• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE SETEMBRO

Videoclip Club. Edición de setembro
28 SETEMBRO 2018

Este mes, os editores engadiron os seguintes vídeos ao Videoclip Club, a cinemateca de GalicianTunes en YouTube.

 

Behind The CurtainOnion Smile

A primeira ollada parece unha actuación normal... ata que enfocan as reixas. Encarcerados, así é como presentaba Onion Smile o seu primeiro videoclip, oficial e profesional. O tema escollido foi “Behind the Curtain”, incluído no seu EP Know Your Onions (2015), corte que destaca pola impoñente combinación do rock máis puro con arranxos musicais crús, escuros e cheos de emocións. Dirixido e producido por An Táboas e Ana Belén Diz de Siete Gatos Blancos Producciones, o vídeo entrega tamén unha persecución entre unha moza e un can a través dun bosque; unha metáfora sobre o confinamento físico e emocional da nosa sociedade. Detrás deses barrotes, o noso «eu» interior pretende liberarse e salvarse da nosa propia cárcere.

 

 

 

IgnotaINDOMABLE

Logo de «arriscarse» no primeiro, para o seu segundo videoclip INDOMABLE decide explorar territorios. Gravado por Iago Prada e Marina Pérez na Casa Museo Casares Quiroga (A Coruña), a actuación pertence ao seu paso polo Festival Noroeste no verán de 2017, unha actuación que se fusiona con imaxes que o propio artista gravou no interior remoto e semiárido australiano, reflictindo o que podería ser unha Australia ignota. Cuns finos acordes de guitarra comeza esta peza, incluída no seu LP debut Incondicional e imperfecto (2016), e que é unha humilde homenaxe ao explorador Ludwig Leichhardt, escrita en Patos (Val Miñor) de xeito repentino, unha peza que reflicte a segmentación dun grupo debido a unha dificultade no medio do camiño. E tal e como fixo Leichhardt, aínda desaparecido a día de hoxe desde 1848, Indomable convídanos unha vez máis a explorar novas rutas, a descubrir o noso futuro con cada paso.

 

 

 

El día el equilibristaVillanueva

Villanueva estreaba o videoclip de “El día del equilibrista” vía a web de El País; un tema incluído no seu último LP, Zoo para Dos (Sony Music Spain, 2017), no que a mestura de sintetizadores, percusión e un solazo de guitarra fai que soborde optimismo. O vídeo, dirixido por Lara Capeáns (Drum&Roll Studios) sobre unha idea orixinal de Josete, é unha homenaxe a todas as persoas que «día a día superan os seus obstáculos para poder seguir adiante». E que mellor homenaxe que os protagonistas sexan eles mesmos: a pediatra, o pescador afeccionado, a traballadora dunha ONG, o luthier, a pintora... sen esquecerse daqueles que fan que esta aventura de Villanueva sexa real e posible, os fans. Sorrí, esto aínda pode ir a mellor!

 

 

 

NeftalíTÁLESIEN

De acordo coa Xénese, Neftalí foi o sexto fillo de Xacob, cuxo nome fai referencia á loita entre Raquel e Lea polo favor deste último. Os rapaces de TÁLESIEN souberon reflictir esa escura “loita” no seu propio “Neftalí”, corte incluído no seu LP Tálesien (Suspiria Records, 2016) e o elixido para o seu último videoclip. Producido por Ziwa, o clip combina primeiros planos de cada un dos membros da banda interpretando o tema sobre un fondo negro, xunto con fragmentos nos que os riffs de guitarra condúcennos, entre sombras, a un motel onde unha Raquel e unha Lea loitan contra a tentación; unha tentación que termina por desatar a paixón. Intensidade e contundencia definen “Neftalí” nos máis de seis minutos de vídeon, unha obra audivosual directa á xugular e, quen sabe, ao corazón.

 

 

 

Dry LeavesWillie & Winnie

Willie & Winnie, anteriormente coñecidos como Kozmic Blues, estrearon o videoclip de “Dry Leaves”, terceiro single do seu último LP Dream For Winter (2016), en exclusiva para Colectivo de Raro Propósito. No clip, producido por eles e realizado por Juanpa Ameneiros, o dúo ferrolán interpreta a peza mentres a cámara varre a estancia, prestano especial atención aos pequenos detalles que, quizais, garden un significado máis alá do orixinal. Tinguido cun filtro cálido en tons ámbar, como as follas secas de outono, estre traballo audiovisual destaca a acústica da guitarra e a enerxía da cadencia rockeira, melodías que acompañan á voz solista que canta á identidade e ao amor. Oh... se as miradas falasen.

 

  noticias