• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL III

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL III
2 MAIO 2019

Seica os «Xoves de Códax» adiantáronse particularmente... e veñen cos finalistas nas categorías de Rock, Canción de Autor, e Orquestras, Grupos e Música de Verbena.

 

ROCK

 

BALA

Se o seu primeiro disco xa era todo un descubrimento, BALA acertou de cheo con Lume (Matapadre, 2017). Intensidade, forza, volume e potencia son os catro termos que mellor definen a esta banda que se move entre o rock, o punk, o stoner e o grunge dos anos 90. Tras un intenso percorrido dando concertos polo mundo e, como din elas, «facendo ruído», deciden darse un tempo para preparar novos temas no que será o seu terceiro traballo, co que Ánxela e Violeta prométennos manterse a tope. “Vitamina”, clip gravado por Luis Casanova e editado por Rawrcord, resume esta aventura dentro de Lume, un segundo traballo onde rozan «cotas de visceralidade e contundencia máis definidas».

 

 

 

*Familia Caamagno*

O particular estilo da Familia Caamagno materialízase en traballos de curta duración xa que, como din eles, «canta menos palla haxa, mellor». En 2013 gañaron o Concurso Rock da Deputación da Coruña e ata hoxe seguiron crecendo e pulindo o seu son coa máxima calidade. No 2019, os de Sigüeiro abandonan o seu formato preferido e embárcanse nun novo traballo titulado Había que intentalo, un LP gravado nos estudios Circo Perrotti e producido por Jorge Explosión. O álbum está composto por 9 temas nos que o seu coidado polos arranxos se combina á perfección coa súa versión máis irreverente. Unha simbiose palpable no sinxelo "Castromil", onde as imaxes máis gore do realizador Xaime Miranda Méndez se xuntan coas melodías dos coruñeses.

 

 

 

MadMartin Trío

Este grupo compostelán representa o rockabilly americano cun toque galego. Logo de máis de seis anos de xira por España e Europa, Martin Esturao funda en 2014 MadMartin Trío. En 2015 gañaron o concurso Azkena Rock Party de Madrid impoñéndose a un gran número de bandas e ese mesmo ano publican o seu primeiro longo, Time To Go Mad (Vintjärn Records). En 2017 presentaron Tornado, un álbum gravado en analóxico e producido por Mike Mariconda que aglutina cancións propias con versións de grupos como os Jiants. O trío de Santiago continúa na estrada, pero quixo celebrar o seu nomeamento aos Premios da Música cunha versión do “Rockaway Beach” dos Ramones, que á súa vez é unha homenaxe ao “Rock en Samil” de Siniestro Total.

 

 

 

CANCIÓN DE AUTOR

 

A banda da Loba

Cinco mulleres unidas pola música a través de sons que emanan de diferentes estilos. O pop, o blues, o folk, o rock e o tradicional xúntanse para crear un estilo singular e propio. A banda da Loba non perdeu o fol desde que publicou Bailando as rúas (Seispés Producións Creativas, 2017) e repite nomeamento nesta edición dos Premios Martín Códax da Música. En “Anagnórise”, homenaxe á escritora María Victoria Moreno, vemos a experiencia dunhas mozas que pisan forte e reivindican a figura feminina como compositora e instrumentista dando solidez ao seu son.

 

 

 

MJ Pérez

Con catro álbums as súas costas, MJ Pérez non para de compartir a súa forza polos escenarios de toda Galicia. Casandra (2017), o seu primeiro disco de estudo, marcou un punto de inflexión na curta pero intensa traxectoria da artista natural de Arzúa. A súa evolución musical, así como as colaboracións con Ailén Kendelman, Paco Cerdeira ou Richi Casás, fixeron que a súa interesante proposta fose finalista en concursos como Xuventude Crea 2017 ou o VII Concurso Musical da Deputación da Coruña. “Vai Embora!”, videoclip que acaba de estrear baixo a realización de Carlos A. Quirós, mostra á artista dando un paso máis co seu primeiro sinxelo en portugués, que lle permite expandir horizontes e deixarnos un doce clip en clave de humor.

 

 

 

Su Garrido Pombo

Cunha longa formación e traxectoria no eido musical, Susana Garrido decide comezar o seu propio proxecto que a leva a percorrer diferentes recunchos do mundo. Cantante, música e compositora, móvense entre o folk, o jazz ou a bossa. En 2018 presenta o seu primeiro traballo en solitario Quedo a vivir aquí, once cancións nas que combina versións de poemas e composicións propias de diversos xéneros. No videoclip homónimo ao seu último traballo e producido por Rodando 73, observamos como a artista emprega unicamente a súa voz para impactar e crear un tema con crítica social.

 

 

 

ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA

 

Orquesta Los Satélites

Con máis de 80 anos de historia, a Orquestra Los Satélites segue a conquistar cada lugar que pisa, tocando dende clásicos propios das nosas verbenas ata temas actuais. A formación pode presumir de ter percorrido tanto o territorio galego e nacional como o internacional cos seus ritmos latinos e melodías pegadizas. A súa traxectoria está chea de recoñecementos,  pois xa se alzaron coa vitoria eb 2014 nesta mesma categoría. Incluso contan cunha rúa dedicada á agrupación no concello de Oleiros (A Coruña). Este ano regresan para sorprendernos co seu último éxito, “Verbenero Mix”, que xunta tódolos elementos característicos das nosas festas e nos invita a botar uns bos bailes.

 

 

 

América de Vigo

Cando falamos de América de Vigo, referímonos a unha das orquestras máis particulares do panorama da verbena. Coas súas versións das bandas máis míticas do rock como Queen, Bon Jovi, Héroes del Silencio ou Los Suaves, son rara avis dentro da tradición orquestreira de Galicia. Os seus electrizantes directos transportan ó público aos grandes éxitos populares do século XX grazas ás vibrantes voces de Bruno Pla e Diego Grande. Todo unha viaxe ao pasado que combina á perfección verbena e melomanía.

 

 

 

Timparrantela

Lorena Sotelo (voz), María Blando (violino), Olalla Rodríguez (clarinete), Olalla López (saxofón), Olga Brañas (piano e pandeireta), Raquel Huete (tuba e baixo eléctrico) e Marta Figueiredo (percusión) son as oito compoñentes de Timparrantela, encargadas de facer vibrar ao público en cada directo. Esta formación feminina nada recentemente en Ourense combina con elegancia distintas músicas do mundo coa tradición da verbena, reinventando este formato a través da musicalización de poemas ou composicións tradicionais.

 

 

  noticias