• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

INDOMABLE PRESÉNTANOS EN EXCLUSIVA OS SEUS DOUS PRIMEIROS VÍDEOS

Indomable preséntanos en exclusiva os seus dous primeiros vídeos
12 MARZO 2017

Solista indivisible, one-man-band en acústico, músico en xira constante; así é, musicalmente falando, Indomable. Arturo Rodríguez, artista ourensán, sorpréndenos con este proxecto personal que se move entre o folk, o rock e o pop íntimo e do que podemos desfrutar no seu álbum debut, Incondicional e imperfecto (2016). Viaxes, vellas guitarras e noites solitarias agóchanse detrás de temas persoais e íntimos que Arturo defende coa intención de coñecer ata onde é capaz de chegar en solitario.

Case un ano despois da publicación dese primeiro traballo, entre bolo e bolo, Indomable presenta en exclusiva en GalicianTunes os seus dous primeiros vídeos, “Exploradores” e “Acto de riesgo”. Falamos con el e o resultado é esta conversa incondicional e imperfecta «desde a cidade dura e salvaxe ou desde o interior da xungla, íntima e inquieta». Quen sabe?

 

«Indomable», «incondicional», «imperfecto»: parece toda unha declaración de intencións. Cres que serían bos adxectivos para describirte como músico?

Podería ser si... todo está conectado.

 

En Incondicional e imperfecto (2016) falas deses exploradores do século XIX que movidos pola curiosidade se introducían en terras ignotas expoñéndose a innumerables peligros. E a viaxe non sempre remataba ben. Percorriches Australia, viaxaches... é imposible non facer a comparación, canto hai en ti dese espírito dos antigos exploradores?

É un símil bastante acertado. Gústame a aventura e saír da zona de confort, descubrir, probar... poderíamos entendelo como que teño ese espírito que comentas atopándome en medio dunha expedición por esta xungla de mundiño

 

O 5 abril de 1848 Ludwig Leichhardt acompañado doutras seis persoas partiron do leste de Australia. Pretendían explorar o continente atravesándoo de leste a oeste. O primeiro fracasara, pero arriscou un segundo intento. Non se volveu ter noticia da expedición. A historia cóntase en "Ignota".

“Ignota” é unha canción que intenta reflectir a segmentación dun grupo de persoas que teñen nun principio un obxectivo común, pero que, debido á dificultade do camiño, unha parte decide abandonar. Escribina en Patos (Val Miñor) durante un retiro que tiven. Cando me decatei xa estaba aí, non sei... Esa canción como que xa existía na miña cabeza, pero non a daba palpado aínda véndoa clara, así que como que saíu a modo de parto repentino. Mola cando iso pasa.

 

Mesmo os temas máis intimistas parecen falar sobre a procura e sobre os riscos que supoñen facela, de ir máis alá.

Con determinadas interpretacións así pode parecer... é sinxelamente unha cuestión de supervivencia. Se quedas estancado nun mesmo sitio á metade da túa viaxe vai chega un punto no que esgotes as túas necesidades vitais e teñas que moverte a outro lugar onde as atopes de novo. Foi así durante milenios e a min, coa música, cos estilos e as composicións propias, pásame o mesmo.

 

Pasaches de facer música electrónica con El Cuerpo del Ritmo a unha música máis núa, acústica e directa. Non é tamén un acto de risco e de exploración?

Si, sáeme así. Buscaba algo libre, práctico e fácil. Con eso como base, ata onde me leve todo isto.

 

Unha guitarra acústica, un bombo e unha harmónica... Dito así, non pode dar unha falsa sensación de sinxeleza? O disco é moito máis complexo e arriscado que iso, non?

Realmente a min paréceme un disco sinxelo. Non pretendo unha mega produción agora mesmo porque sería absurdo. O disco non creo que sexa fast food pero tampouco comida de deseño. Son temiñas que saen tal que así e, á hora de presentalo en directo, é meterse, bailalo e camiñar co tema.

 

Pero é un disco moi traballado: gravacións de campo, certa tendencia ao instrumental. É un xeito deliberado de explorar límites?

Si, é que iso creo que vai pasar sempre. Existían máis partes cantadas que finalmente optei por sacalas e deixalas instrumentais.

 

Hai exploración, pero gústache chamalas «cancións desde o sofá». A inspiración sempre chega coa volta?

Creo que o balance das voltas a casa adoita nutrir máis, pero o sofá poder ser tamén un bo compañeiro de viaxe.

 

Comparóuseche con José González e mesmo con Neil Young ou Bob Dylan, como o ves?

Olé! Son peña de moi longo percorrido, gústame.

 

Vendo o resultado final e coñecendo o seu traballo pode parecer moi obvio, pero que é o que che levou a contar con Leo Sousa para a parte gráfica do disco?

A Leo Sousa cheguei pola primeira portada de BALA [Human Flesh, 2015]. Ese curro para ese disco mola bastante, pero recoñezo que non me flipei ata que ollei os seus outros traballos atopando versatilidade e cousas diferentes. Decateime de que era paisano meu de Ourense e que tiñamos colegas en común. Quedei con el en Santiago unha mañá para almorzar, falamos caralludamente e pilloume o rollo á primeira. Moi contento e satisfeito.

 

"Acto de riesgo" e "Exploradores" son os teus primeiros vídeos. Son directos "incondicionais e imperfectos"?

Si son os primeiros vídeos que fago e si son «incondicionais e imperfectos». Agora non quero un videoclip ao uso porque o que me mola é executar os temas en directo e así o fixen. Graveinos con Senén [Rouco] e Borja [Freire], dous colegas de Montealto nunha mesma noite. “Acto de riesgo” no Café Universal de San Ándrés (A Coruña) porque é un bar de sempre e portáronse guai connosco. Para “Exploradores” subímonos á cidade vella a dar un paseo e facer á caída o tema en plano secuencia cun frío terrible. Saíron aínda agora porque sin unha boa quenda de bolos previa non mo podería permitir.

 

En “Exploradores” relatas unha travesía mencionando o difícil que é voltar ao porto de partida. Logo de vivir en catro países diferentes, é así como describirías a túa volta á casa?

Cando escribín o tema tan só pretendía ilustrar unha viñeta que reflectise os tempos cando o ser humano se introducía nos océanos na procura de novos coñecementos e rutas xogándose a vida. Debuxar a figura do heroe anónimo e aqueles fitos e descubrimentos non tan coñecidos, pero incriblemente trascendentais para o resto da humanidade.

 

“Acto de riesgo” tamén fala dunha exploración de terra descoñecida, pero unha máis cotiá: é un convite a procurar os propios límites, a non acomodarse? 

Exacto, é algo máis levado ao día a día. Moita xente a ve como canción triste, pero en realidade é un tema de esperanza, e creo que ata motivacional, desde un punto de vista real. Isto non é Bambi, contar algo así con cores e sabor a lambetada cansa.

  noticias