COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL V
Nesta penúltima quenda coñecemos aos finalistas que competirán polo Melómano nas categorías musicais de Pop e Indie, Coros e Grupos Vocais, e Metal.
POP E INDIE
Oh! Ayatollah
Creado en Santiago de Compostela en 2015, Oh! Ayatollah é un grupo de pop fresco e entusiasta baseado en retrousos e melodías directas e efectivas, aires lo-fi, sintetizadores e coros dos 60. Cun par de referencias no mercado e o Premios ao Mellor Videoclip por “Mi Re La” no XIV Festival de Cans, Oh! Ayatollah vese envolto nunca xira-sen-parar por toda a xeografía galega, tocando en salas, festas e festivais. Gravado, producido e mesturado por Hevi Malandrómeda, o seu último álbum, Volve a canción protesta (2018), é un LP composto por nove temazos que se moven entre un new-wave enérxico, un pop delicado e un case-punk; combinación sonora épica para letras que son pura apoloxía da xuventude, o amor e a frustración.
Cunha traxectoria de máis de 25 anos no mundo da música, Espiño (A Nice Pair, Los Fabulosos Weekend, Mega Purple Sex Toy Kit) pretende afondar no pop galego dun xeito creativo, con toques psych y rock progresivo. Traballando a diario no seu repertorio, Espiño estrea nesta candidatura aos Premios a (por segundo ano consecutivo!) súa nova composición, “Electric Nana”, gravado ao vivo na Sala Malatesta (Santiago de Compostela), onde o músico e cantautor fai unha nova alusión mitolóxica á figura de Lilit como símbolo da feminidade.
«Solvencia, saber estar, calidade e elegancia. Tamén perseveranza, loita e sobre todo, capacidade para levantarse e volver a comezar». Así preséntase a candidatura de Igloo, grupo de amigos convertido en banda indie con máis dunha década percorrendo as mellores salas e festivais do país. O seu último traballo discográfico, Aquellos maravillosos daños (Ernie Records, 2017), é froito dun intenso período de maduración, unha colección de 11 cancións consideradas xa as mellores da súa carreira. Con sinxelos que escoitamos durante meses en MTV España, Sol Música, Los 40 Principales ou Radio 3, o seu novo single-clip, “G7”, transmite «esa sensación que sintes cando despegas nun avión e deixa de tomar contacto coa terra […] é o cambio de rasante dun coche a toda velocidade, o subgrave no teu estómago, un golge de calor na cara…». O videoclip, firmado por Lara Isabel Gómez e rodado entre Barro e Catoira, fíxose un oco na Sección Oficial de Videoclips do VIII Primavera do Cine.
COROS E GRUPOS VOCAIS
Ejazz
Hai dous anos, durante a celebración da cuarta edición dos Premios, Ejazz subíase ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra a recoller o Melómano correspondente a Coros e Grupos Vocais. Hoxe, o cuarteto afincado na Coruña volve ser finalista nesta mesma categoría. Desde 2012, Ángeles Dorrio, Marga Ramos, Betty Queiro e Carmen Rey, esta última como arranxista e directora, ofrecen un repertorio de versións coa voz como único instrumento nun espectáculo a capella que nos transporta a diferentes épocas e lugares a ritmo de jazz, soul, bossa nova ou funk.
Sisters In The House
Finalistas por cuarto ano consecutivo, Sisters In The House é un proxecto ideado por Carmen Rey e Ángeles Dorrio en 2008, integrado exclusivamente por mulleres galegas que fan versións de artistas como Stevie Wonder, Michael Jackson, Beyoncé e Ray Charles, entre outros, nun espectáculo cheo de funk, soul e rock.
Zoelas
Zoelas, tribo prerromana que habitaba na zona noroeste da península. Un matriarcado cuns valores que serven de inspiración, séculos despois, a este grupo musical que nace na Comarca da Ulloa. Composto polas voces de Beatriz García, María Bouzas, Pilar Naveira, Érica García, Patricia Coucheiro e a instrumentación de Michel Rivadulla (guitarra), Bruno Villamor (requinta, zanfona e gaita) e Miguel «Miki» Varela (percusión), Zoelas mestura as raíces do canto tradicional con melodías doutros estilos musicais e unhas letras propias que conviven con coplas recollidas. Este ano, o grupo editou o seu primeiro traballo discográfico, Evelaités (2019), apostando polo ecléctico ademais da sinceridade como compromiso co proceso creativo.
METAL
RAIBA
No seu décimo aniversario, afirmamos e confirmamos que RAIBA é, a día de hoxe, unha das bandas en activo que mellor representa o metal galego. Formada por Xavinho (voz), Fran J. Castro (guitarra), F. Bernardini (batería) e Borja García (baixo), RAIBA ofrece un directo potente e comprometido e unha discografía composta por catro referencias onde metal, punk e hardcore comparten protagonismo. O último que escoitamos dos do Lérez é Marxinación (2017), disco co que actualmente están a xirar e que consolida á banda como un dos grupos máis combativos e resistentes do «noso» metal.
NAO
Gañadores nesta mesma categoría na segunda edición dos Premios, NAO volveu… para despedirse. Logo de 13 anos enriba dos escnearios, ta que o lume se apague (2018) será o seu derradeiro disco, composto por 13 cortes gravados entre Galiza e Euskal Herria, o que pecha unha triloxía de despedida que a banda comezara en 2015 con aquel Apocalipse NAO. O cuarteto metal ten preparado un novo espectáculo que os levará a percorrer salas e festivais de Asturias, Euskadi e Portugal; dúas horas de concerto con nova ecenografía onde repasarán toda a súa discografía. O seu guitarrazo final terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro decembro nun concerto que nos lembrará o seu «Cando caemos, só nos queda erguernos. Hai que ser máis valentes. SEMPRE».
Aínda que é unha banda nova, Cabodano chega desde Santiago de Compostela pisando forte. Naceu en 2012, cando un grupo de amigos provenientes de outras bandas de estilos dispares uniron forzas para, un par de anos máis tarde, debutar enriba das táboas, compartindo as súas raíces metal. Logo dun parón forzado, Moisés (baixo), Buitre (voz), Santi (batería), Mora (guitarra solista) e Juncal (guitarra rítmica) volven cunha formación renovada, máis sólida e con máis ganas que nunca de reconquistar os escenarios guitarrazo a guitarrazo. Gravado e masterizado entre os seus estudios caseiros e o local de ensaio, o seu debut discográfico, O Espertar (Novena Records, 2018), son nove cortes de metalcore melódico onde os riffs das guitarras dan paso á voz gutural de Buitre, aguda e esgazada.