NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2018
Por fin! Dous Eps de Músculo! dan paso a un ansiado primeiro LP, Músculo!, un álbum que chega logo da grande acollida dos seus anteriores traballos. Gravado en Montreal Estudios (Navarra) baixo a produción de Hans Krugër, o disco está composto por sete cortes nos que escoitamos a evolución da banda pontevedresa hacia un son electrónico máis actual, con temas bailables, atmosferas envolventes e ata pezas máis escuras e lentas, das de sentir cos ollos pechados, como é o caso de “Oxide”. E todo envolto nunha portada que combina escultura e fotografía, deseñada polo artista plástico de Catoira Deif Lou.
Despois da publicación de tres EPs, The Riggos volve ao mercado discográfico co seu primeiro LP, The Riggos (Lemuria Music, 2018). Gravado en Woodpine Studios (Gondomar) por Pedro Feijoo, The Riggos está composto por 14 temas punk-rock que transmiten o espírito riggo a través de letras que contan historias normais desde un punto de vista surrealista. Con retrousos contundentes e pegadizos, guitarras distorsionadas e demais artillaría pesada, o cuarteto vigués quere que o seu público desfrute coas súas cancións, xa sexa en directo ou en “diferido”. No seu segundo single, “Siguiente nivel”, destaca o baixo por enriba das melodías psychobilly que tinguen esa base punk que lles caracteriza.
Melancolía Jackson – David Quinzán
Pouco máis dun ano despois da publicación de Caballito Negro (2016), o seu quinto traballo discográfico co que alcanza a madurez dun estilo propio, David Quinzán presenta agora Melancolía Jackson (2018), EP con cinco novos temas máis narrativos e rectos nos que os sintetizadores e caixas de ritmos bailan a ritmo de world music. Producido polo mesmo Quinzán, xunto con Adrián Seijas e Nicolás Vieites, e masterizado por Guillermo Quero en Q-Studios (Madrid), Melancolía Jackson é un disco de aires power-pop con tinguiduras sintéticas dos oitenta, combinación melódica que pon banda sonora a unha historia sobre o abandono da escuridade. A través da portada, obra de Rebeca Losada, o cantautor quixo reflictir o seu estado de ánimo, o río, do que saen as cancións, que serían os animais. Cando lle preguntan que tema da súa discografía elixiría para “enamorar”, teno claro e, sen titubear, responde, “Sed.”
Outro que tal baila – Tiruleque
O pasado día 17 viu a luz Outro que tal baila (2018), terceiro traballo de estudio de Tiruleque e que, como ben indica o título, é un álbum por y para bailar, mentres que a banda segue a explorar novas posibilidades dentro da música raíz galega. Nos dez temas que compoñen o disco (tres de composición propia), Tiruleque xoga con xéneros variados como escoitamos en “Rumbanera”, peza que mestura a rumba e a habanera, e seis versións de cancións tradicionais entre as que se atopan “Asubíame de lonxe” e “Romance dos paragüeiros”. Outro que tal baila péchase con “Muiñeira do lacón”, gravación orixinal de 2002 coa que debutaron na Radio Galega e que agora recuperan grazas á colaboración de Emilio Españadero (Lume na palleira), un chisco ás súas orixes e aos quince anos enriba dos escenarios.
Noró – Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
O seu primeiro disco xuntos, The Tambourine Man (Músicas de Salitre, 2015), levounos a percorrer unha centena de localidades, dentro e fóra do territorio estatal, a subirse ao escenario do WOMEX, a recoller premios como o Mellor Álbum Galego nos Premios MIN ou o Premio Martín Códax da Música. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre volven xuntarse para Noró (Músicas de Salitre, 2018), álbum dedicado ao norte e a súa xente, ao seu clima e a súa música, cunha mestura de vangarda e tradición. Gravado en Estudio A Ponte (Santiago de Compostela), Noró é unha “declaración de amor ao norte” a través de partituras “sólidas, ancestrais e serenas” en 13 temas onde voz e percusión comparten protagonismo coa zanfoña, violín e acordeón dos irmáns Gutier e Javier Álvarez. Cunha maxestosa fotografía, da cámara de Xoan Piñón, Noró preséntase como un “retrato sonoro” das paisaxes e xente do norte; un norte que, para o cantor, “ule a galletas de limón da vella panadaría de Cerdido e ten forma de furna, labrada polo mar do xeito máis caprichoso co pulso dunha ribeirá eterna”.
O mínimo que o contén todo – ITH
Seis temas de composición propia e “Fiz”, poema do autor Fiz Vergara Vilariño, orixinadio de Samos (Lugo), que eles mesmos musicaron levando ao seu terreo tanto en cuestións melódicas como vocais, como amosa Lucía, quen soubo transmitir os versos con toda a súa forza e paixón. Gravado, producido e mesturado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol), O mínimo que contén todo (2018) é o novo álbum da banda do fillo de Breogán, ITH, que chega case tres anos despois de xirar por toda a xeografía galega. A banda de pop-rock continúa co seu “facer rock galego en galego”, aínda que incluíndo novas ideas aportadas por cada un dos integrantes, con letras que van dende a reivindicación ata o máis puro sentimento e emoción.
The Classical Music Legacy of Japan – Rodrigo Rodríguez
Tres anos de traballo, e silencio, dan como resultado o oitavo álbum de Rodrigo Rodríguez. O maestro do shakuhachi presentou este febreiro The Classical Music Legacy of Japan (2018), traballo discográfico composto por 12 pezas instrumentais, na súa maioría, de tradición nipona. A suave e doce melodía da frauta invita á relaxación, contemplación e ata a homenaxe; con “Balloon Flower Fantasy”, orixinal do compositor xaponés Fukuda Rando, un corte que o músico dedica aos bombeiros e a todos os homes e mulleres que, desesperadamente, loitaron contra máis de 200 incendios que tinguiron negros os verdes bosques galegos o pasado outubro.
Logo dun EP e un split, chega o esperado LP de Kalte Sonne. Ekumen (Violence in The Veins/Western Swarm Records/MPF Records, 2018) estreou febreiro cos seus catro cortes post-rock metal, envoltos nun vinilo negro de 12”. Gravados en Kollapse Studio e con artwork do ilustrador lucense I. Mouronte B., os case 40 minutos de Ekumen asentan as bases do brutal xeito que Kalte Sonne ten de entender a música; un estilo instrumental e post-metal con algunha que outra tinguidura de metal progresivo. Riffs propios do stoner que, mesmo, acadan sonoridades doom protagonizan “Athshe”, peza crúa e escura que nos envolve nunha atmosfera densa durante os seus 13 minutos de duración... ata que finaliza a viaxe psicodélica.
Froito de anos de investigación, Brigan presenta Rúa San Giacomo (2018), o seu novo traballo discográfico ideado entre Santiago de Compostela e Sant’Arpino (Nápoles). Esta particular peregrinación musical do cuarteto italiano, unha breve antaloxía a cabalo entre o Atlántico e o Mediterráneo, está composta por 14 pezas, catro de elas inéditas; temas que combinan sonoridades propias da música do sur de Italia con melodías pertencentes ao noroeste ibérico (Galicia, Asturias e norte de Portugal) en alalás, muiñeiras, xotas, tarantelas ou cantos de traballo. Numerosos colaboradores acompañaron a Brigan durante o Camiño, entre os que atopamos a Harry C. de Milladoiro (violín), Xurxo Fernándes (voz) xunto coas Pandeireteiras sen Fronteiros (pandeiretas), Immacolata Argiento e Maura Siullo de FicuFresche (voces), Pablo Carpintero (gaita), Davide Salvado (voz), Xulio Lorenzo (frauta) e Efrén López Sanz (zanfoña).
Lugo e Valencia uníronse, e non por unha nacional, senón polo debut discográfico de A Veces Ciclón, alá por 2013. A banda volve agora con Cumbayá (Acuarela, 2018), LP gravado, mesturado e masterizado por Rafael Martínez del Pozo no seu estudio de Castro de Cepeda (León). Escoitamos oito temas densos, agrestes e aditivos que beben do nihilismo costumbrista con letras nas que destacan pausas, puntos suspensivos ou silencios. O single presentación, que vén acompañado por un videoclip do máis psicodélico firmado por Rubén Domínguez (Pantis) e Mar Catarina (Esposa, Chicharrón), é o olliño dereito de Óscar Vilariño. “Devalo” fala sobre o desexo, “así, en xeral” e, nos case catro minutos que dura, escoitamos dúas colaboracións: as marimbas de Marc Clos, axitadas con elegancia sobrenatural e a trompeta, sinxela pero efectiva de Ibán Pérez.
E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify: