• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. SETEMBRO-OUTUBRO 2017

Novos lanzamentos. Setembro-Outubro 2017
3 NOVEMBRO 2017

 

A xustiza pola manO Val das Mouras

A xustiza pola man é o segundo LP do grupo galego-catalán O Val das Mouras. Gravado en Bucbonera Studios (Barcelona) por Tomàs Robisco, o disco, que veu a luz o 22 de outubro, está composto por 11 temas que seguen a beber da tradición, con melodías celta-folk grazas á máxica mestura de frauta, guitarra, violonchelo e percusión que baña a doce voz que canta a Rosalía. “Por que?” é o single presentación, un poema musicado de Rosalía de Castro que, aínda que foi escrito hai un par de séculos é de rabiosa actualidade, xa que recolle a frustración e a inxustiza social que asola o noso día a día.

 

 

 

 

Mirabas almasRodrigo Ramos

Rodrigo Ramos emprende o seu proxecto en solitario, unha nova etapa musical caracterizada por un son único e persoal, apoiado pola súa característica voz e unhas letras intimistas e sobordantes de personalidade. O seu álbum debut, Mirabas almas (MMMMusic, 2017), foi gravado en Planta Sónica (Vigo) baixo a produción de Pancho Suárez de Lis e coas colaboracións de Nacho Dafonte á batería, Cristian Durán ao baixo e Javier Miranda á guitarra. Como compositor non tex complexos e en Mirabas almas o cantautor xoga con definidos contrastres entre melodía e letra, a mestura de distintos estilos (folk, pop, rock) e a súa voz. Dez temas compoñen o disco, entre melodías alegres e letras escuras, dez pezas que Rodrigo Ramos define como «algo persoal que resultou ser algo máis, xa que os momentos se quedan en nada se non es capaz de desfrutalos. […]. Os parches e as lembranzas van por dentro, pero son perceptibles algunhas veces, só hai que visualizalos coa mirada axeitada e casi nunca é a propia».

 

 

 

 

Casandra - MJ Pérez

“Ai de min!”, primeiro single lanzado en agosto, xa deixaba entrever o cambio, un xiro de 180º que se reflicte por completo en Casandra (2017). O terceiro álbum, e primeiro de estudio, de MJ Pérez marcado un antes e un despois na traxectoria musical da cantautora de Arzúa que, mantendo a súa esencia pop-rock, arríscase a explorar novos estilos. En Casandra, ademais de escoitar á banda de sempre composta por guitarra, baixo e batería, MJ Pérez sorprende con novos ritmos e melodías provenientes dos ventos (Richi Casás), a zanfona (Martiño Cabarcos), o bouzouki (Paco Cerdeira) e as percusións (Ailén Kendelman). Producido por ela mesma, o disco conta tamén coa colaboración do artista da Costa da Morte Serj, que interpreta a dúo un tema con MJ.

 

 

 

 

 

Espejos y DiamantesEspejos y Diamantes

O seu selo paisano, Ferror Records, é o encargado de presentar a súa primeira referencia, Espejos y Diamantes (Ferror Records, 2017). O dúo synth-pop ferrolán formado por Carlota Barro e Joaquín García (si, o 50 % de Carrero Bianco) estréase cun LP homónimo composto por dez cortes cargados de emoción «mirando aos ollos do pop para atopar a beleza máis salvaxe». Unha banda sonora de synth-pop elegante e emocional para o seu universo persoal e intransferible onde todo, e todos, teñen cabida, léase mozos refinados, belísimas en desorde, Pitita Ridruejo, Ana Obregón, Andy Warhol et al. Gravado e mesturado por Óscar Quant en Sausalito (Ferrol) e masterizado en Río Records (Ferrol), Espejos y Diamantes é un synth-pop sofisticado con cadencia new wave old school melancólica, techno-pop para discotecas vellas cheo de nostalxias, aquelas nas que soaba Grado 33 ou Carlos Berlanga.

 

 

 

 

 

Before The Coma - You dog!!

Logo dunha intesa campaña de crowdfunding, Before The Coma (2017) é, por fin, unha realidade. O segundo disco de You dog!!, banda de rock alternativo, está composto por 11 pezas que afondan en temas de actualidade, as accións do ser humano con (ou contra?) a Terra de «forma tóxica ata que non quede máis que un sopro de aire nos nosos pulmóns». Os riffs das guitarras e a potente cadencia das melodías transmiten a combinación de desesperación, rabia e xustiza, que resulta nunha explosión de emocións que levarán a dubidar da realidade a máis dun. Nesta ocasión, a ilustración de portada correu a cargo de Mm Puhinger e o deseño interno do CD foi obra de Deus Inversus, quen teceu un mundo de sombras no que, quizais, se aviste unha pequena luz.

 

 

 

 

MegavedraCuchillo de Fuego

Tres anos despois da publicación do seu álbum debut, Triple España (Amawisca, 2014) e cun split de por medio, o hardcore sludge, punk-rock tralleiro e letras que alimentan as nosas paranoias de Cuchillo de Fuego volvéronse imparables. E o seu novo LP, Megavedra (Humo, 2017), é boa proba diso. As nove pezas que o compoñen, gravadas en La Cortina Roja (A Coruña) por J. Gutiérrez e Mejuto García, sacan a relucir o orgullo local en temas como “Fiestas de la Peregrina”, o amor capitalista en “La Pasta” ou o narcisismo en “Choque Secreto”, mesturando humor agridoce xunto con autocrítica social e persoal. Escolleron “Nocturno” como single adianto, acompañado por un videoclip rodado en Uganda por Ramon Film Productions baixo a dirección de Isaac Nabwana «con cariño e violencia, pero sobre todo arte».

 

 

 

 

Fragments to Dominate the SilenceMordem

«50 minutos de historias, experiencias e momentos memorables concentrados en forma de música», así describe Elba Fernández o seu debut discográfico na súa nova encarnación, Mordem. Fragments to Dominate the Silence (The White Hunters, 2017) estreouse o 29 de setembro e está composto por dez pezas que crean ambientes e estados nos que predominan melodías máis afastadas do folk da súa anterior reencarnación (Jane Joyd) e máis achegadas ao trip-hop, R&B, ambient, pop ou dream-pop, un estilo máis nórdico e menos americano. Gravado e mesturado por Luca Petricca en Estudios Reno (Madrid) e masterizado por Fred Kevorkian en Nova York, no disco colaboraron grandes músicos como Xavi Font ao piano, David Unison ás baterías (e produción) ou Manuel Cabezalí á guitarra. Os «fragmentos» de Mordem redescóbrense en cada escoita: a soas e cos ollos pechados na nosa habitación ou entre a multitude nun concerto, mentras ela, coa súa guitarra e unha carga de solemne e rotunda beleza, canta á soidade, ao individualismo ou á fraxilidade do ser humano cal poeta británica do século XIX.

 

 

 

 

VetasNítido

Adrián Callejo, cicel en man, traballou as Vetas (2017) da súa madeira durante case dous anos para que, a mediados de setembro, puideran ver a luz. Nítido, proxecto musical deste mozo galego, é «a resposta a unha necesidade de expresión», guitarra en man a ritmo de indie e pop-rock. Os cinco temas que compoñen este primeiro EP, gravado por Eladio Santos e mesturado e masterizado por Víctor Rivas, teñen ese aire intimista que caracteriza as pezas en formato acústico, unha sensación que se enfatiza en canto prestamos atención ás letras, composicións que falan de sentimentos e de sentir, de lugares e o que pasou neles, de idas, vindas e “Todo lo que no se ve”.

 

 

 

 

Otro tango - Pasional Tango

Un par de anos despois do seu álbum debut, Pasional en vivo (2015), o trío arxentino Pasional Tango publica o seu segundo traballo discográfico, Otro Tango (2017). Con Jorge Foscaldo ao piano e Héctor e Sofía Rial nas voces, Pasional Tango volve rescatar e transmitir o sentimento máis puro e auténtico deste xénero musical. Composto por 12 versións de clásicos do tango, como “Niebla en el riachuelo” ou “Nostalgia”, o disco foi gravado en acústico e rigoroso directo nos estudios Bungalow (Santiago de Compostela) para ver a luz o pasado 17 de setembro. Unha vez máis, profesionalidade e experiencia conxugaranse enriba do escenario.

 

 

 

A viaxe de Yoyo - DOUS

O terceiro traballo discográfico destes DOUS artistas, A viaxe de Yoyo (2017), son nove temas que acompañan ao ratiño Yoyo na súa viaxe polo mundo, desde Brasil ata África, pasando por Europa do Leste. Gravado en Estudio Planta Sónica 2 (Vigo) con Pancho Suárez e mesturado en Estudios Cormorán (Santiago de Compostela) con Ramón Campos, o disco é «un paso máis na procura por unha sonoridade propia e unha aposta persoal pola emoción das paisaxes sonoras». Editado en formato digipack, o deseño desta particular viaxe volveu a estar nas mans de Olalla Fernández, o contrabaixo nas de Pablo Pérez e a batería nas de Marcos Vázquez. O de DOUS é unha viaxe sonora, que podemos escoitar grazas a unha afanosa campaña de crowdfunding, composta por pezas como “Paripé”, antes chamada “Swimprovisando”, con moito sentimento e pouco paripé.

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades en Spotify:

 

  noticias