• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 3

COÑECE OS FINALISTAS DA QUINTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. PARTE 3
4 MAIO 2018

O 9 de maio está ahí mesmo, á volta da esquina, en cinco días... e hoxe, último venres antes da celebración da gala dos V Premios Martín Códax da Música, deixámosvos esta terceira entrega cos finalistas nas cinco categorías musicais que completan as 15 que se premian: Pop e Indie, Canción de Autor, Música Infantil, Electrónica e Música Vocal, xunto cos nominados do Premio Organistrum – Festivales

E, xa que estades, botádelle un ollo ao resto de nomeados no primeiro e segundo volume.

 

POP E INDIE

Eladio y Los Seres Queridos

Eladio Santos, David Outumuro, Uka e Marcos Vázquez volvérono facer coas súas Historias de caza (2017), un álbum gravado, mesturado e producido novamente «na casa»—a do propio Eladio—proporcionándolle ese enfoque intimista e ambiente distendido que sorprendeu en Cantares (2016). As «historias» amosan unha identidade propia, onde EYLSQ canta a vidas propias e alleas, e coas que pretenden colleitar os mesmos éxitos que con Cantares, Mellor Álbum en Galego nos Premios MIN 2017

 

Espiño

Cunha unha traxectoria de 25 anos no mundo da música, Espiño pretende profundar no pop galego dunha maneira creativa, con toques psych e rock progresivo, a través do seu álbum I (2017), acompañado por Brais Sánchez (guitarra), Alexandro Gónzalez (teclado) e Luis Alberto (batería).

 

Novedades Carminha

Logo do éxito de Campeones del mundo (Ernie Produccións, 2016), Novedades Carminha sorprendía con “Yo te quiero igual”, single que estivo a *isto* de converterse na canción do verán pasado; unha gamberra declaración de amor a ritmo de funk con deixes latinos. Non conformes, os de Compostela publicaban un segundo hit, “El vivo al baile”, temazo de funk africano clásico inspirado nas pezas do artista nixeriano William Onyeabor.

 

CANCIÓN DE AUTOR 

CAXADE

En 2012, Alonso Caxade presentaba CAXADE, un proxecto persoal transgresor en formato audiovisual composto por tres video-creacións: "Dança dos Moscas", "Gente Pota" e "Sr. Xorda". O seu gusto polo folk-pop, a música minimalista e elegante e o surrealismo posmodernista estivo presente na primeira e no resto das súas obras posteriores. Xunto cos músicos Manu Paino (trompeta, teclado), Manu Espinho (bombardino, trombón), Xosé Tunhas (batería), CAXADE ten tres referencias no mercado; o seu segundo traballo de estudio, E isto é amor (Discos da Máquina, 2016), está composto por dez cancións que xogan co humor, facendo apelacións aos encantos do amor desde diferentes puntos de vista. Unha nova edición de E isto é amor saiu á venda a finais de abril.

 

A Banda da Loba

As cinco mulleres que forman A Banda da Loba, Andrea Porto (guitarra, baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra, teclado), Marcela Porto (batería, percusión) y Xiana Lastra (voz), identifícanse coas connotacións do nome do seu grupo, vencellado a unha figura feminina forte e arriscada. Non é para menos, A Banda da Loba acadaron crear un estilo musical propio, mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais, que se recolle no seu álbum debut, Bailando as rúas (2017).

 

Uxía

Coa música tradicional sempre presente e máis de 25 anos de traxectoria, Uxía é una das artistas vocais galegas máis populares e valoradas, non só polas súas creacións, senón tamén por impulsar a formación de grupos de cantareiras como Malvela ou Cantadeiras do Berbés, pola súa labor como produtora musical ou por ser directora artística do Festival Internacional da Lusofonía – Cantos na Maré, un espectáculo concebido como punto de encontro de artistas da área lusófona. En setembro estreaba Uxía_O (2017), traballo discográfico homenaxe ao poeta lucense Uxío Novoneyra. Acompañada polo multiinstrumentista brasilego Sérgio Tannus, Uxía musica poemas de Novoneyra como só ela sabe, con alalás, muiñeiras ou reggae, en pezas familiares e próximas que, mesmo, chegan a unirse nunha mesma canción.

 

MÚSICA INFANTIL

A Gramola Gominola

A Gramola Gominola é unha banda de rock, en galego, para nenos de 0 a 99 anos. Composta pola voz de Paula Romero (De VACAS), a guitarra de Paco Cerdeira (Pakolas), a batería de Rodrigo Muñoz, e o baixo de Anxelo Xermar, A Gramola diferénciase doutras bandas ao facer concertos cargados de humor, á vez que didácticos e participativos. O seu segundo libro-disco, Cancións para desafinar (Editorial Galaxia, 2017), dá nome ao seu novo espectáculo gramoleiro. Rock ‘n’ roll, enerxía positiva e alegría en 13 temas sobre a natureza, os animais ou os xogos que o ilustrador Iago Araujo plasmou a perfección na portada do disco e nas 24 páxinas do libro.

 

Pitusa Semifusa e Os Estilos Musicais

Olga Brañas sorprendía con Pitusa Semifusa (Editorial Galaxia, 2016), un libro-disco composto por cancións que ensinan todas as familias de instrumentos aos máis pequeños; Pitusa avanzará polos pentagramas de todos os instrumentos ata «compoñer» unha gran festa musical. Logo do éxito obtido con este primeiro traballo, Olga Brañas volvía con Pitusa Semifusa e os estilos musicais (Editorial Galaxia, 2017), onde Pitusa explora o blues, reggae, funk, swing ou hip-hop a través de cancións que achegan aos nenos a un mundo cheo de matices musicais. Para esta ocasión, Brañas contou coa colaboración de numerosos artistas, como Brais Morán, Sérgio Tannus, Quim Farinha, Pedro Pascual ou Clara Pino & Pablo Vidal.

 

Pakolas

Rockeiro e guitarreiro, músico, compositor e produtor de música para os máis cativos. Así é Pakolas (Paco Cerdeira), artista dedicado ao público infantil cunha longa traxectoria neste eido profesional. Formou parte de Mamá Cabra durante dez anos para, en 2014, fundar A Gramola Gominola, banda de música infantil que xa conta con dous libro-discos no mercado. O seu proxecto máis persoal, Pakolas, nace a finais de 2015; un proxecto no que segue a crear para a cativada con letras e composicións propias. O seu primeiro traballo en solitario, Pakolas (Editorial Galaxia, 2017), é un libro-disco publicado dentro da colección Sonárbore, onde o músico e compositor contou coa colaboración do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. Como resultado, escoitamos dez temas e lemos dez contos que, conxuntamente, crean unha historia de fábula, con moralexa final incluída.

 

ELECTRÓNICA

Músculo!

Desde 2012, este cuarteto galego creado en Valga (Pontevedra) e formado por Álvaro Blanco, Raúl Santiago, Javier Buela e Nicolás Nieto sorprenderon no mundo da electrónica indie con dous EP que abriron paso ao ansiado LP. Gravado en Montreal Estudios (Navarra) baixo a produción de Hans Krugër, Músculo! (2018), está composto por sete cortes nos que escoitamos a evolución da banda pontevedresa hacia un son electrónico máis actual, con temas bailables, atmosferas envolventes e ata pezas máis escuras e lentras, das de sentir cos ollos pechados.

 

cintaadhesiva

Con composicións musicais entrelazadas a través dunha cinta adhesiva, Silvia Penas (voz) e Jesús Andrés (guitarra) tratan disciplinas como a poesía, música e videoarte a través dun espectáculo pensado para o directo a través do cal pretenden transmitir ao público as súas propias vivencias. Sempre co fío condutor da música, as palabras van dotando de significado ás melodías e a os ritmos neste proxecto literario-musical que volvía florecer en VOL 3 (2016), no que cintaadhesiva segue a explorar un estilo que os fai únicos.

 

Mounqup

Na soidade do seu fogar, en medio da montaña de A Bola (Ourense), Camille Hèdouin crea unha paisaxe sonora cargada de texturas, formas e cores: Mounqup. Sobre unha base electrónica, a súa voz balancéase entre loops, cables e collages melódicos que se entremesturan con samplers e demais materiais ata acadar unha xungla de sons. O seu primer traballo de estudio, Proba de Son (2017) é unha combinación excelsa de ritmo africano e experimentación nórdica envolta na Galicia máis rural.

 

MÚSICA VOCAL 

Sisters in The House

Da combinación de grandes voces de artistas pertencentes a diversos grupos galegos nace Sisters in The House, ideado por Carmen Rey e Ángeles Dorrio, un coro de música negra, formado por mulleres que poñen voz aos seus espectáculos de funk, soul e rock.

 

De VACAS

A Marela, a Rubia, a Morena e a Pinta, tres voces e unha guitarra. Faia Díaz, Inés Salvado, Paula Romero (A Gramola Gominola) e Guillerme Fernández (Berrogüetto, aCadaCanto), son De VACAS, un cuarteto que fai versións deses «xites» que marcan os nosos sábados-noite na discoteca; temas míticos venerados polas masas, pero maltratados pola historia. As súas versións de éxitos internacionais feitas de xeito fresco e orixinal xa levounas a alzarse co Melómano na edición dos Premios de 2016 nesta mesma categoría.

 

Encaixe

Encaixe é un coro que reúne os gustos musicais de todos os seus compoñentes, dotándoo de gran variedade estilística e un elaborado percorrido por diferentes estilos como folk, soul, rock ou música negra. Versionan a grupos como Marful, Dhais ou Berrogüetto, apostando pola música do país, pero tamén contan con versións vocais de temas de Led Zeppelin, George Michael ou Pharrel Williams. En 2015, Encaixe resultó gañador do concurso “Oh Happy Day” da TVG, ademais de ser finalistas, nesta categoría, na pasada edición dos Premios.

 

PREMIO ORGANISTRUM – MELLOR FESTIVAL 

Nigranjazz

Impulsado polo Concello de Nigrán hai 11 anos, jazz, relax e unha contorna de gran beleza son os compoñentes clave do Nigranjazz, no que os asistentes poden desfrutar dun ambiente único no que os músicos de jazz galegos que están xurdindo nos últimos anos son os protagonistas principais.

 

Festival de Pardiñas

O Festival de Pardiñas leva presente desde que, en 1980, a Asociación Cultural Xermolos decidira crealo para achegar a música á poboación. Logo do éxito da primeira edición, fóronse incluíndo novidades ano tras ano ata conseguir ser un festival de renome como o que se coñece hoxe. Familiar, participativo e divertido, así se presenta este festival que se celebra o primeiro fin de semana de agosto no Balneario de Pardiñas (Lugo), polo que pasaron artistas tanto do panorama nacional como internacional.

 

Resurrection Fest

Galardoado como Mellor Festival de Gran Formato, Mellor Cartel e Mellor Zona de Acampada nos Iberian Festival Awards 2018, o «Resu» é xa unha referencia dos festivais metal e hardcore-punk en España e en toda Europa. Desde 2006, cada xullo reúnense en Viveiro (Lugo) miles de asistentes dispostos a desfrutar de grupos da talla de Iron Maiden, Rammstein ou Motörhead. A edición deste 2018 celebrarase do 11 ao 14 de xullo e contará cos grandes KISS ou Scorpions como cabeza de cartel.

 

Vémonos o 9 de maio na gala dos Premios Martín Códax da Música no Pazo da Cultura de Pontevedra!

  noticias