• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GAÑADORES DOS XVIII PREMIOS OPINIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ

GAÑADORES DOS XVIII PREMIOS OPINIÓN DA MÚSICA DE RAÍZ
9 MAIO 2019

Onte á noite, mentres o Pazo da Cultura de Pontevedra enchíase cos VI Premios Martín Códax da Música, o teatro Rosalía de Castro (A Coruña) acollía a décimo oitava gala de entrega dos galardóns máis destacados dentro da música raíz. Organizados polo periódico La Opinión A Coruña e co apoio da Agadic, os XVII Premios Opinión discorreron amenizados polas actuacións de Entre Trastes, o coro feminino Sisters In The House e a banda folk Samarrúas.

 

Como novidade, este ano nace un novo galardón, Mellor Adaptación dunha Peza Tradicional, creado para reivindicar o traballo dos artistas coa nosa música e valorar a súa visión sobre temas que forman parte do folclore galego, e que se veu sumar aos de Mellor Artista, Mellor Disco e Mellor Tema Orixinal.

 

Estes son os premiados, coa particularidade de que este ano o premio ao Mellor Disco foi compartido.

 

MELLOR ARTISTA

 Anxo Lorenzo

Disque toca a gaita como se fora unha guitarra eléctrica, así que a denominación de «mestre gaitarreiro» semella moi acaída. O seu vituosismo xa foi premiado en numerosas ocasións ao longo da súa traxectoria e desfrutado en festivais de todo o mundo. O seu último traballo é Vortex (2018) no que participan grandes figuras do folk internacional como Eoghan Neff, Jarlath Henderson, Blackie Ou’ Connell, Ross Ainslie, Andy May, Germán Díaz, Cyril Ou’ Donoghue, Ali Levack, Pablo Lafuente, David Foley ou Xavi Aburruzaga. 

 

 

 

MELLOR DISCO

■ AtlánticoMilladoiro

O último traballo discográfico de Milladoiro, Atlántico (Discmedi, 2018), e primeiro de estudio nunha década, foi gravado en Estudios Cormorán (A Coruña) e producido polo propio Manu Conde; o álbum vai desde Terranova ata Ortegal pasando polo Gran Sol e o Támese «co gaiteiro sobre a ponte de navío e as gaivotas sinalando o rumbo». Atlántico é unha sinfonía en 12 tempos onde escoitamos acordes folk tradicionais con chiscos a melodías irlandesas nunha viaxe sonora que convídanos a viaxar máis alá, a viaxar no mar da memoria e do tempo para descubrir, unha vez máis, unha luz que marabilla ao mundo.

 

 

 

 DeixaasMercedes Peón

Despois de oito anos, Mercedes Peón publica un novo traballo discográfico, Deixaas (Altafonte, 2018). Radical e magnética, a artista fusiona tradición, vangarda e atrevemento nos once temas que compoñen este quinto álbum. Así, sobre unha base rítmica de pandeiretas e percusión metálica, distinguimos acordes electrónicos provenientes de samplers e sons de maquinaria pesada rexistrados en estaleiros navais. Xunto con Mónica de Nut e Ana Fernández, Mercedes Peón debuxa un mapa de concepto musical inquietante, entre punk colérico, rock industrial e tradición, como resposta ao ambiente sociopolítico e inquietudes actuais referentes á identidade, xénero, estética, linguaxe, etc. Con Deixaas, experimentamos artesanía musical e vangarda creativa a través de sons que interactúan entre eles de xeito inimaxinable, que nos envolven en vibracións sonoras capaces de facernos tocar a catarse.

 

 

 

MELLOR TEMA ORIGINAL

■ "Deixaas" (Deixaas, 2018) – Mercedes Peón

 

 

 

MELLOR ADAPTACIÓN DUNHA PEZA TRADICIONAL

■ “Moreniña” (Vudú Vol. III, 2018) – Vudú

 

 

  noticias