VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE XANEIRO
Este mes, os editores engadiron estes cinco novos vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.
Shadows – Vörtex
Incendios, tsunamis, explosións... ocorren cando este Malfatto (Assasin’s Creed) particular axita o mundo. Así presentaba Vörtex “Shadows”, terceiro single do seu álbum Architects of Misfortune (2017), cun videoclip que nos deixa en mans do destino (ou o destino nas nosas mans?). Eles mesmos confesaron que este tema lles costou «súor e sangue» en canto á composición, pezas que non terminaban de encaixar, pero que cun pouco de traballo chegou a single; un corte que combina pegadizas partes melódicas seguidas de incribles riffs de guitarra. Damián, do colectivo audiovisual Pixelecer, engarzou os acordes cañeiros e as voces desgarradoras nun vídeo que intercala unha actuación do grupo pontevedrés, fragmentos de desastres naturais e unha macabra personaxe vagando polo bosque.
Serendipia – Vizcaíno
«Serendipia: Achado valioso que se produce de maneira accidental ou casual» e, casualmente, tamén single presentación de Diáspora (2017), segundo traballo de estudio de Vizcaíno. No videoclip que o acompaña, gravado no encoro de Vilasouro (Eirexalba, O Incio), Vizcaíno rodeouse da súa xente para transmitir e celebrar as pequenas coincidencias da vida. En galego, con melodías entre o folk e o blues que dan como resultado un son desenfadado e moi persoal, “Serendipia” é un canto ao amor inesperado, ese que chega con intensidade, entre queixumes mudos e indecisión, unha noite fría de febreiro.
Driving Vigo Night – Fernando Barroso
Imaxinádevos percorrer Vigo en 3:43minutos. En coche. Cun solpor sobre as Illas Cíes incluído. O músico, compositor e produtor Fernando Barroso lógrao no vídeo que acompaña a “Driving Vigo Night”, sinxelo do seu álbum debut Intropía (Producións do Cuarto Baleiro, 2016), con Alfonso Merino e Iago M. Souto detrás das cámaras. De noite, e facendo da cidade o escenario principal, o músico ferrolán atravesa Vigo desde O Castro ata Bouzas deténdose a tocar en sitios míticos, como o solo de guitarra que escoitamos xunto ao DinoSeto ou o duelo de guitarras eléctricas entre Barroso e Miguel de Dios na Praza do Rei.
Mente en branco – Guadi Galego
Coa «mente en branco» volvemos pisar a area da man de Guadi Galego no videoclip de “A mente en branco”, segundo single do seu LP O mundo está parado (Fol Música, 2016). En branco e negro, dirixido por Carlos Abal e interpretado por Fredi Muíño, o clip está rodado na praia de Vilarrube (Valdoviño) e emparentado co seu predecesor, “Cedeira”, aínda que con diferencias destacables: a trama desprázase uns 9,30 km, o estilo do director e o concepto global cambian dunha obra a outro; no primeiro ensálzase a colectividade, mentres que o segundo celebra a individualidade. Xuntos, tema e videoclip son un fiel reflexo deste terceiro disco da cantautora galega, quen presenta pluralidade, universalidade e diversidade nunha reflexión sobre a imposibilidade da coherencia.
No niño novo do vento – Abe Rábade Trío
Desde Amancio Prada, ata Astarot, Milladoiro ou Xoel López; “No niño novo do vento”, poema de Álvaro Cunqueiro pertencente a Cantiga nova que se chama Riveira (1933), foi versionado por artistas de diferentes xéneros desde que Luis Emilio Batallán musicouno en 1975. A instrumental e jazz vén da man de Abe Rábade Trío e a súa versión de “No niño novo do vento”, incluído no seu álbum VerSons (Nuba/Karonte Records, 2013). O vídeo que a acompaña, gravado por Noah Shaye con son en directo por Daniel Molina, amosa unha actuación do trío onde Abe Rábade, ao piano, Bruno Pedroso, á batería e Pablo Martín ao contrabaixo, entre primeiros planos e planos detalle que transmiten un romanticismo asociado a paisaxes impresionistas e virtuosas.