• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2019

Novos lanzamentos. Marzo 2019
7 ABRIL 2019

 

StepsSilvia Alonso

A espera chegou ao seu fin e, despois de case tres anos, Silvia Alonso volve ao mercado discográfico con Steps (Rock CD Records, 2019). Con temas icónicos da música contemporánea e a súa particular visión dunha gran variedade de estilos —como o, jazz, soul, blues, rock ou bolero— a cantante ourensá presenta un novo recompilatorio influenciado por grandes voces. Unha ducia de versións entre as que escoitamos desde temazos que marcaron eras como o “Material Girl” de Madonna ata pop-ballads como “Every Breath You Take” de The Police pasando por “I Feel The Earth Move”, orixinal de Carole King e a escollida como single adianto.

 

 

 

 

A la Guillotina el Miedo (Primavera)Presumido

O mércores 20 de marzo, ás 22.58 h hora peninsular, chegaba a primavera a España... e ás principais plataformas dixitais. Presumido celebraba o equinoccio con “A la Guillotina el Miedo”, single de Primavera (2019), segundo das catro porcións-EP que conformarán o seu vindeiro proxecto, Cuatro Estaciones (2019). Logo de encher ao tope o Costello Club (Madrid) a principios do mes de marzo, o dúo galego de synth-pop sorprendía con “A la Guillotina el Miedo”, e o seu correspondente videoclip firmado por Visaki Films; unha peza que «corta de raíz coas cores e sons fríos, así como cos aromas propios do inverno, para dar paso a unhas atmosferas cheas de luz e cor primaveral». Gravado, producido e mesturado por Iago Lorenzo, e masterizado pro Robin Schmidt (Placebo, Two Door Cinema Club, Mando Diao) en 96 Mastering, o single soa máis pop que nunca, con influencias de St. Vincent, as últimas producións de Max Martin ou os traballos de gurús experimentais como James Blake, Jon Hopkins ou Bon Iver. En castelán, con esa retranca que lles caracteriza, Presumido e as súas estacións «seguen o seu camiño cun ritmo implacable e riguroso, ordenadas e cambiantes como os ciclos naturais».

 

 

 

 

EsqueletosArtabe

Logo de sorprendernos co directo de Soñé con Bicicletas – Live in Los Cármenes (2019) en xaneiro, Artabe lanzaba o seu novo traballo discográfico, Esqueletos (2019), a finais de marzo. O EP, gravado e producido por David Roma en Golondrina Estudios (Madrid), recolle catro cortes acústicos e intimistas que o cantautor galego pretendía publicar por separado; unha colección que comeza coa sinceridade de “Siempre brillas”, a voz e guitarra, e remata con “Sol de mi vida – En Vivo”, único corte en directo. Limitada a 50 copias, das que xa se venderon máis da metade, a edición física de Esqueletos preséntase con deseño a lápiz por Celia Libañoez, letras de canciones e comentarios persoais do músico e compositor.

 

 

 

 

MacumbaSelvática

A última vez, os seus Seres abisales (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2017) avistábanse desde o mesmísimo río Amazonas. Agora, o novo de Selvática escóitase entre o animismo africano, o catolicismo e a feiticería con danzas, percusión e cantos. Gravado por Manu G. Sanz en Orphan Studio entre decembro de 2018 e xaneiro de 2019, Macumba (Discos de Kirlian/Orphan Records, 2019) e os oito cortes que o compoñen destaca pola tensión existente entre verso e verso, polos riffs das guitarras, minuciosamente coidados antes de que a distorsión faga acto de presenza. En formato 10”, o quinto traballo da banda galega recolle un pop enérxico que agocha ecos escuros en temas directos e dinámicos onde «guitarras surfeiras, letras oníricas e saxos exasperados» comparten acordes a partes iguais. Inspirado no traballo do pai da psicoloxía analítica Carl Jung, Selvática adiantaba o LP co single “Quién es la sombra” xunto cun videoclip que baralla colorismo e sinistralidade.

 

 

 

 

MisturasBaiuca

Non hai nin un ano que debutaba con Solpor (Raso Estudio, 2018), LP onde fusiona muiñeiras con bases techno e entremestura acordes de pandeiretas, frautas, gaitas ou cunchas con melodías procedentes de sintetizadores ou bombos programados; un álbum que o situou como «unha das propostas más vangardistas e transversais do circuíto». Baiuca volve conectar a raíz da música galega coa electrónica contemporánea en Misturas (Raso Estudio, 2019), o seu novo traballo discográfico dispoñible en todas as plataformas dixitais. No EP, mesturado por Sergio Pérez e masterizado por Stephen Quinn con portada de Adrián Canoura, Baiuca reconstrúe e deconstrúe cinco pezas orixinais do primeiro álbum de Xosé Lois Romero & Aliboria, «mistura» dous universos e recompoñe parte do repertorio «desde outra mirada e desde outra xenética». Durante os case 20 minutos de Misturas, Baiuca mantén a «racialidade salvaxe» de Aliboria, levándoa a un territorio melódico onde o artista e produtor coquetea con ritmos ibéricos e orientales.

 

 

 

 

Rabia ao SilencioSÉS

Unha débeda coas persoas que a ensinaron a pensar, débeda que SÉS salda con Rabia ao Silencio (Altafonte, 2019), último traballo discográfico da cantora composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor unidas por un pobo «do que manaron e ao que nutriron». Unha ducia de cancións adaptadas ao galego pola propia SÉS que, na súa época, foron banda sonora das grandes revoltas sociais do século XX, xoias musicais que chegaron de ultramar (Cuba, Arxentina, Brasil) e de distintos puntos da península. Íntimo e directo, Rabia ao Silencio presentarase cun novo espectáculo acústico no que SÉS (voz, guitarra, percusión) estará acompañada por Sabela Galbán (voz, frauta, acordeón) e Tito Calviño (guitarras). Con letra de Mario Benedetti e música de Alberto Favero, SÉS regálanos a pluma e voz, humana e solidaria, de “Serei curiosa”.

 

 

 

 

GharabulloGharabullo

«Garabullo [subs.]: Pau delgado e pequeno, que se usa sobre todo para prender lume». Lume canino é o que prenden Gharabullo, grupo estradense que debuta na escena estatal e no mercado discográfico ao mesmo tempo. Gravado en Bonham Studios (A Coruña), Gharabullo (2019) está composto por 11 pezas que deixan claro as influencias de punk americano dos 70, power-pop, after-punk e garage-rock que resultan, segundo eles mesmos definen, nun estilo «visceral e peláxico». A mordiscos, Gharabullo presenta un cóctel de Velvet, Wipers, The Cramps, mesmo Dragon Ball, con letras persoais en galego, castelán, inglés e italiano.

 

 

 

 

Vudú Vol. IIIVudú

De esencia feminina e unha morea de sensualidade, a música de Vudú pretende reivindicar a forza dos cantos tradicionais de Galicia. Así, no seu primeiro longo, Vudú Vol. III (2018), o dúo combina letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas con ritmos pop, percusións electrónicas e tinguiduras jazz e soul, como “Moreniña”, tema que vive da súa memoria e que presentan como homenaxe a aquelas persoas que lles cantaban «esas cancións tan lindas». Producido por Nicolás Viéites, o álbum supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa; un disco para o que Vudú contou coas colaboracións de Adrián Seijas (Misterioso Viaje Holanda, Xoel López) nas percusións e Nata Álvarez (Swingdigentes) no saxofón. Sons pop, percusións electrónicas e melodías jazz e soul enchen os nove temas que compoñen este traballo, nove cancións de letras remotas, ritmos pretos aos anos cincuenta (“Xa me dixo”), pezas populares (“Eu chorar, chorei”) e outras de composición propia (“Lingua”). Aínda que Vudú Vol. III foi presentado a finais de 2018, o 20 de marzo foi a data escollida polo dúo para compartir o seu último traballo nas principais plataformas dixitais.

 

 

 

 

MemoriaDenis Carballás

Denis Carballás estreaba o mes de marzo con Memoria (2019), o seu primeiro disco en solitario. Gravado nos Estudios Centrales de Mi Habitación ao longo destes últimos anos, Memoria é un LP conceptual composto por 14 cancións nas que Carballás convídanos a unha viaxe de ida e volta e a súa consecuente evolución; a banda sonora desta «viaxe» está influenciada por como a The Beatles o Brian Wilson se lles permitía experimentar no estudio, pero a moi pequena escala. Con The Riggos, Denis Carballás dálle ao punk-rock, pero en solitario decántase por un folk-pop máis sereno, estilo no que, nestes momentos, o músico e compositor se atopa moi cómodo. Este pop acústico, íntimo, está presente en maior ou menor medida ao longo de Memoria (2019), cancións que poñen música a «unha xeración chea de dúbidas e incertezas». “Hawaii” é o segundo single do disco, tema que vén acompañado por un vídeo do máis tropical con imaxes de arquivo dunha actuación de danza hula.

 

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

  noticias