• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2018 VOL. II

11+11 GRANDES VÍDEOS DE 2018 vol. II
11 XANEIRO 2019

A tres semanas das badaladas que despedían o ano pasado, publicabamos os 11 grandes vídeos pertencentes ao primeiro semestre de 2018. Hoxe, (case) tres semanas despois desas badaladas, presentamos o segundo volume desta particular listaxe cos 11 vídeos que marcaron o derradeiro semestre de 2018, de xullo a decembro.

 

LeirazBoyanka Kostova

Non só de reguetón ou cancións indie viven as verbenas estivais, así que Boyanka Kostova aportou a súa dose de romanticismo con “Leiraz”, hit orixinal de Estupefazebras incluído no seu EP Vella Canción Galega (La Melona, 2018). Estreado en exclusiva por notodo.com, o videoclip da balada trapeira «ole a Galicia profunda, ole a sarcasmo, ole a romanticismo», e é que o dúo compostelán sabe o que conquistan as hectáreas de leiras por estas terras. Gravado por 999K coa explotación gandeira de Os Parentes SCG (Carballedo, Lugo) como escenario principal, Boyanka Kostova sedúcenos con pitas, vacas e ovellas a ritmo dun flow melódico, coa colaboración de Esteban C. Ces (Esteban & Manuel) aos teclados entre pacas, que rite ti de Bécquer.

 

 

 

My GirlThe Pretty Shirts

O último traballo discográfico de The Pretty Shirts, A Few Seconds (Clifford Records, 2018) vía a luz a finais do ano pasado. Gravado en Baixo Miño Estudios e masterizado en Northwest Mastering, A Few Seconds é un LP conceptual composto por 11 temas que, nota a nota, contan a impredecible crónica dun primeiro amor, desde a euforia inicial ata o momento de afrontar a verdade, pasando por erros e penitencias varias. Letras en inglés e un garage-rock crú e potente destacan nun longo co que «non esperes aprender como comportarte, esta non é unha historia educativa». Como clip-adianto, “My Girl” temazo que amosa o rock’n’roll sen aditivos do cuarteto guardés e un vídeo minimal da súa actuación sobre fondo branco.

 

 

 

CorasónVudú

A mediados de setembro pasado, Vudú adiantaba o seu álbum debut, Vudú Vol. III (2018), coa presentación do videoclip que acompaña a “Corasón”, tema que destaca pola liña de baixo, base rítmica e harmonía vocal impecables. Dirixido por Juanpa Ameneiros e producido por Xende López, o vídeo céntrase na figura da muller combinando, e conectando, as vidas das protagonistas cunha actuación do dúo soul-trad coruñés. “Corasón” é unha obra de case cinco minutos que proclama «a búsqueda a través da vida e dos anos. A pesar dos prexuízos, dos golpes, dos cambios, na procura de nós mesmas, pero sabendo que compartimos un corasón inmenso e xeneroso, que late por todas e cada unha de nós. Forte. Cada vez, máis forte».

 

 

 

No somos dosArantxa Pérez

Co este single, Arantxa Pérez volvía deixar que sexa o seu corazón o que tome impulso, o que deixe ao descuberto o risco, o medo e a emoción. Gravado e mesturado por Bob Benozzo en Altavox Studio (Italia) e masterizado por Simon Heyworth en Super Audio Mastering (Reino Unido), “No Somos Dos” preséntabase como un tema romántico, de ritmos delicados, que lanza unha mensaxe positiva fronte a unha ruptura amorosa, e convídanos a tomar a decisión de «atoparnos a nós mesmos fortalecendo o noso amor propio». A estrea foi por partida dobre, xa que “No Somos Dos” viña acompañado por un videoclip de fantasía, realizado por Sebas González, foi rodado no Pazo de Señorans, onde a catoirense compartiu protagonismo, e desamor, co actor Martín Vázquez (Serramoura, Fariña).

 

 

 

GrisBASANTA

Adiantaban Colorama (C4Music, 2018) cun ritual pagán ao estilo giallo, un “Inferis” de corte místico e psicodélico que nos dirixía cara ás portas mesmas do inferno. Logo desta experiencia, Basanta presentaba outra das súas solemnes cerimonias nun videoclip de case catro minutos de duración no que a tradición e folclore galegos son protagonistas. Dirigido por Xaime Miranda, “Gris” descóbrenos o mundo máxico do Entroido de Ribeirao, unha tradición prohibida durante a Guerra Civil que a Galicia rural decidiu recuperar nas últimas décadas. Personaxes características, volantes e maragatos, bailan ao son da psicodelia do cuarteto vigués en espazos impecablemente elixidos da Mariña lucense, como a fervenza de Santo Estevo do Ermo (Barreiros), as rúas de Mondoñedo ou a costa de Ribadeo, que fan de escenarios naturais nesta viaxe «pola terra das meigas e da Santa Compaña».

 

 

 

Fluir (Düo)Nastasia Zürcher

Primero presentábao como segundo adianto de Beat (Rock CD Records, 2017), o seu último disco, cun vídeo filmado na praia polo produtor Adrián Saavedra. Despois, Nastasia Zürcher lanzaba “Fluir” en formato düo, onde Saavedra cambia a cámara polos teclados nunha versión máis swing. Este novo clip, gravado por Jairo Moreno, dobra a duración do primeiro e centra a atención nos detalles: os medios planos dela e as mans del, a natureza e os instrumentos. O resultado é unha obra intimista que reflicte, como nunca antes, o mantra que Zürcher transmite desde a primeira nota.

 

 

 

Me lo tomo en serio – Erin (Comando Katana)

Erin (Comando Katana) presentaba “Me lo tomo en serio” como adianto do que sería o seu vindeiro álbum, aínda sen publicar. Gravado, mesturado e masterizado por D3 Prods en MS Records, escoitamos a El Trapicista, entre scratchs de DJ Mil, cantar a «ese desafío ante as pautas de conduta que che impón o sistema e esta sociedade desde o momento no que naces». O clip que o acompaña, obra de Omar Romero AKA Rare, reflicte como de «serio» é o día a día do rapeiro compostelán entre actuacións e sesións de estudio.

 

 

 

MuerteTronka Jazz Quartet

A cuarta tempada de Fargo (2014-) non comezou nin a gravarse, pero Tronka Jazz Quartet márcabase unha promo-adianto no seu último videoclip. Para tal ocasión, os de Vigo fixeron unha versión de “Muerte”, tema que escoitabamos por vez primeira no seu debut discográfico, En misión divina. Vol II (2012), discazo que inclúe dous remixes, unha cover e nove hits punk-rock con guitarras tan afiadas como o seu humor. O trío vigués fixo dunha fábrica en ruínas o seu escenario, un espazo diáfano onde os acordes de piano e violín, aparentemente pacíficos, acompañan a unha oda á morte e destrución de «Batman e a súa prima, os iogures de ananás, ao galo e a galiña», porque ninguén se escapa nin das garras do seu rock irreverente nin do dron de Willy Prada. Tronka apunta que «durante a gravación deste vídeo, ningún animal ou ser humano foi maltratado».

 

 

 

Ready To TalkNico Casal

 

Logo de moitos anos compoñendo bandas sonoras e facendo versións de artistas de renome, Nico Casal presentaba en novembro “Ready To Talk”, a versión a piano, en directo e sen cortes, do primeiro single que estará incluído no seu álbum debut. No clip, grabado na Holywell Music Room (Oxford) con Siobahn Cox e Matt Stacey detrás das cámaras baixo los mandos de Kit Monteith, o pianista compostelán mantén un paixonante encontro co seu fiel Steinway & Sons, un diálogo íntimo e elegante entre artista e instrumento, entre as luces e sombras que enchen a habitación.

 

 

 

MorriñaBaiuca

«Ninguén sabe da morriña ata que escapa do mar, ninguén sabe de saudade ceiba bágoas por chorar». Deste xeito presentaba Baiuca o seu último videoclip, “Morriña”, terceiro corte do seu álbum debut, Solpor (Raso Estudio, 2018), un «auténtico hit inmediato cargado de saudade [...] que se move entre a modernidade e a canción popular imperecedoira». Fotogramas antigos, areosos e en branco e negro, protagonizan o vídeo, obra do cineasta burelense Adrián Canoura, que representa a idiosincrasia galega, desde os costumes ata a emigración, coa «mención especial» a un dos nosos galegos máis ilustres, Castelao.

 

 

 

El Rey AzotadoPresumido

Como colofón dun ano, digamos que «movidiño», Presumido estreaba “El Rey Azotado”, primeiro adianto de “Invierno”, unha das porcións que conformarán o seu vindeiro longa duración, Cuatro Estaciones. Gravado, producido e mesturado por Iago Lorenzo, o single amosa o lado máis intenso, visceral e á vez melódico do dúo vigués, con sons «sintéticos e desbocados» baixo as influencias de Nine Inch Nails, Massive Attack, M83 ou as producións máis electrónicas de Max Martin. O videoclip en branco e negro, firmado por Visaki Films, é un xogo de luces e sombras inquietante onde Tarci Ávila canta, cunha voz suave e cativadora, a historia do «rey que azoutaba os martes, sometido á túa lei de decretos cambiantes» ao ritmo dunha electrónica sutil e unha interpretación audiovisual maxestosa.

 

ETIQUETAS

  noticias