• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XULLO

Videoclip Club. Edición de xullo
7 XULLO 2017

Serpiente - Selvática

Un bosque tranquilo onde descansar, perseguir unha serpe pendente do tempo ata traspasar unha porta a outro mundo, facerse grande e pequeno, un sombrereiro moi particular... Desde o primeiro momento o videoclip de “Serpiente”, single presentación do seu novo disco Seres abisales (Discos de Kirlian, Orphan Records, 2017), transpórtanos ao conto de Alicia no País das Marabillas, un vídeo cun final que fai que nos preguntemos si estamos a vivir nun soño ou na realidade.

 

 

 

Liulfe - Davide Salvado

Non sabemos como un videoclip en branco e negro pode transmitirnos tantos matices de cores. Davide Salvado volve amosar a admiración pola súa terra co videoclip de “Liulfe”, peza incluída en Lobos (Fol Música, 2015), o seu último traballo en solitario dedicado a todas aquelas pandereteiras e bailaoras que coñeceu polas aldeas galegas. O vídeo, obra de Jairo Moreno, é visualmente rechamante, non só pola gravación panorámica en branco e negro, senón tamén pola impecable combinación de música e danza, onde os delicados movementos do bailarín de Daniel Pardo e a xa característica voz do cantor engárzanse, creando un traballo audiovisual que fará que ispas todos os teus sentimentos.

 

 

 

Desde o altar - SÉS

Un vídeo con forte personalidade, unha historia contada a través de monicreques sen rostro caracterizados ata o máis mínimo detalle—ollo á fa sostido na guitarra— no videoclip “Desde o altar”, tema incluído no último disco de Sés, Opoñerse á extinción (Fol Música, 2016). Dirixido e producido por ela mesma e gravado por Carmen Rey no Museo Galego da Marioneta, estes títeres con cabeza de cartón e corpo de madeira representan a loita contra inxusticias actuais, como a censura, mentres nos convidan a ter o valor suficiente para romper con eses medos impostos pola sociedade. Se unha imaxe vale máis que mil palabras, unha imaxe cunha canción teñen a forza necesaria para conseguir mobilizar a todo un pobo.

 

 

 

Ouija - Acidproyect

Alerta! “Ouija”, segundo vídeo oficial dos ourensáns Acidproyect, contén escenas que non che deixarán durmir. Unha peli de medo de intensos 4:11 minutos nos que a banda metal relata a historia dunha casa encantada, espíritos e un xogo moi perigoso. O videoclip acompaña a canción homónima do seu álbum debut, Where’s Your God Now? (2014). Es o suficientemente valente para participar no seu xogo?

 

 

 

Nuestro Siglo FnordTriángulo de Amor Bizarro

Podería titularse “Terror en 8 bits”, pero o videoxogo do Conde Lucanor creado por Baroque Decay Games é o videoclip que acompaña a “Nuestro Siglo Fnord”, temazo de Salve Discordia, último LP de Triángulo de Amor Bizarro. De maneira original (e pixelada!), vemos as aventuras do prota, Hans, xunto co grupo coruñés dixitalizado nas diferentes pantallas desta «tourné discordiana».

 

  noticias