PREMIOS MIN 2017: CANDIDATURAS AO MELLOR ÁLBUM GALEGO
A semana pasada presentabámosvos as candidaturas galegas ao Mellor Videoclip nos Premios MIN, e hoxe vos deixamos os discos que optan ao Mellor Álbum Galego. Dádelle ao play e desfrutade da música destes artistas. Veña, que se escoiten eses click, click, click, que aínda podedes votar ata o 28 de febreiro!
A Banda da Balbina [Ver en GalicianTunes]: Convertindo cuncas en ferrados (Sonaxe Records, 2016)
Convertindo cuncas en ferrados (Sonaxe Records, 2016) é o segundo disco desta banda no que manteñen os ritmos e melodías festeiras que lles caracterizan, ademais de contar e cantar historias propias coa clásica retranca galega.
Arrhythmia: II (2016)
Este último traballo combina os ritmos e mensaxes do seu disco anterior, III (2012), pero bebendo do stoner e do hardcore e incorporando samples e sintetizadores sen perder o formato trío.
Caxade [Ver en GalicianTunes]: E isto é o amor (Discos da Máquina, 2016)
Ademais de temas actuais e a incorporación de seres imaxinarios, creados por Alonso Caxade, en E isto é o amor (Discos da Máquina, 2016), introdúcense melodías electrónicas que fan deste un lanzamento con moita forza que sorprenderá aos amantes da música indie e folk.
Eladio y Los Seres Queridos [Ver en GalicianTunes]: Cantares (2016)
Eladio y Los Seres Queridos fan unha humilde e emotiva homenaxe con Cantares (Esmerarte, 2016), onde recollen 11 versións de cancións tradicionais, achegándoas aos nosos tempos para que non queden no olvido.
Fernando Barroso [Ver en GalicianTunes]: Intropía (Producións do Cuarto Baleiro, 2016)
Intropía (Producións do Cuarto Baleiro, 2016), primeiro traballo en solitario do músico ferrolán, conta con 17 temas propios interpretados con 30 instrumentos distintos (bouzouki, mandolina, banjo, cavaquinhos), presentando unha orixinal sonoridade no ámbito do folk sinfónico.
Gelria [Ver en GalicianTunes]: Cantos de poeta (2016)
Gelria é un trío musical que leva tres anos presentando a súa música ao longo de toda a xeografía galega, ademais de facerse notar en Holanda, Cataluña o Madrid. Deron ou gran paso coa publicación de Cantos de Poeta (2016) un libro-disco que busca difundir os versos dos nosos autores non só en Galicia, senón tamén fóra das nosas fronteiras.
Guadi Galego [Ver en GalicianTunes]: O mundo está parado (Fol Música, 2016)
Guadi Galego consegue conquistar ao público con cancións cargadas de sentimento e paixón As súas letras de carácter persoal calan profundamente, facéndonos pensar e, por enriba de todo, sentir. O seu último traballo en solitario, O mundo está parado (Fol Música, 2016), amosa a universalidade e a diversidade, conceptos que invitan á reflexión sobre a imposibilidade da coherencia.
Ialma: Camiño (De Bruxelas a Santiago) (Homerecords.be, 2017)
Ialma, cuarteto formado por Verónica Codesal, Natalia Codesal, Magali Menéndez e Marisol Palomo, presenta o seu quinto disco, Camiño (De Bruxelas a Santiago) (Homerecords.be, 2016), no que se centran na mestura de culturas para amosar unha Galicia aberta ás linguas, tradicións e costumes.
Labregos do Tempo dos Sputniks: Libremente (Vir Ouvirmos, 2016)
Labregos do Tempo dos Sputniks é un trío musical composto por unha batería-guitarra, rap e voces. No seu último álbum, Libremente (Vir, 2016), inclúen música de protesta e cancións marcadas por estilos como o punk, rap, reggae, ska e ata música tradicional. A súa posta en escena e a súa frescura converten a este trío nun verdadeiro espectáculo visual.
Malandrómeda: Cada can que lamba o seu carallo (Matapadre, 2016)
Grupo compostelán pertencente ao mundo do rap galego, Malandrómeda publica Cada quen que lamba o seu carallo (Matapadre, 2016), un LP que supón a representación máis colorista dunha Galicia global.
Orquestra de Jazz de Galicia: Fame (OJG, 2015)
A Orquestra de Jazz de Galicia, formada por algúns dos músicos máis importantes da escena galega actual, destacan en estilos como o jazz, a música sinfónica e a música tradicional. Estrénanse no mercado discográfico con Fame (OJG, 2015), onde buscan a relación entre a música tradicional e a música improvisada contemporánea.
Os Amigos dos Músicos [Ver en GalicianTunes]: Os amigos dos músicos (Gran Derby Records, 2016)
Os Amigos dos Músicos veñen pisando forte cun álbum homónimo de pop-folk alternativo enmarcado nunha poética e tradicional música galega. Este primeiro LP reivindica a súa faceta como melodistas e creadores de sons e estruturas sinxelas, fuxindo dos excesos e buscando que o oínte desfrute do minimalismo musical
Primordiais [Ver en GalicianTunes]: Droguería moderna (2016)
O dúo composto por Luís Martíns e Marcelo DoBode combina arpa, voz e percusión cun toque de jazz, aportando un aire de modernidade á música tradicional galega. Droguería Moderna (2016) trasládanos a bonitos xardíns onde aflora toda a beleza sonora grazas á peculiar combinación dos instrumentos.
Secho y los invisibles: (Discos da Máquina, 2016)
Xa fai un tempo (Discos da Máquina, 2016) nace da mestura de modernidade e tradición, do rock e do folk. O resultado son temas íntimos e urbáns de denuncia social cos que pretenden chegar á esencia das cousas e lograr a complicidade coa xente.
Sés [Ver en GalicianTunes]: Opoñerse á extinción (Fol Música, 2016)
Neste cuarto traballo, Sés segue demostrando a súa forza persoal e espírito reivindicativo con estilos coma o blues, o rock e sons latinoamericanos. Coma ela mesma o define, este álbum está composto de certa dose de humildade e sinceridade, converténdoo nun chisco de amor á cultura á que pertence.
Sonia Lebedynski: Deserto de centos (Sonaxe Records, 2016)
Deserto de centos (Sonaxe Records, 2016) vén cargado de tradición e amor por cada xesto de vida, amosándonos unha nova perspectiva dos elementos que nos rodean coma a súa beleza natural, o valor do tempo e da interacción coa nosa contorna. Lebedynski deixa claro que o verdadeiro amor non se amosa con palabras, senón con xestos, detalles e miradas.
O Tempo dos Xogos: O tempo dos xogos (Sonaxe Records, 2016)
Dirixido aos máis pequenos da casa, O tempos dos xogos (Sonaxe Records, 2016) é un repertorio que ofrece unha aventura musical e á vez pedagóxica, xa que as cancións están baseadas no mundo rural, o mar, e os xogos populares entre outros.
Xoán Curiel [Ver en GalicianTunes]: Ecuacións (2016)
Ecuacións (2016) é un disco experimental que vai nunha liña diferente ao que nos ten acostumados o artista Xoán Curiel. Este traballo desprende voces líricas, aires íntimos e bases de datos electrónicas.
Xosé Lois Romero & Aliboria: Xosé Lois Romero & Aliboria (2016)
Este álbum ve a luz baixo a dirección de Xosé Lois Romero e o grupo Aliboria, composto por un conxunto de músicos galegos novos que, combinando as súas potentes voces e os innovadores arranxos na percusión tradicional, reinventan os cantos e ritmos ancestrais de Galicia.