• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

EN GALEGO E EN FEMININO, ASÍ SON AS GAÑADORAS GALEGAS DOS PREMIOS MIN

EN GALEGO E EN FEMININO, ASÍ SON AS GAÑADORAS GALEGAS DOS PREMIOS MIN
15 MARZO 2018

Logo da votación popular e a profesional, onte puidemos coñecer, por fin! aos gañadores dos X Premios MIN durante a gala celebrada no Teatro Circo Price de Madrid e presentada pola actriz e economista Marta Flich

O dúo catalán María Arnal i Marcel Bagés arrasaron alzándose cos catro premios aos que estaban nomeados; protagonismo que compartiron co grupo vasco Belako, que se fixo con tres galardóns, incluído Premio Flooxer a Mellor Artista. O acento galego, e feminino, póñeno as nosas Uxía e Mordem, premiadas por Mellor Álbum en Galego e Mellor Deseño Gráfico, respectivamente.

«A todas as mulleres por facernos soñar cun mundo máis xusto e igualitario o 8M», destacaba Uxía ao recoller o premio a Mellor Álbum en Galego por Uxía_O (2017), tamén nomeado a Mellor Deseño Gráfico, e que competía cos traballos de Os d’Abaixo, Atrás Tigre, Esposa e Habelas Hainas. Tres EPS, tres, dedicados ás letras de Manuel María amosaron a paixón da grande Uxía pola poesía da nosa terra e, en Uxía_O, a cantora homenaxea ao poeta lucense Uxío Novoneyra. Acompañada polo multiinstrumentista brasilego Sérgio Tannus, Uxía musica 16 poemas de Novoneyra como só ela sabe, con alalás, muiñeiras ou reggae; “Namorado”, “Cain as follas” e “Alalás encadeados” son algunhas das poesías que se poden escoitar no LP, editado pola Fundación Uxío Novoneyra e deseñado por Niko Alvarellos con fotografías de Miguel Calvo, caligramas dalgúns dos versos e unha composición fotográfica na portada sobre una peza feita polo pintor Antón Lamazares

 

Das vinte, a única categoría na que o público non foi partícipe gañouna Mordem, Mellor Deseño Gráfico por Fragments to Dominate the Silence (The Winter Hunters, 2017), con La M.O.D.A., Marta Pérez e Carlos Siles como rivais. En palabras da artista da portada, que non é outra que a propia Elba Fernández: «ese chorrete de cor da portada fíxenllo a 350 discos, si, cun spray, porque na imprenta seguro que no lle poñen tanto agarimo». O «chorrete», a soberbia fotografía en branco e negro ou un máis que coidado packaging fixeron que o debut discográfico de Mordem se alzase co galardón. Fragments to Dominate the Silence son «50 minutos de historias, experiencias e momentos memorables concentrados en forma de música», un LP composto por dez pezas que crean ambientes e estados nos que predominan melodías máis afastadas ao folk e máis achegadas ao trip-hop, R&B, ambient, pop ou dream-pop, un estilo máis nórdico e menos americano que fai que estes «fragmentos» se redescubran en cada escoita. 

 

 

Compartir é vivir, así que vos deixamos a lista completa dos gañadores, e ata o ano que vén! 

Premio El País ao Álbum do Ano - Maria Arnal i Marcel Bagés

Premio Flooxer ao Mellor Artista - Belako

Premio Los40 Trending ao Mellor Artista Emerxente - Maria Arnal i Marcel Bagés

Premio Fundación SGAE á Canción do Año - Maria Arnal i Marcel Bagés

Premio ao Mellor Álbum de Pop - Maria Arnal i Marcel Bagés

Premio ao Mellor Álbum de Rock - Guadalupe Plata

Premio á Mellor Gravación de Electrónica - Ed is Dead

Mellor Álbum de Músicas do Mundo - El Twanguero

Mellor Álbum de Hip Hop e Músicas Urbanas - Gata Cattana

Mellor Álbum de Flamenco - Carmen Linares

Mellor Álbum de Jazz - Moisés P. Sánchez

Mellor Álbum de Música Clásica - Isabel Villanueva

Premio Sol Música ao Mellor Videoclip - Belako

Premio ticketea ao Mellor Directo - Belako

Mellor Produción - Los Planetas

Mellor Deseño Gráfico - Mordem por Fragments to Dominate the Silence (The Winter Hunters, 2017)

Mellor Álbum en Catalán - Xarim Aresté

Mellor Álbum en Euskera - Delorean

Mellor Álbum en Galego – Uxía por Uxía_O (2017)

Mellor Artista Internacional - The XX

Premio Honorífico Mario Pacheco - Rosa Pérez (Fluido Rosa)

  noticias