• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

PRESENZA GALEGA EN WOMEX 16

Presenza galega en WOMEX 16
7 OUTUBRO 2016

Radio Cos

 

Xurxo Fernandes e Quique Peón son os cantantes e percusionistas de Radio Cos, o único grupo galego que forma parte da Selección Oficial desta edición de WOMEX. Referentes na música tradicional galega e cunha década ás súas costas percorrendo escenarios europeos, o seu traballo está composto por melodías pertencentes aos seus arquivos de gravacións de campo, labor que veñen realizando dende hai 30 anos. Na actualidade, o dúo, que conta tamén co gaiteiro e saxofonista Pedro Lamas, o violinista Nikolay Velikov e o acordonista Xan Pampín, está a gravar o que será o seu segundo disco. A súa esperada actuación terá lugar no Quintana Festival, na Praza da Quintana, o sábado 22 de outubro.

 


 

 

Cuarteto Caramuxo

 

 

Unha percusionista, un acordeonista e catro clarinetistas forman Cuarteto Caramuxo; este cuarteto folk tan particular, composto por seis e non catro membros, con máis de 25 anos de traxectoria ten dous traballos no mercado, Tiruriru (Falcatruada, 2009) e Arrieiros somos (Nakra, 2015) e unha chea de galardóns entre os que se encontran o María Casares de Teatro en 2005 ou o Martín Códax da Música en 2014. Cuarteto Caramuxo estará no concerto de apertura do Womex o mércores 19.

 

 

 

 

Talabarte

 

 

Quim Farinha (violín), Kin García (contrabaixo) e Pedro Pascual (acordeón) son Talabarte, un trío de amigos que expresa conceptos que van dende a aventura e o surrealismo ata a gastronomía a través dos seus instrumentos e as magníficas improvisacións nos seus concertos que os achegan á órbita do jazz. Talabarte tamén estará presente o mércores 19 no Womex Opening.

 


 

 

Xabier Díaz

 

 

O coruñés presentará en WOMEX o seu novo disco, The Tambourine Man; traballo onde reinterpreta a tradición galega e no que conta coas colaboracións estelares de Adufeiras de Salitre, grupo de percusionistas e cantareiras de música tradicional; Gutier Álvarez na zanfona e no violín, e Javier Álvarez no acordeón diatónico. O escenario Atlantic Connections será testemuña da actuación de Xabier Díaz o venres 21

 


 

 

Narf & Timbila Muzimba

 

Narf tamén actuará no Atlantic Connections pero o sábado 22 e non o fará só senón ben acompañado polo grupo de músicos e bailaríns de Maputo, Timbila Muzimba. Xuntos porán en escena o proxecto musical Bumba II. Da Zigala e Zemambiquo, un diálogo intercultural entre dous países imaxinarios, que casualmente parécense a Galicia e a Mozambique, a través da mestura entre a música actual e a música ancestral do país africano.

 


 

 

  noticias