• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11 VERSIÓNS MOI ORIXINAIS

11 versións moi orixinais
11 MAIO 2017

Como? Que o orixinal sempre é mellor? Pois aquí vos deixamos a excepción que confirma a regra... e outras dez excepcións máis. Recompilamos once versións de cancións de estilos totalmente diferentes, desde música popular galega ata o éxito mainstream do ano. Unha listaxe chea de arte, talento e "orixinalidade", que nos amosa como os nosos artistas infunden a súa personalidade a cancións que todos coñecemos.

 

Despacito – Efraím Díaz

Abrimos a lista coa canción do ano, “Despacito” de Luis Fonsi e Daddy Yankee, interpretada por Efraím Díaz cun instrumento tipicamente galego, o pito pastoril, un parente da frauta coa que está actualmente traballando para recuperar o seu uso. No vídeo, Díaz versiona o hit fronte á cámara xunto á partitura, moi ao estilo dos covers instrumentais que atopamos en YouTube e que, malia o simple que é en aparencia, o resultado é aditivo.

 

 

Dubidámolo, pero por se alguén aínda non sabe que é “Despacito”...

 

 

 

Right Here Waiting - Chupadeskay

Pablo Barge, solista de Chupadeskay, consegue facer propio o clasicazo “Right Here Waiting For You”, composta e interpretada originalmente polo cantante estadounidense Richard Marx. A balada foi publicada a mediados de 1989, na era das power ballads, e chegou os primeiros postos das listas de éxitos de numerosos países e como todos os grandes éxitos foi sobradamente versionada, entre outros, pola mesmísima Bonnie Tyler. Hoxe, case 30 anos despois, segue a estar máis viva que nunca.

 

 

A interpretación orixinal de Marx, por aquí.

 

 

 

Meu amor é mariñeiro - Eladio y los Seres Queridos

Unha homenaxe a música popular galega, así é Cantares (Esmerarte, 2016), o novo disco de Eladio y los Seres Queridos. Cancións que escoitaban os seus pais, eles mesmos de pequenos e que esperan que poidan escoitar os seus fillos, como “Meu amor é mariñeiro”, un poema portugués escrito por Manuel Alegre que foi adaptado musicalmente por Adriano Correira de Oliveira en 1963 e, posteriormente, traducido ao galego polo grupo Fuxan os Ventos e para o que Xosé Luis Rivas Cruz, integrante da banda folk, compuxo unha nova melodía hoxe clásica.

 

 

E aquí a versión de Fuxan os Ventos.

 

 

 

Fisherman’s Blues - Escuchando Elefantes

Escuchando Elefantes devólvenos á década dos 80 co seu cover de “Fisherman's Blues”. Mediante un xogo de voces e instrumentación, o dúo formado por Sílvia Rábade e Carlos Tajes, acompañado esta vez por Óscar Lema (percusión), dálle un toque completamente diferente, aínda que sen perder a esencia, a este tema orixinal de The Waterboys de 1988.

 

 

Seguide a desfrutar desta década coa orixinal interpretada polos escoceses.

 

 

 

Cariñito - Novedades Carminha

Quén non coñece xa o “Cariñito” do último disco Campeones del mundo (Ernie Records, 2016)de Novedades Carminha? O que moitos de vós tal vez aínda non sabedes é que este tema é unha versión dunha cumbia escrita polo compositor peruano Ángel Aníbal Rosado en 1979 e interpretada por primeira vez pola agrupación Hijos del Sol, converténdose nun dos clásicos da cumbia peruana. Aínda que os estilos da canción son completamente diferentes, non poderiamos dicir cal é a máis pegadiza das dúas!

 

 

Botarlle un ollo a canción orixinal é unha experiencia case lisérxica.

 

 

 

Gangnam Style - De Vacas

De Vacas é coñecido por facer versións deses temazos que marcan as nosas noites da fin de semana, temas míticos venerados polas masas... como "Gangnam Style", interpretado orixinalmente polo rapero surcoreano PSY e que en 2012 foi o vídeo máis visto da historia de YouTube, unha das cancións máis descargadas e un dos temas máis bailados dos últimos tempos. O cuarteto leva ao seu terreo esta canción, facéndoa moito máis melodiosa.

 

 

Rememorade agora o vídeo (e a coreografía!) que, seguramente, xa veriades (e bailariades!).

 

 

 

Quen puidera namorala – Xoel López

O poema de Álvaro Cunqueiro “O niño novo do vento”, incluído no seu libro Cantiga nova que se chama riveira (1933), foi musicado por vez primeira por Luis Emilio Batallán baixo o nome de “Quen puidera namorala” e publicado no seu LP debut, Ahí ven o maio (Fonomusic, 1975). En 2009, un dos artistas referentes da nova canción española, Xoel López, crea unha versión máis actual, na súa línea pop-rock con tons folk, para que poidamos seguir a desfrutar destes versos clásicos da literatura galega

 

 

Luis Emilio Batallán cantábaa así.

 

 

 

Queen of California – Gonzalo Arca

Gonzalo Arca transpórtanos ao estado dourado de Estados Unidos con este cover de “Queen o California”, orixinal do músico e compositor estadounidense John Mayer, e incluído no seu álbum Born And Raised (Columbia Records, 2012). Gravado ao vivo en El Intruso (Madrid), Arca e a súa banda danlle un toque acústico ao estilo country de Mayer neste tema que nos fala, nun ton introspectivo, do difícil que é deixar atrás as pantasmas do pasado.

 

 

O videoclip oficial da orixinal de Mayer aquí.

 

 

 

Loud Places – Nico Casal

Nico Casal déixanos este cover instrumental de “Loud Places”, orixinal do produtor de música electrónica e DJ británico Jamie xx e incluído en In Colour (2015), amosando deste xeito que calquera tema, independentemente do seu xénero, pode lucirse ao piano. Pianista e compositor compostelán, Casal traballou en cine, documentais e publicidade, e é autor da banda sonora orixinal da curtametraxe gañadora dun Oscar, Stutterer (Benjamin Cleary, 2015).

 

 

Jamie xx a toda cor no vídeo oficial de “Loud Places”.

 

 

 

Doctor Who (Metal Cover) – Carlos Arcay

Non nos podiamos esquecer do metal, das series, das bandas sonoras... e para facelo máis épico, xuntamos as tres cousas para traervos unha versión da intro incluída en Doctor Who - The Beginning Collection (1963), BSO da mítica serieda BBC Doctor Who emitida entre 1963 e 1989, que na actualidade volve estar nas nosas pantallas. O artífice desta singular versión é o guitarrista e produtor Carlos Arcay, que deixa patente o seu estilo cañeiro a través dos acordes metaleiros do seu fiel instrumento.

 

 

Dádelle o play e mergulládevos na electrónica da intro orixinal de Doctor Who.

 

 

 

Lela – Blues do País

Blues do País, dúo formado por Bieitta James (voz) e Pepe King (voz, instrumento), fan versións de temas clásicos de blues e soul pero transforman tamén as súas letras para adaptalos á realidade de Galicia. Incluída en Caseto Sessions (2015), “Lela” é unha versión da coñecidísima “Layla” do británico Eric Clapton. Da man do dúo, esta balada rockeira convértese nunha canción en acústico que nos arrinca un sorriso ao comprobar que a súa nova letra fai dela un tema plenamente galego sen perder por iso a esencia do significado da orixinal.

 

 

Aquí Eric Clapton interpretando “Layla” en directo no Madison Square Garden (Nova York) en 1999.

 

ETIQUETAS

  noticias