VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE SETEMBRO
Co outono chegan os meses de manta, sofá, películas e unha nova selección de videoclips da cinemática de GalicianTunes. Que mellor plan que desfrutar un mes máis do noso Videoclip Club?
Estraña forma de vida. Ataque Escampe
Como se dun auténtico filme se tratase, Ataque Escampe preséntanos o videoclip da canción Estraña forma de vida, pertencente ao seu último álbum O disco vermello (Discos da Máquina, 2014). E o certo é que as imaxes que utilizan para darlle vida a este tema son da película Solaris (1973) de Andrei Tarkovski. Nesta adaptación da novela de ficción de Stanislaw Lem, o argumento transcorre nun planeta de nome homónimo que se atopa moi preto do Sol, onde a historia narra as incertezas do protagonista polas cousas inexplicables que suceden en torno ao descubrimento do planeta. As escenas do filme serven para ilustrar a melancolía dun home que fica só nunha Terra ardendo.
Baleas Master. Cupeiro & Yukhnevich
Estamos no ano 50 antes de Xesucristo. Toda a Galia está ocupada polos romanos… Toda? Non! Unha aldea poboada por irredutibles galos resiste aínda e sempre ao invasor... Estos son o musicólogo Abraham Cupeiro e o acordeonista e vocalista Vadzim Yukhnevich que nos ensinan o que pasa cando un galego e un bielorruso se xuntan para fabricar artesanalmente un karnyx e homenaxear aos baeleeiros galaicos. Este proxecto materialízase no mundo do audiovisual cun videoclip chamado Baleas Master e dirixido por Adrián Pino e Enrique Otero. Nel vemos a un Abraham coa pel cuberta de varios estratos de sedimentos sanguíneos, quizais dun cetáceo, usando o seu instrumento a modo de reclamo que emula o canto destes grandes mamíferos mariños, nun soño no que Vadzim toca o seu bayán ata desaparecer entre as ondas dun mar embravecido.
By the Grace of God. Niño y Pistola
O frío outono na zona rural de Santiago de Compostela é o escenario perfecto para rodar unha serie policíaca na que se intenta descubrir un misterioso asasinato... só si chega a haber algo que resolver. Dirixido por Manuel H. Portolés, asistido por Andrés Fraga e Anxo Iglesias e coa colaboración de Martín Rendo e Lucía Neira, By the Grace of God,do álbum There’s a Man With a Gun Over There (Ernie Records, 2013), é o tema elixido por Niño y Pistola para realizar este videoclip. Como canción representativa do disco, todo xira entorno a un xornaleiro americano, Tom, que, baixo a opresión del Sr. Doyle, o terratenente dono dos campos que traballa cada día, con pistola en man, camiña decidido hacia a casa deste. Pero, ao final, algo provoca un enorme cambio na súa vida.
Cortina. Zënzar
Existe un certo paralelismo entre o Xapón feudal e a Galicia caciquil? Así o reflicte Paco Gallego no seu guión para o poema Cortina de Xosé Díaz musicalizado por ZËNZAR. Neste videoclip vemos como a xente de Palas de Rei e Ordes se ven influenciadas polo código ético do bushidō ou “camiño do guerreiro”, no que os samuráis ofrecían a súa lealtade e honra ata a morte, algo que lle era inculcado á clase dirixente dende a cuna. Esto está posto en escena mediante o uso descontextualizado dos apeiros de labranza galegos no arte da guerra e… como non, o desenlace non podería ser outro (desculpas polo spoiler) que o tristemente célebre sepukku ou “suicidio ritual”.
It's 6 a.m. Somewhere. Jaimie Fifthring
Jaimie Fifthring fai de guía turístico para ensinarnos as paisaxes industriais dun Ferrol encantado por certa maxia descoñecida que o faría pasar por unha gran cidade portuaria de EE.UU. ás seis da mañá. Grazas aos feitizos de Cosa Nostra Producciones e Juanpa Ameneiros Multimedia, no videoclip It’s 6 a.m. Somewhere, primeiro single de Torches in the Alley (2015), poñémonos na pel do cantautor que, como se se tratase do Ulises de James Joyce, amosándonos como é un día na vida do cantautor ferrolán.