 e 26, a artistas pontevedreses novos e talentosos de todo tipo de estilos musicais. Nesta primeira edición, o innovador festival danos a oportunidade de ver e escoitar de balde aos nosos artistas Nerea Rodríguez e Dúo Fírveda, xunto con outros como Dígocho Mañá, Folkies Celtas ou Marina Hermida. Ademais de moitas primicias, o día 26 haberá unha clase maxistral de interpretación e dominio escénico totalmente gratuita para todos aqueles que queiran participar. Non o deixes pasar!

  noticias