• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE AGOSTO

Videoclip Club. Edición de agosto
24 AGOSTO 2016

Este mes de agosto o Videoclip Club vén cargado e rabioso cos videos máis rompedores, descarados e desafiantes dos artistas da nosa cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Stone. Cora Sayers

A polifacética artista pontevedresa Cora Sayers iniciaba no 2014 a súa carreira musical en solitario pero con Stone, sinxelo de I’m Home (2016), permítenos entrar na súa cabeza como nunca antes; un tema que trata sobre as miserias humanas cotiás coas que todos podemos atoparnos e, en partircular, sobre as que lle afectan directamente a ela. Grazas á súa traxectoria no mundo da interpretación e ao seu talento, Sayers consegue transmir o seu lado máis íntimo, atrapada nun lúgubre cárcere de pedra construído polas súas propias decisións e erros. Gus Isanda, director do clip, logra trasladarnos coa sinxeleza e a calidade da produción, xunto coa paisaxe natural do río Barosa, á mente da artista e facernos sentir o mesmo que ela.

 

 

A praia. cintaadhesiva

Co latexo dos tambores de Jesús Andrés e Pablo Muñiz comeza este inquietante videoclip da man de cintaadhesiva onde viaxamos a unha praia que ben podería formar parte do filme de Gerardo Herrero A praia dos afogados (2015). O branco e o negro, as imaxes desdobradas e en espello protagonizan este vídeo no que atopamos a Silvia Penas maniatada, non sabemos se con cinta adhesiva ou non, a unha cadeira. Para A praia, a directora Area Erina creou unha atmosfera de saltos no tempo, do pasado ao presente, con oscilacións que che farán sentir a area húmida nos pés. Probablemente este proxecto literario e musical non te fará bailar, pero sen dúbida conseguirá facerte pensar no devir da vida e no irreversible do paso do tempo. Debemos esperar sen máis a que suba a marea?

 

 

De entre el humo y las sombras. Samuel Leví

Samuel Leví lánzase nun sono profundo co seu tema De entre el humo y las sombras. A estética do vídeo e a música, tan axeitada para esta obra principalmente audiovisual, adéntranos no estado onírico no que se encontra o protagonista do vídeo: o propio Leví. Case sen palabras, esta produción dirixida por Diego Meijido, narra e transmite o misterio, a tensión, a mestura de realidade e de fantasía e a paixón que viven os protagonistas. A entrega como punto final da historia serve como un peche perfecto que ata logra facernos sentir esas cóxegas no estómago tamén a nós.

 

 

In my dreams. Erick Feles

Da man de Erick Feles traemos un vídeo que non deixará indiferente a ninguén. Natural de Venezuela e agora residente en Vigo, este mozo defínese como multiinstrumentista, xa que toca a gaita, a frauta, a ocarina, a guitarra ou a batería. El mesmo decidiu producir In my dreams coa colaboración da directora Vanessa Corrente no que presenta toda unha declaración de intencións a través de imaxes que, en ocasións, rozan o gore. Feles protagoniza o videoclip caracterizado con lentes de contacto negras, longas uñas postizas, pintado de branco de pés a cabeza e coa súa voz convertida nun cántico en estado de trance repetindo o título da canción unha e outra vez. Arríscate a descubrir o dubstep étnico máis irreverente con esta producción tan singular.

 

 

Joan Vollmer. Bala

Con morriña británica a flor de pel, BALA lanzaba en maio o videoclip Joan Vollmer, tema pertencente ao disco Human Flesh (Matapadre, 2015), no que recompilan recordos da xira que realizaron o pasado xaneiro por Reino Unido. Este vídeo en branco e negro, producido por Rawcord e Perfectly Random Studios, mestura clips de actuacións con outros de animación que transmiten a rabia e a potencia tronante coa que este dúo quere espertar a sociedade. Con todo, a verdadeira protagonista aquí é Joan Vollmer, musa da Generación Beat, morta por un disparo accidental do seu home, o célebre escritor William Burroughs, cando trataban de emular o episodio lendario de Guillerme Tell anubados polos vapores das drogas e o alcol.

 

  noticias