NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2018
Que 30 años no es nada – Tangata
E 30 anos dinse moi pronto! Con tres discos no mercado, Tangata celebra o seu trinta aniversario sobre os escenarios coa publicación do seu cuarto traballo discográfico, Que 30 años no es nada (2018), para o que contaron, por vez primeira, coa voz do cantor arxentino Enrique Migliriani. Composto por 13 versións de clásicos do xénero, como “El día que me quieras” de Gardel, Que 30 años no es nada contou coa colaboración de Uxía e está dedicado a Laura Quintillán (Milladoiro), violinista do grupo que non puido gravar este disco, pero que seguirá a colaborar con Tangata. “Chiquilín de Bachín”, composta por Piazzolla con letra de Horacio Ferrer, canta á pobreza, tristeza e inxustiza social na infancia; unha versión na que o bandoneón de Artigas Anelo, o violín de David Veiga, o piano de Alberto Vilas, o contrabaixo de Gustavo A. Barcia e a voz de Migliarini fúndense nesta interpretación conmovedora capaz de erizarnos a pel.
Kate Brumbwach, coñecida como Katie Sandwina, foi unha vienesa do século XIX dedicada ao mundo circense grazas a súa gran forza física. Un par de séculos máis tarde, pasou do circo á protagonizar a portada de Sandwina (dotbeat!, 2018), o esperado novo álbum de The Lákazans, un claro chamamento ao empoderamento real da muller; é a muller quen compoñe todas as letras do disco, enfrentando os sentimentos de dor e adversidade con fortaleza e poder. Volven, logo de dous anos, cun LP que consolida o seu talento compositivo; en Sandwina escoitamos o son característico da banda, máis aberto á música americana, cargado de rockabillies, countries, souls e swings. Gravado en Pouland Studios, o álbum está composto por 12 temas valentes e arriscados, liderados polas letras e melodías de Sabela King, Benja Vázquez e Almudena Gómez.
Live at Silence Lovers Club – Fernando Barroso
Fernando Barroso presenta o seu segundo traballo discográfico moi ben acompañado. Para Live at Silence Lovers Club (Producións do Cuarto Baleiro, 2016) contou non só coa presenza da súa fiel mandolina, senón tamén coa viguesa Margarida Mariño e o seu violonchelo. A diferenza do seu debut, Intropía (Producións do Cuarto Baleiro, 2016), este disco é máis limpo e austero, máis carne de directo, e así é como foi gravado, en directo no auditorio As Pedriñas (Mos). Unha ducia de pezas con acordes swing, jazz primitivo, aires persas ou tradición galega cun único elemento en común: a mandolina.
García-Picos: Obra completa para quinteto de vento – Zoar
Carlos López García-Picos, compositor galego emigrado a Bos Aires nos anos 40, xa ten a súa homenaxe sonora. Os autores? Zoar, quinteto de vento clásico que presentou o seu segundo disco, García-Picos: Obra completa para quinteto de vento (Ouvirmos, 2018). Traballando man a man con Javier Ares Espiño, Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela que realizou a súa tese entorno á figura do compositor, Zoar editou e dixitalizou as partituras orixinais, sacando 22 temas para fagot, trompa, clarinete, oboe e frauta. Gravado en Estudios Mans (A Coruña), o álbum vén acompañado de dous libros de partituras (xerais e partes).
Cinco anos e máis de 250 concertos despois, Maryland están de volta co seu cuarto álbum, Resplandor (Subterfuge Records, 2018). A banda viguesa confirmaba a principios do pasado outono a publicación dun novo traballo discográfico, polo de agora, o traballo «máis valente» de Maryland, dez cortes power-pop que actúan como continuación ao seu último disco, Los años muertos (Ernie Records, 2013). Gravado por Pancho Suárez de Lis nos Estudios Planta Sónica II (Vigo) e mesturado por Santi García en Estudios Ultramarinos (Sant Feliu de Guíxols), Resplandor é un LP onde a combinación de melodías e guitarrazos baña letras emotivas que cantan ao paso do tempo e a continuidade, como este “Ave Fénix”, estreado en exclusiva no “180 Grados” de Radio 3.
E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify: