NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2017
Primeiros bicos – Ataque Escampe
A mediados de ano e vía Bandcamp, Ataque Escampe presentaba Papá borracho/Alan Lomax (Discos da Máquina, 2016), un single adianto do que sería o seu noveno traballo discográfico... e nos deron os seus Primeiros bicos (Discos da Máquina, 2017) o pasado 14 de febreiro; dez temas máis intensos e bailables que mesturan blues do deserto, R&B de Nova Orleans e rumba do Congo, todo pasado por un sintetizador a pilas. O álbum, unha oda á xeración da eterna adolescencia a ritmo de merengue, surf e krautrock, destaca polo deseño da portada: unha capa de tinta rasca que agocha catro modelos diferentes, obra de David Silva. Con temazos como “Barrio Sésamo” ou “Corazón”, Ataque Escampe convídanos a bailar porque, como eles din, «se non é agora, cando?».
Mãe – Paulo Silva Trío
Paulo Silva é un ben coñecido baterista e percusionista que ten acompañado a músicos de moi diversos estilos e do talle de Dulce Pontes, Uxía, Narf ou Abe Rábade. En Mãe (Free Code Jazz Records, 2017), o seu primeiro disco en solitario, combina composicións propias e clásicos do jazz acompañado por Valentín Caamaño na guiterra eléctrica e Alberte Rodríguez ao contrabaixo.
Fogbound – Fogbound
Experiencias e sensacións recollidas en dez temas, algúns dos concertos, outros exclusivos, cargados de significado e sentimento. Os coruñeses Fogbound coróase coa publicación do seu primeiro LP, Fogbound (The John Colby Sect, 2017), un traballo 100% analóxico, desde a gravación ata a edición en vinilo, limitada a 500 copias. Gravado en rigoroso directo nos Estudios Brazil (Madrid), a banda aposta por un cambio nas melodías e unha ampliación no rexistro, incluíndo mellotron e piano de cola, ademais de endurecer algunhas das súas letras como, por exemplo, “Eternal Promise” ou “Imagine the End”, que se complementan cun pop psicodélico que lembra a The Factory ou Plastic Penny, e a que xa nos teñen acostumados.
A Persistent Lack of Ambition – Duister
O pasado 7 de febreiro vía a luz o nuevo traballo de Duister, A Persistent Lack of Ambition (El Muelle Records, 2017), unha pequena colección de cancións compostas entre Galicia e os Países Baixos nos últimos dous anos. Os temas repousaron e foron tomando forma durante moito tempo, resultando así nun álbum con maior unidade entre canción y canción, polo que pode escoitarse cronolóxicamente de principio a fin. Con ilustracións a cargo da deseñadora María Pampín e cheo de detalles, Duister intenta capturar paisaxes e pequenos sons da vida cotiá, xa sexa en recunchos de terras galegas ou na súa propia casa, que incorpora a outras tantas capas de guitarra. Abride as orellas mentres escoitades “A xente fala demasiado e eu só quero estar tranquilo”, descubriredes que todo o que nos rodea pode ser transformado en música.
Indoevindo – Milesios
No seu segundo álbum, Milesios cambia a silla e a barca por unha bicicleta e un paraugas, polo menos graficamente. Gravado en Abribueiro Estudios (Lugo), Indoevindo (2017) está composto por 11 pezas que mesturan as melodías galegas e irlandesas con outras de composición propia baseadas nos versos do poeta chairego Manuel María. O disco preséntase en formato libro-CD, no que descubriremos unha auténtica paisaxe sonora grazas ás fotografías de Daniel Díaz que evocan o noso ir-e-vir cotián.
Piano Covers Vol.1 e Vol.2 – Nico Casal
2016 comezaba cun Oscar á Mellor Curtametraxe por Stutterer (2015), o 2017 con non un, senón dous discos baixo o brazo. Nico Casal, pianista e compositor, recolle en Piano Covers Vol. 1 (2017) e Piano Covers Vol. 2 (2017) versións en piano, ou con arranxos, de temas actuais como “On Top of the World” de Imagine Dragons ou “Love Yourself”, orixinal de Justin Bieber. De momento, só podemos escoitalos en Spotify ou YouTube. E por que versións? O artista afirma que «en Youtube apenas hai versións así, a gran maioría están editadas, así que intento facer algo distinto, coidando o máximo que podo a realización e o son (...) e improvisando en todos os temas e incluso deixando fallos para que teña ese toque de directo».
4 – Window Pane
Dez anos despois do seu último traballo discográfico, Window Pane volve á carga cun dobre vinilo autoeditado onde vemos a unha banda sincera e honesta, á marxe de modas ou tendencias. 4 (2017) é un álbum máis maduro, intenso e visceral de paisaxes enérxicas e evocadores con cambios de ritmo salvaxe e melodías cálidas e brillantes. O grupo coruñés contou coas colaboracións de Álvaro Lamas (steel guitar), Marcos Sánchez (vibráfono), Reich González Churchs (saxo) e Johnny Fingers (teclados). A monstruosa ilustración da portada é obra da deseñadora Laura Wächter.
Comets Enroute – Comets Enroute
Comets Enroute trasládanos, lentamente, a un escenario onde o misterio e a melancolía apodérase de nós grazas a unha suave e delicada voz que nos guía neste encontro íntimo e persoal. Blanca Pereira (guitarra, voz) e Samuel Pérez (batería) veñen de publicar o seu primeiro single, Comets Enroute (2017), gravado nos Estudios Bonham (A Coruña) coa colaboración de Carla López (teclados) e Paul Álvarez (guitarra). Composto polos temas “Don’t You Know” e “Wish I”, o seu traballo ten unha base alternativa pop que o está petando nas redes sociais, convertendo a Comets Enroute en todo un descubremento.