• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SECCIÓN OFICIAL DE VIDEOCLIPS DO FESTIVAL DE CANS 2018. VOL. II

SECCIÓN OFICIAL DE VIDEOCLIPS DO FESTIVAL DE CANS 2018. VOL. II
18 MAIO 2018

Xa queda menos! O vindeiro mércores 23 de maio comeza a XV edición do Festival de Cans e xusto o día seguinte, xoves 24, terá lugar o Concurso de Videoclips na Praza do Concello, onde se proxectarán os 18 videoclips da Sección Oficial.

O venres pasado repasabamos os nove primeiros vídeos da Sección deste ano e hoxe completámola cos últimos nove.

 

"Camiños" Baiuca. Dirixe: Adrián Canoura

Mediante unha mestura de folk galego e electrónica, Baiuca presenta “Camiños”, un tema que canta aos perigos aos que están expostos os mariñeiros cando saen ao mar como, por exemplo, os temporais. O videoclip desta pequena homenaxe aos valientes traballadores do mar é obra de Adrián Canoura.

 

“Acto I: O fío vermello"Ezetaerre. Dirixe: Juan Pirola

Ezetaerre presenta o seu primeiro acto “Ou fío vermello”, un corte co que a banda pretende unir a todo un pobo cara a unha causa común: a rebelión contra o sistema que nos domina. Esta crítica a modo de canción álzase como un himno contra a opresión, o fascismo, o terrorismo, a escravitude e a violencia e vén acompañada cun videoclip conciso, gravado por Juan Pirola en CIFP Imaxe e Son (A Coruña). As voces e as expresións faciais dos integrantes demostran a dureza da situación actual facendo que cobre protagonismo a mensaxe de dignidade, solidariedade e humildade tan necesaria que Ezetaerre pretende transmitir.

 

"Puertohurraco" - Breakin’ Bones. Dirixe: Daniel Alonso e Gemma Marqués

Cun videoclip realizado mediante a técnica do collagemotion dirixido por Daniel Alonso e Gemma Marqués, Breakin’ Bones presentan “Puertohurraco”, un vídeo-documental baseado en feitos reais, na masacre que tivo lugar no municipio de Puerto Hurraco (Cáceres) en 1990, un tiroteo entre as familias Izquierdo e Cabanillas que resultou en nove falecidos e unha ducia de feridos.

 

"Mar"Pantis. Dirixe: Rubén Domínguez

Cunha fusión de liberdade artística, pero mantendo os pés na terra, Pantis volvía á carga cun novo single, “Mar”. Amante da natureza, do pop e do kraut, o vídeo que o acompaña céganos cunha carga enerxética e psicodélica cun bosque de fondo, xa que, como el di, desfruta máis entre as árbores que entre as persoas. Para iso, o artista multidisciplinar utiliza o loop como ferramenta expresiva, capturando a maxestosidade paralizada e o nervio que o caracteriza. Realizado e creado polo propio Rubén Domínguez, producido por Prenom coa axuda de Mar Catarina (Esposa, Chicharrón) en dirección de fotografía, “Mar” convértese en «todos os caminhos posíbeis» para Pantis, diferente, alternativo, en galego e cun toque tenebrista, este artista atrévese con todo.

 

"Isla Futura"Pólvora. Dirixe: Soledad Rebollo

Igual que un soño romántico do que ninguén quere espertar xorde “Isla Futura”, illa idílica inspirada na illa norte das Illas Cíes que os vigueses Pólvora tinguen coa súa poesía fresca e pop contemporáneo. Dirixido por Soledad Rebollo, o espectacular videoclip foi rodado integramente en Cabo Home (Cangas) combinando tomas gravadas con drons coas de cámaras de man. Entre a mística costa galega, como se de meigas se tratara, destaca o baile dos galegos Olivia Mate (danza contemporánea) e Daniel Fernandes (baile urbano) que danzan, libremente, pola illa. “Isla Futura” é unha obra audiovisual con personalidade, de marcado carácter atlántico, onde mar e desexo homenaxean a xeografía galega.

 

"Eu non sei xq" - Boyanka Kostova. Dirixe: Alicia Alonso

O clip de “Eu non sei xq” é unha oda á liberdade sexual do máis descarada, aínda máis que o perreo gratuíto do “1 pokito pa’ mí” ou a festa erótica-festiva de “Konaseinochan”. Que non? O dúo de trap galego Boyanka Kostova seduce, entre uñas de xel e maquillaxe, gold chains, portadas vintage de Antonio Banderas ou Tom Cruise e KitKats en estacións de servizo. Detrás da cámara, sacando o seu «lado máis intensito» e «versión máis sexy, renovada e fresca» está Alicia Alonso.

 

"Suicidio tímido"Chicharrón. Dirixe: Xoan Escudero

Ás veces a música inspíranos, así, sen máis, e outras actúa como acción-reacción e dunha escoita... sae un videoclip; deste xeito é como xurdiu o novo vídeo de Chicharrón, da inspiración. “Suicidio Tímido”, corte pop incluído no seu LP Postal (Prenom, 2016), «díxolle moito» ao realizador Xoan Escudero, tanto que se animou a realizar un videoclip, xunto con Sika Lamas aos mandos, no que combina de forma elegante e delicada pequenos clips de Estambul, Hamburgo, Matterhorn, Berchtesgaden e Santiago de Compostela, cal viaxe protagonizada por algún que outro «electroduende», dentro o fóra da pantalla. A procura da felicidade non é máis que iso, unha viaxe que paga a pena facer.

 

"Finlandia"Mequetrefe. Dirixe: Xaime Miranda

Como adianto do seu terceiro traballo discográfico, Infraground (2018), Mequetrefe presenta “Finlandia”, un corte que reforza o noise-rock que caracteriza á banda compostelana. O videoclip é obra do gran Xaime Miranda, unha especie de thriller dinámico e inquietante que narra a historia dunha estraña desaparición cuxo protagonista é o inspector da mesma. Intriga e sensualidade envolven un mistero que se desenvolve a ritmo ecléctico, con composicións visuais escuras e ultravioletas que enganchan ata facerche «desaparecer».

 

"Omertá"BALA. Dirixe: Gero Costas

Ao máis puro estilo O clube da loita (1999), BALA estreaba “Omertá”, segundo single do seu último disco Lume (Matapadre, 2017) e banda sonora da pelexa do ano. Gravado en plano secuencia en Desguaces Catoira, o videoclip dirixido por Abel Rosa e producido por Producciones Mutantes relata un combate entre dúas boxeadoras cun árbitro que podería ser o quinto membro de KISS e rodeadas por torres de coches á espera do seu destino final. Entre o público exaltante, o dúo galego interpreta “Omertá”, un dos temazos máis destacados do LP, e con riffs de guitarra e stoner-rock correndo polas súas veas, BALA canta á «violencia como liberación, como vía de escape, como metáfora».

 

 

Queres más Cans? Descarga aquí a programación completa do festival!

  noticias