VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE DECEMBRO
Última edición do ano do Videoclip Club, a selecta cinemateca de GalicianTunes en YouTube. Estes son os cinco vídeos que engadimos en decembro:
Camiño Branco. Najla Shami
A hipnotizante melodía da kalimba e a potente voz de Najla Shami xúntanse para musicar o poema de Rosalía de Castro Camiño branco, pertencente ao seu álbum Na lingua que eu falo (Galaxia, 2013), un libro-disco adicado á lingua de Rosalía onde interpreta varios dos seus poemas e complementa coas súas propias composicións de líneas rosalianas. Baixo a dirección de Marcio André de Sousa, a cantautora galego-palestina mergúllanos nese “camiño branco” cun vídeo que, ademais de poñernos os pelos de punta, pon o mundo patas arriba ao mostralo dende un punto de vista arriscado, fresco e novidoso.
La Fe. Misterioso Viaje Holanda
O vídeo foi seleccionado polo Festival de Cans e o disco foi escollido como Disco do Ano en Galicia pola revista Mondo Sonoro, pero Misterioso Viaje Holanda perderon a fe. Incluído no seu último traballo MVH (2014), La fe é un tema que deixa en evidencia a evolución do grupo aproximándose máis á electrónica con guitarras agresivas e cun clip perfectamente en sintonía coa canción. A artista madrileña Paula Fraile foi a encargada de realizar e ilustrar un vídeo no que cada beat rompe, simultáneamente, nunha explosión de cor, con primeiros planos dos integrantes do grupo como lenzo e cortes dunha estrada que parece non ter final.
Sin embargo. Nouvelle Cuisine
Realmente eles son tres, aínda que no vídeo vexamos dos e medio, catro e ata seis Nouvelle Cuisine. O grupo coruñés presenta a canción Sin embargo, do seu álbum La guerra del volumen (2010), en múltiplos de dous e baixo a dirección de Miguel Mariño. Coñecidos polo seu pop artesán, en minúscula, de rexistros varios e cargado de emocións, este videoclip introduce un xogo de espellos e simetrías que, ás veces dividen ao grupo, outras o multiplican e incluso converten a un deles nunha margarida de pétalos vermellos. Portada da revista creativa Neo2 quizais non, pero o seu pop fresco, ben podería poñerlle a banda sonora!
Ahogándonos. Villanueva
É o mannequin challenge feito videoclip. Villanueva confiou en Manuel Portolés para presentar o vídeo que acompaña a Ahogándonos, tema incluído no seu LP Viajes de ida (Esmerarte, 2014). Pioneiro nesta práctica, xa que foi publicado hai máis dun ano, o cantautor vigués quixo reflectir unha época da súa vida na que quedou sin voz e non podía cantar, o que significou un estancamento musical que lle fixo sentirse, tal e como amosa o clip, inmóbil, ancorado no tempo e sen saber que facer. Deixamos que descubrades se conseguiu levantarse… Spoiler? Está a piques de sacar o seu segundo disco.
Antes de nacer. Jhonander
Segundo Jhonander, dende o útero vese en branco e negro, con escintileos escarlata, e escóitase rock, pero rock do duro, nada de rock instrumental para oídos sensibles. E así o amosan no videoclip, que eles mesmos dirixen, de Antes de nacer, temazo do seu segundo álbum Sinécdoque (2014): unha actuación a porta pechada, a iluminación mínima de só catro focos (un sobre cada membro do grupo) e, entre fume e unhas JHO iluminadas, guitarrazos para dar e regalar. Caña da boa! Antes de nacer foi galardoado como Mellor Single na primeira edición, e agardemos que non a última, dos premios Pontevedra Ferve en 2015.