• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE AGOSTO

Videoclip Club. Edición de agosto
17 AGOSTO 2017

Este mes, os editores engadiron estes cinco novos vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Felix BaumgartnerLa casa de los ingleses

14 de outubro de 2012. Roswell (Novo México). O paracaidista austríaco Felix Baumgartner ascende ata os 39.068 metros, altura dende onde efectúa unha caída libre que o converte no primeiro ser humano en romper a barreira do son sen apoio mecánico. Verán de 2016. Pontevedra (Galicia). Un pequeno Felix coquetea coas alturas á beira do Lérez, ataviado cunha saba, lentes de mergullar e un casco de moto que, aseguramos, colleu prestado. Así naceu a lenda e así a homenaxean La casa de los ingleses con este single do seu EP Punto de partida (2015) e con este videoclip, dirixido e montado por Anxo Guerra, gravado por este último xunto con Jose Aragunde e protagonizado polo gran pequeno Iago Guerra, o seu particular Felix Baumgartner.

 

 

 

You, homeCora Sayers

Se existise unha novela coa historia que Cora Sayers nos canta no vídeo de “You, home” levaría o título de A moza da navalla tóxica ou quizás O erro de deixarse levar por alguén. Sexa cal sexa o nome, o realmente impactante é a capacidade de contar unha historia así de intrigante en apenas cinco minutos, onde a música aporta a forza e a brutalidade ás escenas. Gravado por distintas zonas da cidade de Pontevedra, onde recoñecemos claramente á estación de autobuses e a Sala Karma, os directores Gero Costas e Romina Doce, de Producciones Mutantes, souberon captar o medo e transmitir os sentimentos. Pensarían xa nunha segunda parte?

 

 

 

MágicaThe Trunks

Entre festivais e primeiros premios, os coruñeses The Trunks estreábanse no mercado musical con Bipolar (2015) e unha carta de presentación que enfeitizaría a máis dun (ou dunha!). Con “Mágica”, deixamos que a maxia flúa, con acordes indie e pop-rock que explotan e se fusionan coa voz e teclados de Rodrigo Valiente. A Sala Grecos (Sada, A Coruña), foi o escenario do videoclip que acompaña o tema, protagonizado pola actriz galega María Mera, The Trunks... e un coello. O xogo de luces e sombras, imaxes fixas que cambian con cada riff de guitarra e se intercalan coa teatreira actuación da banda e rematan con cañas para cinco. A dirección correu a cargo de Lara Capeáns (Moucho Records), e Drum&Roll Studios xunto con MT Producciones foron os encargados da produción e da realización.

 

 

 

ParalaiaBudiño

Hai xa vinte anos que Budiño irrompía na escea musical con Paralaia (1997), o seu primeiro álbum e traballo revolucionario por amosar o folk tradicional desde outro punto de vista. No seu vixésimo aniversario, o gaiteiro moañés publica unha edición remasterizada, da man de Arturo Vaquero, en formato libro-disco, Paralaia (Fol Música, 2016), para a que contou coa colaboración da ilustradora Ana Zon, que reflictiu a súa infancia, o seus comezos, as lendas do Paralaia, o mar... tanto no libro como no vídeo. Unha obra audiovisual que acompaña a este novo Paralaia animado onde chove iconas sobre un ceo estrelado, loitan cabaleiros no alto dunha caveira e nadan sereas entre medusas e luras.

 

 

 

De vuelta de todoNovedades Carminha

Os rapaces de Novedades Carminha demóstrannos que tampouco fai falta moito para crear un bo videoclip. Grazas a unha cámara colocada no lateral do coche, acompañamos ao grupo (e un cadelo!) no seu road trip pola paisaxe peninsular. «Relax» é a palabra que define o vídeo á perfección, e “De vuelta de todo” axuda a transmitir esa paz dabondo, pero iso si, hai que mirar o vídeo ata o final para ver algunha escena diferente, onde o grupo sae do coche para escalar un dos 91 touros de Osborne que hai en España, quizais poñéndonos o reto de adiviñar en que lugar están.

 

  noticias