• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

11+11 CLIPS PARA CANTAR CON XABARÍN VOL. II

11+11 CLIPS PARA CANTAR CON XABARÍN VOL. II
19 ABRIL 2019

Continuamos a celebrar o 25 aniversario do Xabarín Club, non merece menos! A súa compaña foi imprescindible nas tardes de miles de nenos e nenas que chegaban da escola, sentaban diante do televisor e se mergullaban entre debuxos e cancións bocata en man.

Innegable o labor do porco bravo máis coñecido do planeta a prol do galego; o clásico programa infantil fixo máis polo noso idioma que moitas políticas de normalización lingüística. A rapazada aprendía mentres cantaba letras con gheada e seseo, e gozaba da riqueza dunha lingua que aínda precisa moito daquel Xabarín.

Se ben o Xabaclub destacaba polo seu estilo irreverente ligado ao rock bravú, tamén podiamos escoitar temas de jazz, groove, disco e incluso reggae.

Nós non podemos emitir a foto carné do Xabarín polo seu aniversario, pero imos celebralo á nosa maneira... coa segunda selección de 11 cancións que vos permitirán regresar por uns instantes a vosa nenez, onde o maior problema era non chegar a tempo para ver o Xabarín Club.

 

1. Carmiña Vacaloura - Maestro Reverendo

Ata no reino animal, un veciño molesto é o peor dos males. A ritmo de jazz, o Maestro Reverendo relata a historia de Carmiña, unha xentil vacaloura que se ve obrigada a ameazar a Pepiño Grilo, un insecto pailán e chupatintas que saca de couzón á invertebrada veciñanza dun tranquilo carballo. Unha animada viaxe lisérxica que foi pesadelo de moitos nenos, pero tamén un dos éxitos máis recordados do programa. Cunha psicodélica animación, o Xabarín lanzaba unha mensaxe directa aos espectadores, «do que non se sabe falar, o mellor é sempre calar».

 

 

 

2. Quero xamón - Miguel Costas e Aerolíneas Federales

Xa sabemos que do porco se aproveita todo... e máis se falamos deste manxar. O tema máis carnívoro do Xabarín Club foi cortesía de Miguel Costas (Siniestro Total) e Aerolíneas Federales. Cun retrouso que ningúen desta xeración pode esquecer, esixían a grito pelado e con moito rock a súa ración de xamón. Agora, por culpa deste tema, os «camaretas» galegos non poden tardar nin un instante en servir as mesas.

 

 

 

3. Satélite Xabarín - La Marabunta

O clube da Galega estaba a quedar pequeno para tanto socio, por iso, os enxeñeiros aeroespaciais de La Marabunta subiron a seu foguete cun particular obxectivo: emitir para toda a galaxia. A ritmo de groove e cun memorable “Satélite Xabarín” proxectaban o programa a todos os recunchos do universo.

 

 

 

4. Astro da bóla - Despe e Siga

Unha das colaboracións internacionais do Xabarín! O grupo Despe e Siga, alias da banda portuguesa Peste & Sida, anímase a cantar en galego sobre fútbol e os desexos da rapazada de converterse en estrelas. «Quen é o que nunca soñou ser un astro da bóla?».

 

 

 

5. As fadas que te faden - Uxía

«Mouchos, coruxas, sapos e bruxas...» O libro de conxuros da meiga Uxía abríase e o folk acompañábase de ritmos pegadizos que ou asustaban ou facían bailar aos máis pequenos. O misterio envolve a Xabarín neste vídeo, porque habelas, hainas.

 

 

 

6. Bocata e Futbolin - Iván Ferreiro

Iván Ferreiro tamén aportou o seu gran de area no clube da Galega nun dos temas máis emotivos do Xabarín. A tenrura e a nostalxia apodéranse do vigués nesta peza onde fai un repaso polas tardes de «bocata e futbolín» con Son Goku e demais personaxes de Bóla de Dragón.

 

 

 

7. Magical Radio - Magical Brothers

O mesmísimo Luis Tosar loita contra o zapping nesta canción con letras en «guachilai», unha fusión entre o inglés e o galego. Jorge Coira foi o encargado de realizar o videoclip con máis presuposto de todo o repertorio do Xabarín, con embutidos nun traxe propio da movida disco dos 70, os Magical Brothers piden que non cambiemos porque a canle do porco bravo ten xa maxia dabondo.

 

 

 

8. Tá-se ben na radio - Kussondulola

A world music tamén tiña cabida no Xabaclub. Kussondulola, un grupo angoleño residente en Portugal traía o galego máis tropical as nosas pantallas. Cargados de bo rollito deixaban na mente dos pequenos espectadores unha mensaxe positiva ben clara, prende a radio, escoita reggae e goza!

 

 

 

9. Porco Superstar - Xabarín e Xababanda

Mansións, limusinas, concertos… O porco multimedia contaba con case 100.000 seguidores cando se gravou este tema coa Xababanda. Ataviado con coroa e cetro, o Xabarín deixaba claro que non existía porco na terra máis famoso que el.

 

 

 

10. Superheroe - Blood Filloas

Os Blood Filloas achegaban un xénero pouco común no programa da Galega e unha visión diferente do superheroe tradicional. Este tema indie da banda ferrolá lembraba que lavar os dentes ou tomar o almorzo eran as verdadeiras súper tarefas dos rapaces e rapazas. O de salvar o mundo xa o deixamos para aqueles con súper poderes...

 

 

 

11. Aí vén Pistón! - Tasmanian Devils

Nunca é boa idea quitar o ollo da calzada mentres andas en bicicleta. Pistón, o protagonista desta canción, quedou sen dentes por mirar para a filla do Manuel e os Tasmanian Devils asinaban esta accidentada historia de amor no rural galego. Por sorte, Pistón aprendeu a lección e cambiou a bici polo sacho.

 

 

 

 

➕ Preme nesta ligazón para cantar (e bailar!) coas outras 11 cancións incluídas na primeira listaxe.

ETIQUETAS

  noticias