• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL IV

COÑECE OS FINALISTAS DA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA. VOL IV
3 MAIO 2019

Cuarta entrega protagonizada polos finalistas nas categorías de Electrónica, Música Clásica y Contemporánea, e Reggae, Ska e Mestizaje.

 

ELECTRÓNICA

 

Baiuca

Vangarda e tradición conflúen no proxecto máis persoal e arriscado de Alejando Guillán. Baiuca é a unión das pezas de sempre con sons eléctricos e vibrantes entre os que se perciben as melodías de cunchas e gaitas. Menos dun ano despois da publicación do seu primeiro traballo, Solpor (Raso Estudio, 2018), o artista volve sorprender con Misturas (Raso Estudio, 2019), onde dá un xiro aos temas do primeiro disco de Xosé Lois Romero & Aliboria. O Son do Camiño, o Bilbao BBK Live ou a sala EartH de Londres serán algúns dos lugares nacionais e internacionais nos que o mozo de Catoira mostrará creacións como “Olvídame” ou “Morriña”.

 

 

 

cintaadhesiva

Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada forman cintaadhesiva: unha unión entre literatura e música. Os textos de Silvia cobran vida a través das melodías, ritmos e sons creados por Jesús. O seu singular estilo levounos a gañar o premio Visible Verse (Canadá) e a ser finalistas noutros certames como o Festival de Cans ou os premios NARF 2017 da Deputación da Coruña. Fronteira Paraíso (2019), o seu último traballo, non se conforma con ser un espectáculo musical, senón que ten como obxectivo converterse en toda unha vivencia para os espectadores. O sinxelo “The Caretaker” mostra o carácter orgánico da música do dúo, onde as letras e as bases se funden nunha unidade perfectamente equilibrada.

 

 

 

Músculo!

Desde Valga (Pontevedra) chegan Raúl, Álvaro, Javier e Niko, tamén coñecidos como Músculo!, unha banda de electrónica fundada no 2012. O seu primeiro EP Selección Natural (2013) tivo unha moi boa acollida por parte do público e da crítica, a partir de entón o grupo foi crecendo e gañando experiencia grazas as súas actuacións en festivais como o Let’s Festival (Barcelona) ou Matadero (Madrid). O seu último traballo, Músculo! (2018), promete «dinamitar as pistas de baile máis esixentes» grazas a temas tan dinámicos e interesantes coma o sinxelo “What We Left Behind”.

 

 

 

MÚSICA CLÁSICA E ELECTRÓNICA

 

Tangata & Orquesta Clásica de Vigo

O tango e os ritmos latinos cólanse nesta edición dos Premios da man de Tangata. Os 30 anos do cuarteto fundado polo bandoneonista uruguaio Artigas Antelo son só o principio, como eles ben din no seu último traballo: Que 30 años no es nada (2018). Para celebrar este trixésimo aniversario, o grupo rodéase dos músicos da Orquesta Clásica de Vigo, a formación orquestral máis antiga de Galicia. A través dunha selección de tangos sinfónicos e temas propios instrumentados para a ocasión, Tangata e a orquestra olívica fan un repaso á historia de este xénero musical. Coa voz de Uxía como fío condutor, ambas formacións se unen para interpretar unha versión do grande éxito “El día que me quieras” de Carlos Gardel.

 

 

 

Adrián Saavedra

O compositor pontevedrés Adrián Saavedra (1987) é un todoterreo no que a música se refire. Licenciado en Composición pola Escola Superior de Música de Catalunya e graduado en Piano Clásico polo Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, o novo produtor traballou con artistas como Abraham Cupeiro ou A banda da Loba; a súa obra “Macaréu”, estreada o pasado febreiro, foi un encargo da Real Filharmonía de Galicia, no que «logo dun primeiro impulso estático, as ondas chocan e dispóñense a remontar un discurso sonoro». En “Stronger”, unha versión da canción de Nastasia Zürcher, vemos a súa faceta de músico e cantante nun tema íntimo e melódico.

 

 

 

Son Trío

Susana Blanco (cello), Katerina Linke (piano e composición) e Su Garrido Pombo (voz) convertiron o namoramento pola terra nun proxecto de música instimista e contemporánea. Baixo un estilo singular e actual, as tres artistas crean pezas inspiradas na poesía galega e fan versións de cancións populares. Miña Almiña (2018) é o seu primeiro traballo discográfico, que fusiona os versos do poemario Follas Novas de Rosalía de Castro con música orixinal como na canción “Unha rosa”.

 

 

 

REGGAE, SKA E MESTIZAXE

 

García Mc & Nación Quilombo

García MC empezou rimar con 13 años e non parou dende entón. É un dos fundadores de Dios Ke Te Crew, un dos grupos de rap máis famosos de Galicia e pioneiro en publicar un LP integramente en galego. Con máis de 20 anos de traxectoria, o seu traballo abarca unha gran variedade de propostas que van dende o hip hop ata o ska. Actualmente está somerxido no seu proxecto: A Nación Quilombo. “O Espello” forma parte dun espectáculo en clave de reggae no que catro instrumentistas, un DJ e o propio García invitan ao espectador a espertar a súa conciencia crítica.

 

 

 

Banda Crebinsky

Banda Crebinsky é unha formación integramente ligada ao mundo do cine que nace para poñer banda sonora ao filme de Enrique Otero con Crebinsky (2011), pero a súa traxectoria non remata aí. Logo desta creación, os oito compoñentes do grupo continúan traballando en temas que mesturan estilos (folk, klezmer, jazz, rock), linguas (galego, ruso, castelán, francés, italiano) e melodías. A súa música é «unha viaxe a un mundo en constante metamorfose» na que sorprenden con Jet Lag (Fol, 2012) e Zirkus Affe (2017), derradeiro traballo en forma de sátira da sociedade da cultura pop.

 

 

 

The Turre’s Band

Repetindo nomeamento atopamos á «a banda de delincuentes máis querida de Galicia». A agrupación afincada en Mos tráenos un ano máis o seu bo humor, as mellores versións de éxitos pasados e ganas de festa, que nunca falta cando eles tocan. The Turre’s Band son versátiles e desvergoñados, así o demostran con esta versión do coñecido tema de Macklemore co que poñen a bailar a todo o mundo na verbenas, salas e festivais polo que pasan.

 

 

  noticias