• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL II

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL II
1 MAIO 2019

Logo do pistoletazo cos candidatos aos Premios Organistrum, estreamos as 15 categorías musicais cos nomeados en Hip-Hop e Músicas Urbanas; Blues, Funk e Soul, e Músicas do Mundo.

 

HIP-HOP E MÚSICAS URBANAS

 

Wöyza

Afincada en Vigo, Wöyza (Moaña, 1984) é xa unha veterana nos Premios Martín Códax da Música, xa que alzouse co galardón nesta mesma categoría na segunda edición dos premios, en 2014, e finalista nas catro primeiras edicións. Autora, compositora, produtora e «artivista», é unha das primeiras mulleres galegas referentes no hip-hop, soul e R&B hispano. Con tres traballos discográficos no mercado —o cuarto en camiño— e logo de ser parte de importantes proxectos como V-Go! Negro Son ou Woÿza & The Galician Maessengers e colaborar con artistas como Nach, Carlos Núñez, Iván Ferreiro, Cristina Pato ou Xulio Lorenzo, Wöyza céntrase agora na autorpodución da súa obra, que compaxina cos seus labores de vocal coach en varios estudios da cidade.

 

 

 

Ezetaerre

En menos dun ano, pasaron de compoñer cancións satíricas a gañar un concurso e, consecuentemente, subirse ao escenario do Revenidas. Ezetaerre son O Garchu, O Pirola e O Petrowski, tres compañeiros de facultade parte do movemento estudiantil que, desde A Coruña, comparten estudios, loitas e experiencias. Con influencias de Rebeliom do Inframundo, Dios Ke Te Crew ou Los Chikos del Maíz, o seu rap melódico, de letras en galego que versan sobre temáticas sociais, políticas e históricas, enchen xa un par de longos, un EP, varios singles, e máis dunha ducia de videoclips en YouTube. No seu último traballo discográfico, Pólvora e tormenta (New Beats, 2018), Ezetaerre establece paralelismos entre a sociedade actual e a dos Estados Unidos da Gran Depresión, asolados pola crise e o Dust Bowl, nos 11 cortes que compoñen o LP.

 

 

 

Rebeliom do Inframundo

Tres anos despois do seu Lume e Rebeliom (2016), Rebeliom do Inframundo publica o seu terceiro disco, ILEGAL (2019). Co rap insumiso como carta de presentación, a banda de Ponteareas lanza un traballo onde crítica social e intimidade conviven en harmonía, lírica salpicadaa pola súa particular visión de hip-hop e ritmos urbanos. Ao seu potente directo, ILEGAL suma, por vez primeira na súa discografía, unha colaboración; a das valencianas MAFALDA, quen «aportan novas cores a un grupo que camiña cara a súa consolidación na escena musical estatal».

 

 

 

BLUES, FUNK E SOUL

 

Carmen Rey

Cantante, compositora e arranxista vocal, Carmen Rey leva case 30 anos na escena jazzística xunto co virtuoso Nani García. A súa discografía en solitario está composta por tres traballos, o último de 2016, además dunha infinidade de colaboracións con artistas galegos tanto no estudio como no escenario como Xabier Díaz, Carlos Arévalo, Ángeles Dorrio, Xosé Manuel Budiño ou Emilio Cao. Carmen Rey compaxina a súa carreira musical, que continúa pola liña do soul-funk con tinguiduras jazz, coa súa faceta de profesora de canto e directora de grupos vocais como Sisters In The House, Ejazz ou Gospel 3.

 

 

 

Vudú

Vudú, dúo feminino composto por Belém Tajes (voz, teclado) e Maritxinha (baixo, loops), naceu hai tres anos na Coruña e, na súa corta pero intensa traxectoria, xa foron galardoadas cun premio á Mellor Canción en Galego no Música Xove 2016 e, un ano despois, álzanse co Premio Martín Códax da Música Galega nesta mesma categoría. E é así, cun par de premios no peto, como Vudú consolida o seu estilo e comeza a explorar novos formatos nos seus directos ata definir a súa proposta actual. A súa discografía está composta por dous EP e un LP, Vudú Vol. III (2018), publicado a finais do ano pasado; un traballo que mestura a tradición das súas letras co pop das melodías e a electrónica das percusións, combinación impregnada de ecos jazz e soul.

 

 

 

Carla Green & The Demons

Desde Santiago de Compostela chegan Carla Green & The Demons, banda creada en 2017 co obxectivo de subir ao escenario para compartir o mellor soul dos 60 e os 70. Enriba das táboas, Carla Green (voz) rodéase dun quinteto de músicos extraordinarios: David tato (guitarra), Fran Sanz (baixo), José Luis Miranda (trombón) e LAR Legido (batería). Cun repertorio baseado en clásicos de artistas to talle de Etta James, Otis Redding e Wilson Pickett, entre outros, Carla Green & The Demons xa participou en ciclos e festivais como o Outono Códax Festival, Armadiña Rock ou o Festival Noroeste Estrella Galicia.

 

 

 

MÚSICAS DO MUNDO

 

Marcos Teira ‘NÓs’

Coñecido por tocar con Rodrigo Romaní, Xosé Manuel Budiño, Leilía, e Uxía, ademais de formar parte de Marful, Marcos Teira presenta NÓs (2019), nuevo disco do seu último proxecto. O guitarrista santiagués, xunto con Alfonso Calvo, Moisés Fernández, Isaías Salazar e Alejandro Vargas, une flamenco e jazz nun espectáculo para ver, escoitar e sentir co obxectivo de adaptar e resucitar a música dentro dunha nova paisaxe sonora: «nóS cubanos, nós flamencos, nÓs xitanos, nóS galegos» en corda e madeira, piano e baile, caixón, contrabaixo e guitarra.

 

 

Oîma

O trío formado por Antía Ameixeiras (violino), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico) son Oîma, música para baile de tradición galega e europea. Case un lustro desde a súa creación, Oîma preséntase como o ritmo que pilota os nosos corpos ao bailar, «bailar en círculo, en parellas, xuntas ou por separado; percorrendo ao compás o país galego e saltando alén ao son da tradición». Gañadores do Xuventude Crea 2016 e 2018 e o I Festival Folk de Artistas Emerxentes Val da Mahía, o trío xa cruzou a fronteira co seu balfolk a Portugal.

 

 

 

Turma Caipira

A música brasileira converteuse na súa paixón, unha paixón que Turma Caipira tornou no seu motor de vida e traballo. Marga Ramos (voz), Fran Castro (piano), Quique Alvarado (bajo) y Samuel Pérez (batería) forman este cuarteto, creado na Coruña en 2009 e actualmente inmerso na presentación do seu primeiro traballo discográfico, Bellis Silvestris (2017). Grazas a estes catro galegos e as súas composicións, que procuran transmitir algo máis que simples melodías, atopamos todo un abano musical brasileiro na nosa terra.

 

 

  noticias