• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

OS 10 GRUPOS E ARTISTAS DO FOCUS GALICIANTUNES

Os 10 grupos e artistas do Focus GalicianTunes
11 OUTUBRO 2016

O próximo domingo 16 de outubro dá comezo a segunda edición do Focus GalicianTunes, onde 10 artistas e grupos da plataforma porán a banda sonora ao programa cultural organizado por Agadic no que participan unha selección de 26 programadores de festivais internacionais de 19 países diferentes. Son delegados que participarán no Womex 16, pero que adiantan a súa visita a Galicia para coñecer, de primeira man, a música, a cultura e a gastronomía do páis.

O evento ábrese co Focus GalicianTunes Fest na Sala Capitol (Santiago de Compostela) que contará coas actuacións de Leilía, Os d’Abaixo e Susana Seivane.

 

Leilía

Con máis de 20 anos de traxectoria profesional, Leilía naceu co propósito de recuperar a tradición oral galega cunha mestura particular de pandeiretas e voces que fan deste grupo a máis bela aposta de música raíz. Empezaron publicando pezas tradicionais que lembran a tempos pasados para, posteriormente, dar un paso máis incorporando instrumentos, polifonías e letras máis actuais achegando, deste xeito, o pasado ao presente. Aos seis discos publicados, hai que sumarlle un sinfín de colaboracións en proxectos audiovisuais e unha morea de galardóns.

 

Os d’Abaixo

No 2010 aparecen Os d’Abaixo coa intención de amenizar bailes e festas en Santiago de Compostela e, seis anos despois, seguen a cantar pezas populares da música galega, pero en escenarios de festivais nacionais e internacionais, entre os que podemos destacar (como non podía ser doutro xeito) o Festival Intercéltico de Lorient. As súas voces veñen acompañadas por melodías de gaita, violín, acordeón, frauta e guitarra, entre outros instrumentos, que fan posible que a audiencia desfrute e participe da música e o baile tradicional.

 

Susana Seivane

Susana Seivane nace cunha gaita debaixo do brazo e comeza a percorrer Galicia coa súa fiel compañeira con tan só 10 anos, influenciada polo seu avó, Xosé Manuel Seivane, e mestres gaiteiros como Ricardo Portela ou Moxenas. Logo de estrearse nos escenarios da man de Milladoiro, Seivane empeza a súa carreira como solista creando o seu propio estilo, unha xenuína mestura do aire enxebre dos antigos gaiteiros con influencias doutras músicas conseguindo melodías modernas, frescas e orixinais sen deixar de lado as raíces da tradición galega. Con cinco discos publicados e innumerables actuacións nacionais e internacionais, a voz e a gaita de Susana Seivane van embruxando alá onde se escoitan.

 

Faltriqueira

O luns 17 as Rías Baixas serán testemuña das actuacións de Faltriqueira, Pepe Vaamonde Grupo e Alberto Conde. Nos viñedos D.O. Rías Baixas actuarán Faltriqueira, grupo de Pontedeume baseado na música tradicional con influencias musicais de todo tipo que fusiona a polifonía coa percusión e os instrumentos acústicos. Inspiradas na tradición e na canción de autor, o espectáculo desta mestura de voces e acompañamento de percusión, guitarra, acordeón e contrabaixo, resume máis de 15 anos enriba dos escenarios compartindo ilusión e divertimento co seu público.

 

Pepe Vaamonde Grupo

O grupo liderado polo compositor, gaiteiro e frautista Pepe Vaamonde, Pepe Vaamonde Grupo, estará nas adegas Martín Códax ofrecendo un espectáculo centrado nas súas propias creacións e temas tradicionais arranxados co seu toque persoal tendo como resultado un orixinal directo. No seu último traballo, “Nas pedras do lar” (2015), atopamos colaboracións estelares ao longo dos 14 temas que mesturan a esencia da música tradicional galega con novas sonoridades, unha renovación melódica característica do folk galego do novo milenio.

 

Human Evolution Project

As mesmas adegas serán tamén escenario da actuación de Alberto Conde e o seu Human Evolution Project, un proxecto musical baseado no jazz que, ao mesmo tempo, entremestura música occidental europea de orixe ibérica e música tradicional india. Como o conseguen? Cos acordes do piano, saxo tenor, sitar, gaita, viola de arco, táboa india, fauta traveseira e, por si fora pouco, sons de música electrónica. Esta singular agrupación a compoñen o pianista, compositor e produtor galego Alberto Conde, o sitarista Shakir Khan da lexendaria dinastía Etawan Gharana, o taboísta Vikas Tripathi, o profesor de gaita Xosé Miguélez, o produtor e DJ de música electrónica galego B.O.U.L.E. e José Valente, compositor e violista de arco portugués.

 

Rosa Cedrón

Cantou folk con Luar na Lubre, jazz con Antonio Placer, flamenco con Barbaría do Sur e pop con Mike Oldfield e o martes 18, Rosa Cedrón soprenderá en solitario co seu violonchelo na Sala Nautilus (Aquarium Finisterrae). Co aplauso da crítica global, Cedrón non renuncia a ter a súa propia visión sobre a música que a converteu na voz galega máis internacional, unha visión que combina á perfección composicións propias, a interpretación de temas tradicionais galegos con toques clásicos e a experimentacion de novos percorridos sonoros que lindan coas músicas do mundo.

 

Trim

Na Taberna de Cunqueiro, gaita e cordas entrelazaránse da man de Trim, o trío formado por dous galegos (Pedro Fariñas e Fernando Barroso) e un portugués (Luís Peixoto) cunha visión da música instrumental actual baseada nas súas propias composicións con chiscadelas á música popular de Galicia e Portugal. É a bagaxe individual de cada un destes artistas o que converte este trío nun cun aire innovador e sonoridade particular do panorama folk actual.

 

Alejandro Vargas Trío

A sesión vermú vén da man de Alejandro Vargas Trío en Jazz Filloa. Encabezado polo pianista cubano afincado en Galicia Alejandro Vargas, este novo proxecto musical mestura os estándares do jazz coa música popular cubana a través da incorporación de diferentes obxectos sonoros que conseguen adentrarnos nunha estética de improvisación libre. Esta técnica instrumental xunto co virtuosismo dos seus intérpretes (Alejandro Vargas, piano; José Manuel Díaz, contrabaixo, e L.A.R. Legido, batería) e a sensibilidade temática converten cada concerto nun espectáculo.

 

Sumrrá

Sumrrá será o encargado de pechar esta edición do Focus GalicianTunes en Garufa Club. Sen etiquetas nin estilos, o trío galego de jazz máis internacional con case 20 anos de carreira e cinco discos no mercado segue sendo inclasificable, reinventándose en cada concerto e sorprendendo ao público, tanto nacional como internacional, coa orixinalidade das súas composicións e a frescura dos seus directos. Sumrrá son Manuel Gutiérrez ao piano, Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo e L.A.R. Legido na batería.

 

+Info: http://www.focusgalicia.com/

  noticias