VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE SETEMBRO
Estes son os cinco novos vídeos que os nosos editores incorporan en setembro ao Videoclip Club, a nosa particular cinemateca en YouTube:
Caigo y me levanto – Presumido
O día previo ao seu directazo na Puerta del Sol madrileña co motivo do World Pride Madrid 2017, o dúo synth-pop 2.0 Presumido estreaba o seu último videoclip. En exclusiva para a web musical Jenesaispop, “Caigo y me levanto”, terceiro single do seu LP Vendetta (Music Bus Records, 2017), é un canto postapocalíptico, unha historia de violencia e vinganza, en branco e negro, gravada e editada por Jairo Moreno. Con planos detalle, contrapicados e unha brutal sincronización entre os acordes electro-pop e as imaxes en movemento, escuras e elegantes, dos protagonistas. Logo dunha vendetta e un intento de afogamento, seica á terceira vai a vencida...
Quixera – Guezos
En barallete, antiga fala dos afiadores ourensáns, Guezos significa «cativos», e cativos son os protagonistas do novo videoclip da banda folk-fusión ourensá Guezos. Rodado na contorna incrible de Cortegada (Ourense) e realizado por Aitor Uve, César Sobrio e GMG Audiovisual, “Quixera” é un canto a un mundo ideal, un mundo onde se respecta o medio ambiente, se respira paz, e as aldeas están cheas de vida e futuro. Un futuro representado por eles, os nenos e as nenas, que participaron neste proxecto tan especial que combina primeiros planos dos pequenos cantando con outros do grupo actuando sobre o río.
Un picnic en el suelo – Villanueva
«Desde que escoito pola mañá a canción “Un picnic en suelo mojado” saio á rúa de moito mellor humor. Próbeno» afirma a directora de cine Isabel Coixet. Como sairía, entón, se vise o vídeo que a acompaña? Villanueva apostou por un videoclip do máis simpático e bizarro para presentar “Un picnic en suelo mojado”, tema incluído no seu último disco Zoo para Dos (Sony Music Spain, 2017). O clip, considerado lyric video, protagonízao unha Dona do máis peculiar, que baila como ninguén o pop do cantautor vigués, e un Don que ben podería ser un extra de calquera das de Torrente. «Reír contigo, mi amor, en un picnic con suelo mojado…» pois iso, que xa temos plan para esta fin de semana de outono.
Vaciada – Esposa
Calquera lles deixa un teléfono e cinco minutos libres a estes catro! Os rapaces de Esposa aproveitaron unha tarde de solazo en Santiago de Compostela para, segundo eles, xogar un intre a gravarse co móbil. Desta vez, o patio de xogos foi a parte traseira do seu local de ensaio, A Susana, onde os catro integrantes da banda penetráronse no campo de espigas e «xogaron» canto quixeron, comeron unha mazá, brincaron, agocháronse… para logo poñer a secuencia por riba de “Vaciada”, versión de Fantasmage que pertence ao seu LP Xardín Interior (Prenom, 2017). E así, da improvisación, cun só plano e unhas cantas imaxes superpostas, sae un videoclip sinxelo e orixinal a partes iguais.
Ai de min! – MJ Pérez
Ao ritmo da trompeta e cun pincel na man, MJ Pérez pinta a letra do single presentación do seu próximo traballo discográfico, Casandra (2017). Gravado, producido e editado por ela mesma, “Ai de min!” é un clip en clave de lyric video que parte dunha base do máis sinxela: MJ «pintando» a peza, en tons azuis e grises, sobre un fondo branco. A cantautora presenta así un tema que sorprende, diferente ao que nos ten acostumados, máis bailable y cunha historia na que xoga co humor. Aínda que, como di a letra, «mais mira, non te confíes, que nada é o que parece…» estará MJ agochando algo máis?