NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2017
El camino de los sueños – Sheila Patricia
O soño polo que levaba a camiñar desde hai varios anos, materializábase o pasado 21 de maio baixo o título de El camino de los sueños (2017). Gravado en PKO Studios (Madrid) e producido por Gabriel Peso, Sheila Patricia debuta no mercado discográfico con este EP composto por catro composicións orixinais e dúas versións de temas mundialmente coñecidos. A súa voz, cargada de modulacións e xiros, tínguese de mestizaxe e a súa fusión de melodías jazz e sons máis pretos á música de autor fan deste traballo unha peza cargada de emocións. Acompañada por unha banda, Sheila Patricia interpreta pezas como “Pequeña vals vienés”, poema de Federico García Lorca musicado polo gran Leonard Cohen.
Sacar a bailar - ELØ
Grabado durante o mes de marzo en Abrigueiro Estudios (Lugo) baixo a dirección de Arturo Vaquero, o novo traballo de ELØ chega en maio, como o primeiro froito dunha longa colleita de inverno. Sacar a bailar (2017) está composto por oito cortes minimalistas e contemporáneos onde os versos de Rosalía Fernández Rial flúen entre os acordes do piano de Serxio Moreira. Nunha estrada secundaria, perdida, fóra das cadeas que impiden esvarar, atopámonos con este poético, “Paso a nivel, prohibido adiantar”, alén do asfalto e dos coches con dirección fixa e destino predeterminado.
Adieu or Die Remixes – Aries
O 5 de maio, un ano e pico despois do primeiro aniversario da pequena obra mestra de artesanía pop que é Adieu or Die (La Castanya, 2016), Aries lanzaba Adieu or Die Remixes (La Castanya, 2017) ás principais plataformas dixitais. O EP, composto por catro remesturas, colaboraron dous referentes internacionais da escena electrónica experimental, o dúo dance Prince Rama e o gurú estadounidense Dan Deacon, e dous galegos, BFlecha e Banana Bahia Music. Ecos psicodélicos chegan desde a costa oeste americana para tocar as melodías sesenteiras a través de samplers e sintetizadores, creando espirais que colorean este universo poliédrico e en constante evolución. A versión orixinal de “La fuerza del sonido” caracterízase pola voz en capas, destacando a metafórica meta-mensaxe sobre o poder da música, que BFlecha sitúa dentro dunha trampa rítmica ao engadir referencias musicais dos 80, pero sin perder un ápice desa sensibilidade pop.
diola – diola
Por fin! O trío pontevedrés publica o seu álbum debut, diola (BCore Disc, 2017), logo de ternos un par de anos mordéndonos as uñas tras a publicación do seu EP eh! (2015). Gravado por Jota Gutiérrez e Fernando Mejuto en La Cortina Roja (A Coruña) e masterizado por Víctor García en Ultramarinos, o disco o compoñen dez temas intensos que cruzan o posthardcore e o math rock máis crú, destacando sintes, guitarrazos e ritmos pegadizos que atrapan. Con portada obra do deseñador vasco Iñaki «Fortun» González, diola canta á ironía en “La Gozadera”, á xeración millennial en “New Wave” e mestura puro hardcore con ritmos latinos en “Riñones”.
Diáspora – Vizcaíno
O segundo traballo de estudio de Vizcaíno, Diáspora (2017), ve a luz en plena primavera; dez temas en castelán e un en galego que falan de historias a pé de rúa, que cantan ao corazón contento, ao amor ferido ou a crítica social. Gravado en A Palleira Estudios (O Incio) e con portada obra do bogotano Andrés Wolf, Diáspora é un disco moi coidado no que o cantautor lucense demostra a súa madurez e particular mestura de rock, folk, pop e indie. Vizcaíno preséntao con “Serendipia”, un canto en galego ao amor inesperado ao ritmo de folk-blues, , e un videoclip gravado na súa terra, coa súa xente como protagonista, para celebrar esas pequenas coincidencias da vida que nos fan bailar coa punta do pé.
E se queres estar ao día dos novos lanzamentos dos nosos artistas e grupos en Spotify, sigue a nosa lista de novidades "GalicianTunes 2017 Singles":