• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE AGOSTO

Videoclip Club. Edición de agosto
24 AGOSTO 2018

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Dancing in the DarkPatricia Moon

Patricia Moon inauguraba este 2018 coa publicación de Rock & Love (2018), o seu terceiro traballo de estudio. Gravado en Estudio del Abasto Monsterland (Buenos Aires) por Álvaro Villagra e Nelson Pombal, o álbum sorprende pola arriscada, e xa característica, mestura de xéneros musicais, cabalgando entre música clásica, soul, blues, grunge e rock americano. Dos nove cortes que conforman o disco, “Dancing in the Dark” foi o escollido como single presentación xunto cun videoclip homenaxe á súa terra galega, un corte que, ademais, fai gala da súa admiración por Amy Winehouse. Dirixido por Jacobo Gayo, as cámaras de GF Studio (Moaña) captaron dun xeito espectacular os arredores de Cabo Home, a praia de Nerga e a terraza do auditorio Mar de Vigo nunha obra audiovisual que ole a rock e salitre.

 

 

 

Sete cuncasRadio Cos

Segundo a sabedoría popular, o sábado e día de feira, e máis dun iría tomar “Sete cuncas” de viño se a banda sonora a pon Radio Cos. Realizado e posproducido por Nuria Foz, o videoclip desta peza, que nos lembra a historias remotas, é un claro exemplo do efecto que ten a música destes dous cantantes e percusionistas nos espontáneos que a escoitan en directo. Unhas melodías o suficientemente boas para que se deixen as ofertas de lado e, antes da cunca, se baile unha muiñeira improvisada en medio da praza. Co obxectivo de subsistencia da riqueza cultural dun pobo, Radio Cos ten o poder de converter calquera situación nunha festa... porque a ver quen queda quieto ao escoitar iso de «a raíz do toxo verde é moi mala de arrincare, os amoriños primeiros son moi malos de olvidare».

 

 

 

Readmirando a condiciónSES

Cunha gravación caseira dun road trip en primeira persoa e a cámara en modo selfie, SES enfróntanos ás nosas contradicións máis profundas cunha sonoridade máis potente e máis rockeira que nunca. O vídeo de “Readmirando a condición”, tema que abre o seu último disco, homónimo, que recolle ademais once cancións do seu álbum debut, é un clip desenfadado no que a cantora coruñesa describe a sociedade actual sen pelos na lingua e coa retranca irreverente á que nos ten acostumados.

 

 

 

O Baile de NoróXabier Díaz & Adufeiras de Salitre

A súa estrea foi a invitación que estabamos agardando para arrincarnos «por muiñeiras». Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentaban o videoclip de “O baile de Noró” como adianto do que sería o seu segundo traballo conxunto, Noró (Músicas de Salitre, 2018), un disco dedicado ao norte e a súa xente, ao seu clima e a súa música, cunha mestura de vangarda e tradición. Sutilmente iluminados, o cantor e o grupo de percusionistas interpretan, acompañados por Javier e Gutier Álvarez, esta peza que invita a bailar, literalmente, xa que pouco despois de comezar a melodía o escenario énchese de bailadoras e bailadores «debuxando voltas na punta do pé».

 

 

 

CostureiriñaDonicelas

Levan máis de vinte anos enriba dos escenarios e, con dous discos baixo o brazo, o grupo de folk tradicional Donicelas atreveuse co seu primeiro videoclip. Entre patróns, teas e pespuntos, presentaron o vídeo que acompaña a “Costureiriña”, pertencente ao seu álbum homónimo Donicelas (A Lagharteira, 2016), unha peza audiovisual que amosa o proceso de deseño e creación dos traxes rexionais que a deseñadora Noelia Nogueiras confeccionou exclusivamente para eles, unha colección na que as prendas representan a mesma dose de tradición e modernidade que a música que nos ofrece Donicelas. Gravado e editado por Alicia Francés, o clip combina fragmentos rodados no obradoiro de costura con outros da actuación do grupo nunha granxa, onde Carmen María Martínez e Jorge Sobrino bailan ao son de tambor, bombo, acordeón e frauta.

 

  noticias