NOVOS LANZAMENTOS. AGOSTO 2017
Dez cortes conforman o último traballo de David Vázquez, (Un)fearful (2017), dez cortes que soan a darkwave, ambient e pop-noir, unha combinación sonora impecablemente elegante. Facendo referencia ao medo ao inevitable, o artista, que na súa época bebía de xéneros como o trip-hop ou o art-rock, na actualidade toma como principal obxectivo transmitir estados mediante sons, sen ter tanto en conta as creacións dos demais. Con artwork de Celia Espona, este LP sorprende por temas como “Addicted to Stillness”, no que «escoitamos» algo de luz, unha peza «que parte coma algo negativo e abre, recollendo e tratando de despregar beleza a través das palabras».
Directo Mardigras '16 – Amoeba Split
O seu jazz-rock progresivo, influenciado polo Son Canterbury, levounos a listaxes internacionais, sempre co respaldo da crítica profesional e a gran acollida por parte do público. Amoeba Split sorprendía a finais do pasado ano cun concerto presentación do seu segundo LP, Second Split (Azafrán Media, 2016), na Sala Mardi Gras (A Coruña), coa banda ao completo e, logo de varios anos, tocando na súa cidade natal. O grupo segue a sorprender e estrou agosto con Directo Mardigras ’16 (Discos Pat, 2017), unha edición en formato CD-R digipack limitada a 100 copias que recolle un directo que, aínda que non foi gravado coa intención de publicarse, soa demasiado ben para non compartilo. E aquí está, a interpretación en vivo de Second Split ao completo, ademais de versións de Soft Machine ou King Crimson.