• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2018

Novos lanzamentos. Marzo 2018
1 ABRIL 2018

 

Vella Canción Galega - Boyanka Kostova

As paredes vibran ao noso arredor e o chan comeza a treme, o corazón acelérase ao escoitar as súas melodías histriónicas... Non poden ser outros que Boyanka Kostova, o dúo compostelán de trap en galego artífice de cancións do verán, “1 Pokito Pa' Ti”, ou bandas sonoras erótico-festivas do tipo de “Konaseinochan” e “Eu non sei xq”. Dous anos despois da publicación da súa maqueta—dous anos de estreas, concertos e festivais esperando *este* momento—o pasado 26 de marzo Cibrán (alias $aibran Gx2) e Chicho (aka O Chicho do Funk) publicaban o seu primeiro EP, Vella Canción Galega (La Melona, 2018). Producido por Hevi (Maladrómeda) e masterizado por Mou (Dios Ke Te Crew), o disco está composto por cinco cortes realistas cargados da retranca á que nos teñen acostumados, con melodías e letras que rachan de tal xeito a estrutura do trap que resultan paródicas. Xogan coa «súa vea quente, festiva e amorosa levando o auto-tune ao límite» con ese flow que segue incitando ao rozamento corporal, baile desenfreado, e o que xurda!

 

 

 

 

El Gatopardo - Triángulo de Amor Bizarro

«Vimos dunha zona brava e por iso a música é brava. Non vamos facer popi para discotecas se non hai popis nin discotecas». E tan brava é a súa música que levan máis de media ducia de referencias publicadas, a máis recente do pasado 23 de marzo. El Gatopardo (Mushroom Pillow, 2018) é o novo EP dos coruñeses Triángulo de Amor Bizarro, composto por catro novos cortes de temática reivindicativa e que, din, serven como continuación do seu último LP, Salve Discordia (Mushroom Pillow, 2016). Gravado en Estudio Uno baixo a produción de Carlos Hernández e con portada de Rubén Domínguez, El Gatopardo foi definido como un EP «moi político», con cancións-insulto como ferramenta de liberación, de transformación, utilizando a música para ver o mundo desde un punto de vista máis agradable.

 

 

 

 

Triangle - Zapa

O que algúns artistas fan aos dez anos, máis ou menos, da súa carreira, él fíxoo aos catro; o coruñés Miguel Zapata debutada con Songs 2006-2009 (Vulpiano Records, 2010), unha recompilación das cancións dos seus inicios. Agora Zapa volve, desde Londres e cun par de traballos baixo o brazo, para estrear Triangle (Vulpiano Records, 2018), un novo LP de dez cortes orixinais de folk psicodélico, gravados en acústico entre outubro de 2017 e marzo de 2018 no que se coan amigos, músicos e ata o Axolotlde Julio Cortázar.

 

 

 

O Punchi Must Go On – A Compañía do Ruído

O Punchi Must Go On (2018) é o novo traballo discográfico de A Compañía do Ruído. Gravado en Estudio A Ponte (Santiago de Compostela) por Tomás Ageitos e masterizador por Dr. Chou, este sétimo disco é consecuencia do proxecto audiovisual “12 meses, 12 punchis”, que A Compañía levou a cabo durante 2017. Coa colaboración de artistas como García Mc, Pulpiño Viascón, Trópico de Grelos ou Ismael de Fanfarria Taquikardia, este proxecto constaba de 12 temas orixinais cos seus correspondentes videoclips cos que A Compañía despedía cada mes do ano. De ritmos bailables e divertidos, O Punchi Must Go On tamén destaca polas súas letras irónicas e combativas que apostan por unha temática social, reivindicativa e de actualidade, como “Berra”, dedicado ao coidado e orgullo do noso patrimonio máis prezado: a lingua; “Milhomes”, sobre a violencia de xénero; ou “Cinzas”, tributo aos incendios acontecidos en Galicia o pasado outubro. A Compañía quixo incluír una adaptación do clásico “Punchi Punchi”, xa que «o punchi é o ritmo, o punchi é calor, o punchi é o ruído na rúa e o latir do corazón».

 

 

 

Overthought - David Vázquez & Yellow Belly

Para os seus dous últimos singles, Coming Home (2017) e Still (2018), o compositor e produtor coruñés David Vázquez contou coa colaboración, vía telemática, da artista australiana afincada en Gran Bretaña, Yellow Belly; unha contribución que resultou nun par de traballos fiados polo ambient-pop, a música experimental e a electrónica, resultando en melodías cargadas de texturas sonoras. Nos catro cortes do seu recentemente estreado EP, Overthought (2018), tamén podemos escoitar a doce voz de Dominique Finnegan, alias Yellow Belly. Gravado, producido, mesturado e masterizado por eles mesmos, Overthought inclúe o tema “Coming Home”–peza na que David aportou a parte instrumental e Yellow Belly a letra–e que forma parte do álbum Relief: A Benefit for Puerto Rico & The Victims of Hurricane Maria (2017), proxecto solidario que naceu co obxectivo de recadar fondos para os damnificados polo furacán María, que asolou Puerto Rico o pasado mes de setembro.

 

 

 

 

Serendipity - Madhero

Madhero, o trío alquimista de sons contemporáneos, debutou no mercado discográfico con Serendipity (Rock CD, 2018), LP de 15 cortes que conforman unha experiencia auditiva novedosa dentro da música electrónica. Serendipity son almas que se atopan, camiños que se cruzan, vidas que evolucionan, historias que se escriben a si mesmas no son que emerxe dun silencio que a fortuna quita e o azar dá. Parte desa «serendipia» foi gravada nos Estudios Montepríncipe (Madrid) da man do produtor Bori Alarcón quen, desde un principio, soubo capturar a esencia de Madhero, cicelando a idea e o concepto e convertendo temas en pezas clave do proxecto. Ademais de casualidades, e desde o don da fortuna, as 15 apaixoadas pistas de Serendipity están baseadas en voz, letras, ritmo e melodías.

 

 

 

 

Primeras Grabaciones - César de Centi

Mientras ultima detalles del que será su próximo LP, Viernes de Cantautar, César de Centi publica un nuevo trabajo discográfico, Primeras Grabaciones (2018). Grabado por Javier Pato, el EP recoge la parte del cantautor coruñés de Principios y declaraciones (2008), disco que, por aquel entonces, grabó con Jose Luis Paz y contó con las colaboraciones de Iván Novo, Carlos Sampedro y Rosalía Vázquez, entre otros. Con estas Primeras Grabaciones, De Centi vuelve la mirada, una década después, al aprendizaje que le aportaron sus inicios cuando, guitarra en mano, se subía a un escenario para despertar los sentimientos más escondidos.

 

 

E se queres estar ao día dos últimos lanzamentos dos artistas e grupos da plataforma, sigue a nosa lista de Novidades 2018 en Spotify:

 

 

  noticias