NOVOS LANZAMENTOS. ABRIL 2017
Barca Quemada - Triángulo de Amor Bizarro
O pasado 21 de abril Triángulo de Amor Bizarro publicaba un novo EP, Barca Quemada (Mushroom Pillow, 2017), un 10” de edición limitada a 500 copias das que, ese mesmo día, só quedaba a metade. Na cara A escoitamos o tema homónimo, unha canción de amor e pop doce entre guitarras, e “Barca de Oro”, balada na que colaborou o «amigo e ídolo» da banda, Joaquín Pascual. A cara B está composta por “A Cantiga de Juan C”, versión en galego da canción popular das Bahamas “The John B Sails”, e “Vuelve Conmigo a Italia”, outra versión, esta vez dos Hidrogenesse.
Cinco anos esperamos para volver desfrutar da «Galicia Tropical» de O Sonoro Maxín en formato CD. Cinco, número primo igual que 7 e 17, cifras singulares que non se deixan dividir por calquera, 7 e 17, días de feira en Ourense arredor da Praza de Abastos, e Setedezasete (Inquedanzas Sonoras, 2017), segundo traballo discográfico desta banda coñecida pola fusión de ritmos latinos. Presentado o 17 de abril, o álbum o compoñen 12 cancións que falan dun lugar exacto da súa vida, pero que levan o noso nome, bailan e cantan como nós, cancións dedicadas ao caos organizado da nosa cabeza, dos nosos pés, do noso corazón e da nosa vida.
Paranoid Lullaby - Winter Project
As distintas influencias dos seus membros, que van dende o rock psicodélico dos 60 ata o jazz, ou blues, resultan nun estilo ecléctico e de difícil clasificación, nunha forma moi persoal de entender a música que xa se avistaba no seu LP debut, Winter Time (2016). Un ano e pouco despois, Winter Project volve á carga con Paranoid Lullaby (2017), un EP de catro cancións que mesturan psicodelia, rock progresivo e hard rock. Vinte e tres minutos de densa atmósfera onde destacan as capas de guitarras saturadas e unha sólida base rítmica que, conxuntamente, crean un ambiente que lembra a Pink Floyd ou The Doors. Gravado en Cabral Estudios (Vigo), escoitamos a unha banda onde cada integrante lócese con elegancia: baterías vigorosas, baixos inxenioxos, guitarras orixinais, teclados ambientais e voces ben harmonizadas.
Sobre el mismo alambre - Silvia Penide ft. Eladio Santos
Silvia Penide é unha intérprete que conecta co público gracias ao un estilo definido pola acústica e un pop contundente e persoal; as súas cancións convértense en suspiros e berros á humanidade. O seu último traballo, Todo pintado de plata (2016), amosa a unha cantautora que nos cativa e nos convida a explorar o noso eu interior e todo aquilo que o rodea a través de nove temas. Sobre el mismo alambre (Artesa de Arte, 2017) é un deles que, en exclusiva para o programa Disco Grande (Radio 3), Penide presenta como novo single coa colaboración do «referente e animal de escena» Eladio Santos, vocalista de Eladio y los Seres Queridos, dúas voces galegas que se xuntan para cantar sobre saír ao escenario e abrir, novamente, o pano.
Rompendo os estándares da música galega, xogando con crúas harmonías e melodías, DOEN lanza a súa primeira maqueta, composta por catro temas frescos e renovadores, para poco tempo despois mergullarse no estudio a gravar o que sería o seu álbum debut. DOEN (2017) ve a luz a principios de abril, un traballo composto por 10 temas de rock en galego co que están xa a percorrer salas, festivais... e o que veña.
Baba Yaga é unha personaxe da mitoloxía eslava, unha velliña desalmada e perversa que se alimenta de persoas, sobre todo de nenos. Cunha perna de carne e outra de óso, esta bruxa representa o lado desgarrador e o melódico, o lado animal e o humano do novo LP de Acidproyect, Baba Yaga (Xonix Records, 2017). O disco, gravado en Xonix Records baixo a dirección de Lolo Arincón, é un traballo innovador e sorprendente, aínda que a banda ourensá segue mantendo o seu particular estilo inclasificable ou, como eles mesmos definen «10 trallazos co eclecticismo e o hedonismo como sinais de identidade». Neste álbum, Acidproyect diminúe o hardcore ao que nos ten acostumados e inclúe un son máis alternativo e progresivo propio do rock and roll dos últimos 60 anos; a súa mestura de estilos e influencias resulta nunhas melodías desbordantes e cativadoras, unha proposta coa que están a abrir portas a un novo público, pero sin esquecerse dos seus seguidores máis fieis.
Cancións para desafinar - A Gramola Gominola
Porque non hai idades para desfrutar da música, o 1 de abril e co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra como escenario, A Gramola Gominola presentou o seu segundo libro-disco, Cancións para desafinar (Ed. Galaxia, 2017) da colección Sonárbore, que también dá nome ao seu novo espectáculo gramoleiro. A banda de música infantil afirma que todos tenemos dereito a cantar, expresarnos e, se é necesario, berrar, porque a música non é máis que emocións e sentimentos. Moito, moitísimo rock, soul, un tema «de taberna irlandesa», gospel, funk, enerxía positiva e alegría en 13 temas sobre a natureza, os animais ou os xogos que o ilustrador Iago Araujo plasmou á perfección na portada e nas 24 páxinas do libro.
E se queres estar ao día dos novos lanzamentos dos nosos artistas e grupos en Spotify, sigue a nosa lista de novidades "GalicianTunes 2017 Singles":