"OMERTÁ" E "SOBRE EL MISMO ALAMBRE" VIDEOCLIPS GAÑADORES DO FESTIVAL DE CANS
O Festival de Cans 2018 vive a súa última xornada e xa se coñecen os gañadores dos premios aos mellores videoclips da Noite GIA.
PREMIO DO XURADO: "Omertá" – BALA. Dirixe: Gero Costas
Ao máis puro estilo O clube da loita (1999), BALA estreaba “Omertá”, segundo single do seu último disco Lume (Matapadre, 2017) e banda sonora da pelexa do ano. Gravado en plano secuencia en Desguaces Catoira, o videoclip dirixido por Abel Rosa e producido por Producciones Mutantes relata un combate entre dúas boxeadoras cun árbitro que podería ser o quinto membro de KISS e rodeadas por torres de coches á espera do seu destino final. Entre o público exaltante, o dúo galego interpreta “Omertá”, un dos temazos máis destacados do LP, e con riffs de guitarra e stoner-rock correndo polas súas veas, BALA canta á «violencia como liberación, como vía de escape, como metáfora».
PREMIO DO PÚBLICO: “Sobre el mismo alambre” – Silvia Penide ft. Eladio Santos. Dirixe: Miryam Pato
En abril de 2017, Silvia Penide publicaba “Sobre el mismo alambre”, tema incluído no seu último disco Todo pintado de plata (2016), como single coa colaboración do «referente e animal de escena» Eladio Santos (Eladio y Los Seres Queridos). O videoclip homónimo chegaba pasado xa o verán, case catro minutos de ilustracións cósmicas e surrealistas. A artista ourensana Miryam Pato encaixa á perfección a peza musical co traballo visual estilo collage, de corta e pega, deconstrución e reconstrucion, xirasois e bolboretas que navegan polo ciberespazo ao ritmo destas dúas voces galegas.