• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GAÑADORES DOS V PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

GAÑADORES DOS V PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA
9 MAIO 2018

Os V Premios Martín Códax da Música xa teñen dono. Os melómanos desta edición entregábanse esta noite nunha moi divertida gala presentada por Carlos Blanco e ilustrada por Luis Davila con momentos tan impagables como o discurso de agradecemento a dúo de IGMIG. Tamén foi gala de aniversarios: cinco anos de premios e dez da asociación Músicos ao Vivo cuxa renovada directiva anunciou que pasará a chamarse Músicas ao Vivo. E tamén quince anos de Rui, alma máter de María Fumaça, que recollía o premio en nome da súa tía Uxía ausente por estar de camiño a Corea do Sur. Esta é a listaxe de gañadores:

 

POP E INDIE

Eladio y Los Seres Queridos

A banda viguesa caracterizada pola súa frescura e naturalidade gaña o Melómano por segunda vez, nesta mesma categoría, logo de facelo na primeira edición dos Premios Martín Códax da Música. Eladio y Los Seres Queridos está triunfando co seu último traballo, Historias de caza (2017), composto por dez historias de ritmos tradicionais e eléctricos que bañan retrousos pegadizos e luminosos, toda unha obra mestra sutil e embriagadora.

 

ROCK

IGMIG

O trío de ases formado por Mig Seoane (guitarra, voz) Nacho Muñoz (electrónica, voz) e Suso Alonso (percusión, voz), apostan polo galego para facerse un oco no mundo rock. Logo do seu primeiro álbum Shaishakarrascaishe!! (2014), IGMIG volve sorprender con Ai que lío! (2017), unha mestura de estilos difíciles de clasificar que xiran ao redor do rock psicodélico, electrónica e funk-rock progresivo. Como resultado, un discazo multicultural que conta coa colaboración de diversos artistas como Mercedes Peón ou Gonzalo Castro.

 

JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS

Yago Vázquez Trío

Cunha traxectoria musical envexable, o pianista vigués Yago Vázquez compartiu escenario con algunhas das figuras máis importantes da escena jazzística, ademáis de ser pupilo de grandes como Sam Yahel, Junior Mance, Kevin Hays o Charli Persip, entre outros. Dende 2008 vive en Nova York, cidade á que se trasladou para estudar na New School na que se graduou con honra en 2010. Ten participado en más de 30 álbums e xirado arredor de todo o mundo. No seu último traballo, "Desde la lluvia" (2017) forma trío co percusionista Rodrigo Recabarren e o contrabaixista Pablo Menares.

 

MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA

ROBERTOLIVEIRA – DIÁSPORA

Grazas a unha posta en escena multisensitiva e unha gran sensibilidade á hora de compoñer pezas musicais, Roberto Oliveira triunfa non só como solista, senón tamén en grandes orquestras sinfónicas xunto con intérpretes destacados da música clásica. Diáspora. Novas músicas de aquí e de acolá (2017) é o seu segundo traballo discográfico, onde o músico rende homenaxe a todos os emigrantes galegos que tiveron que cruzar o charco.

 

HIP-HOP E MÚSICAS URBANAS

Som do Galpóm

Nun galpón e a ritmo de hip-hop, funk e reggae naceu Som Do Galpóm, banda creada para ser desfrutada en directo e contaxiar coa súa boa vibra e ilusión. Galinha de Troia (2013) é o seu disco máis maduro, co que obtén a aceptación do público e se converte nun dos grandes grupos deste xénero en galego. Despois de cinco anos de parada musical, Som Do Galpóm volven con caras e enerxías renovadas cun só obxectivo: rexurdir.

 

MÚSICA TRADICIONAL E FOLK

Xosé Lois Romero & Aliboria

Xosé Lois Romero é un dos nomes clave no rexurdimento da música popular en Galicia. Centrado desde sempre na música tradicional, preséntase agora co grupo Aliboria, un colectivo de novos músicos galegos cos que publicou Xosé Lois Romero & Aliboria (2016), traballo onde combina voces ancestrais con bombos, pandeiros, cunchas e mesmo tixolas, a través dos cales conseguen transmitir raza e forza ao seu público.

 

MÚSICAS DO MUNDO

Brais Morán

Despois de ser finalista na pasada edición dos Premios, Brais Morán faise co galardón cun novo disco baixo o brazo, No Mato do desespero (2018), un traballo que reflicte todo o vivido durante a súa etapa como artista e onde mostra unha voz, guitarra e composición máis maduras. En No Mato do desespero conflúe o funk, o folk e a música brasileira baixo o toque característico do artista coruñés, nun álbum no que fai unha dobre homenaxe ao poeta moçambicano José Craveirinha e ao seu moi admirado (y tristemente desaparecido) Fran Pérez, Narf.

 

MÚSICA INFANTIL

A Gramola Gominola

Cargada de humor e rock’ n’ roll, A Gramola Gominola, non só tenta sorprender ao público máis pequeno, tamén pretende impresionar a un público máis maduro mediante ritmos frenéticos e letras entretidas. Co seu último libro-disco, Cancións para desafinar (Ed. Galaxia, 2017), a banda infantil presenta unha serie de cancións en galego compostas para divertirse e, sobre todo, para desafinar en familia.

 

ELECTRÓNICA

Mounqup

Camille Hédouin naceu en Francia, pero foi en Galicia onde comezou a súa carreira musical, oscilando entre jazz, electrónica e folk para converterse en Mounqup, un álter ego que xoga cos extremos grave e agudo nun discurso sonoro para o que emprega loops, cables e colaxes sónicos. No seu primeiro álbum, Proba de Son (Molho, 2017), xoga con ambient-soul-pop galeguista, orientalismo e tribalismo, mestura que fai deste proxecto unha obra de pop asalvaxado e harmonía purista. Este Melómano súmase ao galardón que a Deputación da Coruña lle outorgou na pasada edición do certame musical Fran Pérez, NARF.

 

METAL

Arrhythmia

O power-trio de rock lucense formado por Alberto Busto, Álvaro Barreiro y Alejandro Maciñeiras contan xa con dous traballos publicados, III (2012) e II (2016). O primeiro concerto de Arrhythmia tivo lugar en Vilalba, e desde entón non pararon de percorrer Galicia de norte a sur, mesmo ocupando o escenario de festivais como A Candeloria, Castelo Rock ou Revenidas, entre outros, deleitándonos a todos coa súa música característicamente influenciada polo stoner e o hardcore.

 

REGGAE, SKA E MESTIZAXE

Chotokoeu

Brais e Rubén comezaron dando vida aos seus proxectos musicais por bares e festivais galegos, e conseguiron formar unha familia musical, composta por Marta Seco (violín, voz), Brais López (saxo), Manuel Fonte (guitarra), Guillermo Giadanes (guitarra), David Fernández (baixo, voz), Rubén Capelán (batería) e Carlos Argibay (percusión). A súa música percorreu as mellores salas e festivais do panorama galego e parte de España, mesmo estiveron, en repetidas ocasións, de circuíto por Europa, contaxiando o seu ritmo frenético e a súa mestura de reggae, ska, klezmer, balkan, swing e folk con electrónica. Un cóctel brutal para comerse o mundo!

 

ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA

Grupo Limón

O Grupo Limón segue a presumir dunha personalidade única, que non dubidan en sacar á luz nas súas postas en escena, demostrando que a creatividade está presente en todo o que fan. Non lles dá medo arriscar se así conseguen gañarse o aplauso do público, un aplauso compensa o esforzo que supón facer algo novo e case único entre as orquestras, como incluír temas propios nos seus repertorios. Os artistas desta orquestra acabaron por converterse nun referente para o panorama actual deste xénero, e non é para menos, xa que conseguen que a maxia que supón reunir a amigos e familias se faga tanxible en forma de espectáculo.

 

BLUES, FUNK E SOUL

The Lákazans

The Lákazans volveu máis forte que nunca; logo de dous anos regresan aos escenarios con motivo do seu último traballo discográfico, Sandwina (2017), un disco que é á súa vez unha historia, intencións, experiencias e, sobre todo, ilusión vestida de blues, rockabilly, country, soul e swing. A clave de Trilli (batería, percusión), Benja (guitarras, mandolina), Figui (harmónica), Fran Velo (bajo), Aitor (batería), e as voces de Almudena e Sabela, reside en non deixar indiferente a ninguén mentres consolidan o seu talento compositivo.

 

CANCIÓN DE AUTOR

Uxía

Coa música tradicional sempre presente e máis de 25 anos de traxectoria, Uxía é una das artistas vocais galegas máis populares e valoradas, non só polas súas creacións, senón tamén por impulsar a formación de grupos de cantareiras como Malvela ou Cantadeiras do Berbés, pola súa labor como produtora musical ou por ser directora artística do Festival Internacional da Lusofonía – Cantos na Maré, un espectáculo concebido como punto de encontro de artistas da área lusófona. En setembro estreaba Uxía_O (2017), traballo discográfico homenaxe ao poeta lucense Uxío Novoneyra. Acompañada polo multiinstrumentista brasilego Sérgio Tannus, Uxía musica poemas de Novoneyra como só ela sabe, con alalás, muiñeiras ou reggae, en pezas familiares e próximas que, mesmo, chegan a unirse nunha mesma canción.

 

MÚSICA VOCAL

Encaixe

Un coro que fai versións vocais de temas de Led Zeppelin, Marful, George Michael ou Pharrel Williams non podía quedar sen Melómano. Encaixe é tan versátil como o son os gustos musicais de todos os seus integrantes (folk, soul, rock, música negra), dotándoo de gran variedade estilística. Con anterioridade xa habían resultado gañadores do concurso da TVG “Oh Happy Day" e en 2017 foron finalistas dos Premios Martín Códax da Música nesta mesma categoría.

 

ORGANISTRUM FESTIVAL

Resurrection Fest

O Melómano súmase aos galardóns que o «Resu» conseguiu na pasada edición dos Iberian Festival Awards 2018: Mellor Festival de Gran Formato, Mellor Cartel e Mellor Zona de Acampada. O Resurrection Fest é xa unha cita ineludible dos fans do metal e hardcore-punk non só de España, senón de toda Europa. Desde 2006, cada xullo reúnense en Viveiro (Lugo) milleiros de asistentes dispostos a desfrutar de grupos do talle de Iron Maiden, Rammstein , Motörhead, ou KISS e Scorpions, cabezas de cartel desta edición, que se celebrará do 11 ao 14 de xullo.

 

ORGANISTRUM SALA

Sala Garufa Club

Logo de máis de 20 anos na Cidade Vella da Coruña, o seu cambio recente de ubicación parece que trouxo consigo un éxito tras outro. Con unha actividade ininterrumpida, Garufa ofrece os mellores directos da música independente, apostando por artistas consagrados e emerxentes. Cun calendario anual de máis dun centenar de eventos, Sala Garufa Club converteuse nun referente de música en directo do norte de España.

 

ORGANISTRUM ESPAZO DE COMUNICACIÓN MUSICAL

Ábrete de orellas

Pepe Cunha comezou cun Ábrete de orellas radiofónico, alá por 1997, e máis de dúas décadas despois derivou nun portal especializado en música e concertos, que xa se alzou con este mesmo Melómano na terceira edición dos Premios. O comentarista musical lidera abretedeorellas.com, centrado en artistas, salas e produtoras galegas co fin de divulgar e ser un punto de encontro das diferentes propostas.

 

PREMIO HONORÍFICO

Este ano, o Premio Honorífico que outorga Músicos ao Vivo recaeu en Quique Alvarado e Pepe Bordallo. Dous baixistas, dous músicos de «banda» cunha longa, e heteroxénea, carreira musical que compaxinaron cun importante e comprometido labor docente; as súas ensinanzas, compromiso e loita pola dignificación da profesión deixaron pegada en varias xeracións de músicos. E seguirano facendo!

  noticias