• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE MARZO

Videoclip Club. Edición de marzo
22 MARZO 2018

Este mes, os editories engadiron estes novos vídeos ao ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

ZeroAgoraphobia

Comezamos o Videoclip Club deste mes desde “Zero”! Pertencente ao seu último traballo discográfico, Incoming Noise (2017), “Zero” é un tema que «é soidade, é desapego, é saber cando chegou o momento de avanzar e facelo». Gravado en A Coruña, dirixido por Xaime Miranda e con fotografía de Iago Villarino, o clip amosa a fortaleza das distintas mulleres que percorren as nosas cidades a diario. Cunha estética especialmente coidada e imaxes limpas, este traballo audiovisual vai alén do físico, centrándose en transmitir emocións, como a coraxe ou a valentía, de mulleres que dan un berro de liberación dispostas a demostrar a súa afouteza a ritmo de rock alternativo e stoner.

 

SolsticeCool Funeral

Seica é primavera, pero por aquí seguimos co paraugas, o chuvasqueiro e as botas de auga. Se es dos que preferirían estar torrándose ao sol na praia en vez de ir de charco en charco, este vídeo chegarache ao corazón. Cool Funeral celebra o solsticio de verán co seu primeiro videoclip para o tema “Solstice”, do seu álbum debut, You Drive Me Crazy (2015), unha viaxe ahora grunge dos 90. Baixo a dirección de Iria Pinheiro coa colaboración de drons e cámaras de Dronix Ibérica da man de Jorge Rial e Frank Torres, o vídeo está inspirado na máxica noite de San Xoán, no cambio de estación e na queima de vellas crenzas. A celebración, e convite a mover o esqueleto, ten lugar na paradisíaca praia de Francón, en Aldán (Cangas do Morrazo, Pontevedra), que nos recibe a vista de dron coa súa auga turquesa, area fina e solazo.

 

DiredesO Val das Mouras

A través de pop-folk e cunha forte carga poética, O Val das Mouras presenta o videoclip de “Diredes”, tema incluído no seu último LP, A xustiza pola man (La Cupula Music, 2017). Gravado por FocusLab, sobre unha idea orixinal de David Cuní, o vídeo desenvólvese ao aire libre onde, entre árbores, a actuación do grupo entremestúrase con saltos de tempo dunha historia de desamor con final incerto. “Diredes” carece de retrouso, pero o poema de Rosalía de Castro, «maravilloso e inspirador» segundo as «mouras», convértese en dúas estrofas unidas por un interludio propio de Bach, que remata nun solo de violoncello dun minuto; lírica romántica do século XIX de estraña insólita harmonía, como diría a nosa Rosalía.

 

La cosa buenaAula 11

Alegría, diversión e, sobre todo, bo rollo é o transmite “La cosa buena”, primeiro videoclip de Aula 11. Aínda non sabemos que é esa cousa boa da que tanto cantan, pero logo de ver o vídeo, andamos ansioso por unirnos. Gravado e mesturado por Iago Pico en Pousada Son, “La cosa buena” é un dos cortes do seu segundo disco, Hoxe de tranquis (2017), traballo cheo de «güena jente e inspectores de sanidade». A esmorga e desenfreo que enlea a banda carballesa quedaron gravados neste vídeo, dirixido por Juan Sebastián Pirola de La Gleyzer Films, unha inchada que non hai quen pare.

 

Dodge ChargerRuxe-Ruxe

Marchou, futuro incerto e guitarra no maleteiro, manexando o volante do Dodge con seguridade, Ruxe-Ruxe deixa atrás a cidade para buscar un lugar onde os soños non teñen final. Así dá comezo o videoclip de “Dodge Charger”, tema incluído no seu LP aniversario, 20” (Lobicán Records, 2016), co que a banda conmemora os seus vinte anos de traxectoria. Dirixido por Alberto Lora para Galunk Producións, o vídeo reflicte as dúas paixóns do protagonista (Titi Gramola), a música e os coches, con fragmentos dunha viaxe a bordo dun Dodge Charger dos 70 no que soa o punk-rock de Ruxe-Ruxe no radiocasete. A viaxe vese interrumpida por unha potente actuación do grupo compostelán que desprende moito rock and roll e aínda máis ghasoliiiiinaaaaa.

  noticias