• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

HOMENAXE A NARF NO CANTOS NA MARÉ 2017

Homenaxe a Narf no Cantos na Maré 2017
4 XANEIRO 2017

A décimo terceira edición do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré será inesquecible, non por pechar unha etapa que dará lugar a outro formato de festival o vindeiro ano, senón porque será en lembranza de Fran Pérez Narf, cancionista galego finado o pasado novembro e compañeiro de viaxe da directora artística e madriña do festival, a cantante Uxía.

Para tal ocasión, o Pazo da Cultura de Pontevedra recibe un cartel con artistas chegados dende África, América e Europa. O angolano Paulo Flores, unha das principais referencias musicais do seu país, defenderá a semba, estilo que fusiona ritmos diversos, maiormente da guitarra, coa base fundamental da música africana: a percusión. Pola súa parte, Manecas Costa, artista guineano e irmán musical de Narf, porá as melodías da África máis vibrante e salvaxe. A cantora Kátya Teixeira cruza o charco e, dende San Paulo (Brasil) onde naceu e creceu coa música popular brasileira, deleitará coas súas composicións, unha combinación de coñecemento e experiencia que resultan en sonoridades afíns ás auténticas manifestacións culturais do seu país natal.

Do país veciño, do Alentexo portugués para ser precisos, subirá ao escenario Celina da Piedade acompañada do seu acordeón, o instrumento que tan ben complementa a súa voz e o seu carisma, para compartir un repertorio composto por temas propios mestura do cante alentexano con novas melodías, e temas doutros autores como o arxentino Atahualpa Yupanqui, o brasileiro Gilberto Gil ou o portugués João Gil. A presenza galega a porá, ademáis de (por suposto) Uxía, a cantautora Guadi Galego, ben coñecida polo particular e arriscado xiro que lle imprime á música galega de raíz e que presentará o seu novo traballo O mundo está parado (Fol Música, 2016).

Estreando a temporada musical, Cantos na Maré xirará sobre o espacio cultural común delimitado polos usos lingüísticos co obxectivo de interesar á comunidade musical que canta en linguas próximas á nosa. O festival celebrarase o sábado 14 de xaneiro, ás 21.00 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra, pero os días previos haberá actividades complementarias como un curso de canto alentexano con Celina da Piedade, un encontro escolar con Kátya de Teixeira e unha conversa musical con Manecas Costa.

As entradas xa están a venda en ataquilla.com.

 

  noticias