INSCRICIÓNS ABERTAS PARA OS IV PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
Promovidos pola asociación de Músicos ao Vivo e co apoio da AGADIC, entre outras entidades, os IV Premios Martín Códax da Música abriron o prazo de inscrición para todos aqueles proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2017, léase «proxectos musicais» como grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou fóra da comunidade por músicos galegos.
Los Martín Códax, recoñecementos á diversidade e calidade das producións musicais galegas, presentan dúas grandes novidades para esta cuarta edición. A primeira delas é que os proxectos gañadores na pasada edición 2016 non poderán volver presentarse. A segunda é a posta en marcha dun novo sistema de votación, que este ano inclúe un xurado profesional.
Deste xeito, nunha primeira fase, os socios de Músicos ao Vivo elixirán a tres finalistas de cada categoría, que se darán a coñecer o 6 de abril na Festa dos Nomeados nas adegas Martín Códax (Cambados). O xurado profesional, composto por sete profesionais do sector (1 xornalista, 1 representante de salas, 1 representante da industria musical, 1 representante da formación musical e 3 músicos), será o encargado de decidir que proxectos recibirán o Melómano o 3 de maio, día no que se celebra a gala no Pazo da Cultura de Pontevedra e cando se entregarán as estatuíñas, repartidas en 16 categorías, 3 Premios Organistrum e 1 Premio Honorífico.
As 16 categorías son: Pop e Indie • Rock • Blues, Funk e Soul • Metal • Canción de Autor • Hip Hop e Músicas Urbanas • Reggae, Ska e Mestizaxe • Electrónica • Música Clásica e Contemporánea • Jazz e Músicas Improvisadas • Música Tradicional Galega • Folque • Músicas do Mundo • Música Infantil • Orquestras, Grupos e Música de Verbena • Coros e Grupos Vocais. As 3 categorías que compiten polo Premio Organistrum son: Salas • Festivais • Espazos de Comunicación Musical. Por último, Músicos ao Vivo recoñecerá a traxectoria dun artista galego co Premio Honorífico Músicos ao Vivo.
O prazo de inscrición é libre e gratuíto e estará aberto ata o 5 de marzo en http://www.premiosmartincodaxdamusica.com/rexistro; lembrade que non fai falta ser socio de Músicos ao Vivo para presentarse, só para votar. Lede a convocatoria completa seguindo esta ligazón e, para máis información, ide ás FAQ.