• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11+11 CLIPS PARA CANTAR CON XABARÍN VOL. I

11+11 CLIPS PARA CANTAR CON XABARÍN VOL. I
12 ABRIL 2019

«Hai alguén aí?, hai alguén aí?». Juanillo Esteban facía falar a un porco bravo deseñado por Miguelanxo Prado que se asomaba á pantalla da televisión saído da mente dun equipo dirixido por Suso Iglesias e no que destacaba a presenza do guionista e realizador Antonio Blanco. O 18 de abril de 1994 botaba a andar o Xabarín Club, un dos programas máis lonxevos e míticos da TVG.

Antonio Blanco asinaba un ano antes A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (1993), un filme gore gravado en vídeo que axiña se converteu en obxecto de culto da movida e que foi, dalgún xeito, o antecedente do programa. No reparto atopámonos nomes que estarían vencellados ao proxecto: dende Juanillo Esteban ou Manuel Manquiña a Julián Hernández (Siniestro Total), César Strawberry (Def con Dos) ou Silvia Superestar. Na cinta tamén soaban os temas La sierra es la familia de Siniestro Total e Terra Brava dos Diplomáticos de Monte-Alto e ata a tipografía dos títulos de crédito é a mesma que logo se empregaría nos videoclips-karaoke do Xabarín Club.

Antonio Xosé Blanco Rodríguez, Toñito Blanco, falecía poucos meses despois da estrea do programa, en novembro de 1994, non sen antes deixar nel unha intensa pegada. Tiña 30 anos.

Logo viñeron os máis de 100.000 socios e esa época na que entre os episodios de Shin Chan, As Bolas do Dragón, Doraemon ou os clásicos da animación da Warner ou Hannah-Barbera a rapazada cantaba, en galego, temas de grupos da movida de Vigo ou do rock bravú: a Xeración Xabarín.

Celebramos o 25 aniversario do programa elixindo 11+11 dos clips máis clásicos do Xabarín Club.

Pero comecemos polo principio, a cabeceira, que, como o clip final, algo ten de homenaxe ao Show de Porky dos anos 60, protagonizado por ese outro célebre representante da familia dos súidos, aínda que nese caso, doméstico.

 

 

 

1. Socio, busco un socio - O Vello Almorth

Antes do Instagram e dos crowdfundings, o porquiño bravo Xabarín xa movía máis followers que un influencer. O orixinal tema de O Vello Almorth encargábase de buscar seguidores nun dos clips máis recordados do show. A ritmo de música e baixo a coñecida frase «socio, busco un socio», conseguiu captar a atención de milleiros de nenos e nenas de toda a xeografía galega. Non o dubides… afíliate!

 

 

 

2. A onde vas rapaz? - Siniestro Total

Os pais, os profesores ou os municipais eran algunhas das figuras das que fuxir por medio de decibelios e rock’n’roll neste tema de Siniestro Total. Os mozos do grupo vigués estaban cansos de contestar sempre á mesma pregunta. Eles só querían gozar da música e deixar de escoitar “A onde vas rapaz?”.

 

 

 

3. Non todo é o que parece - Aerolíneas Federales

Porque no amor e na guerra non todo vale. Así o aprendeu o protagonista do clip, que usou ceas de luxo e perfumes caros para conquistar a unha muller. Mala idea. O vídeo, cunha estética pulp e protagonizado por Juanillo Esteban, agochaba unha sorpresa final, a lección moral desta canción de Aerolíneas Federales: «Non todo é o que parece, amigo».

 

 

 

4. Estou na lavadora - O Caimán do Río Tea

Desafiando as leis da física e relatando un caso propio de Cuarto Milenio, “Estou na lavadora” converteuse en todo un xite do grupo de Ponteareas e do Xabarín. Non era para menos. Co paso dos anos aínda é doado pulsar o play e voltar estar dentro desa lavadora que non paraba de xirar. O Caimán do Río Tea conseguiu gran repercusión con esta peza onde abandeiraba o rock bravú.

 

 

 

5. Pode ser - Víctor Coyote

Víctor Coyote é a mente detrás desta surrealista creación cuxo retrouso é do máis galego: «pode ser que si, pode ser que non…». Facendo alarde da indecisión que nos caracteriza e coa colaboración de vacas galácticas parlantes e de alieníxenas, coróase este mítico tema das nosas tardes de merenda.

 

 

 

6. Non podo parar - As Incribles Páncreas

O síndrome non-podo-parar-con-este-ritmo cobrouse moitas vítimas nos 90, pero sen dúbida as máis afectadas foron As Incribles Páncreas. O grupo tiña a súa orixe en Aerolíneas Federales, referente da música do Xabarín e da movida viguesa dos 80 e 90. Con fondos cheos de cores, luces e os escaparates de Área Central como escenario, Rosa Costas poñía a voz principal neste tema e pedía poder descansar despois de tanto baile.

 

 

 

7. Oda ó futbolín Os Diplomáticos de Monte-Alto

Un repaso á historia do futbolín e ao seu alcance mundial a ritmo de ska nesta canción dos Diplomáticos de Monte Alto. Ferriños, metegol, matraquinho, protagonista indiscutible desta peza e de moitas tardes de «partidas bravas» onde sempre íamos co Xabarín. Os coruñeses renden homenaxe ao grande invento galego de tódolos tempos e ao seu creador nunha peza somerxida en rock bravú.

 

 

 

8. Qué ghallo é Heredeiros da Crus

Galiñas, cans, porcos e máis conexos acompañan aos de Ribeira neste popular videoclip que os fixo saltar á fama. Facendo chisco ao lugar onde naceron, o galiñeiro de Tonhito de Poi, os máis jrandes cacarean a ritmo do rock máis rural. Eles son os responsables de que hoxe gritemos con moito orgullo «churras, churras, churras».

 

 

 

9. Capitán Araña Def con Dos

Unha mostra de rap da man de Def Con Dos para o Xabarín. A golpe de hip-hop e megáfono en man, o grupo vigués introducíase nas pantallas dos máis novos con berros de defensa. Percorrendo os corredores dun colexio, “Capitán Araña” era todo un grito de rabia contra a monotonía.

 

 

 

10. A vida dentro dun pin - Nación Reixa

Coma se dun xogo de matrioskas se tratara, Antón Reixa cantaba sobre un pin dun xabarín que leva un pin do Xabarín. «Un barullo sen fin» que fixo que a rapazada galega da época tivera un primeiro contacto coa abstracción conceptual a través dun meta-pin do Xabarín.

 

 

 

11. O sacaúntos Berrogüetto

Todo era posible dentro do Xabarín, incluso a historia de Nito, un porco con obesidade en busca dun método para adelgazar. O Sacaúntos, o «asustanenos» made in Galicia, foi o encargado de facerlle unha particular «liposucción». Quizais hoxe non se podería cantar sobre cochos obesos ou anoréxicos con tanta alegría, pero nós celebramos a liberdade creativa característica do club da Galega con este tema de Berrogüetto.

 

 

 

 

«Por fuciños, por cacheiras»... as +11 quedan para o venres 19!

ETIQUETAS

  noticias