• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

DAVIDE SALVADO E FERNANDO BARROSO POÑEN O ACENTO GALEGO Á SEGUNDA EDICIÓN DE SOL MADRID

DAVIDE SALVADO E FERNANDO BARROSO POÑEN O ACENTO GALEGO Á SEGUNDA EDICIÓN DE SOL MADRID
3 XUÑO 2019

SoL Madrid, evento de música e negocios que reunirá do 6 ao 8 de xuño un exclusivo grupo de empresas, profesionais, asociacións, medios de comunicación e programadores de festivais e axencias de contratación de todo o mundo, anunciou a selección de artistas que formarán parte da programación da súa segunda edición.

Grazas a un acordo previo entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a produtora JAU® Cultura, dos 20 artistas seleccionados, dous deles son galegos. Baixo a marca GalicianTunes On Tour, Davide Salvado e Fernando Barroso poñerán o acento galego durante o showcase promocional que se celebrará o sábado 8 de xuño no Impact Hub Piamonte desde as 17.00 ás 19.00 h.

 

 

 

Voz e percusión son os ingredientes principais, que non os únicos, da música de Davide Salvado, unha música que busca a expresión máis espida, máis pura da música tradicional, froito de destilar anos de investigación recollendo cantares en aldeas e vilas dentro e fóra de Galicia. A súa carreira comeza no 2003 co grupo Ecléctica Ensemble xunto con Ugía Pedreira, para posteriormente unirse á banda do gaiteiro Budiño, o que lle permitiría enfrascarse nunha xira mundial. Ademais dos seus traballos discográficos en solitario, na traxectoria musical de Salvado destacan as súas colaboracións con Santi Cribeiro e Cristian Silva no espectáculo O ladrón de amorodos e con Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña en Rústica (Fol Música, 2015), cos que tamén colaborou en Sing Me Home (Sony Masterworks, 2016), gañador do GRAMMY 2017 ao Mellor Álbum de World Music. O seu último disco en solitario Lobos (Fol Música, 2015) representa unha metáfora da cultura tradicional galega, «o corazón profundo dos bosques, a entraña milenaria da terra, é a que canta pola boca do lobo». Acompañado polos irmáns Pascual, Pedro (acordeón diatónico, bouzouki, guitarra) e Pablo (clarinetes), Salvado presenta o seu novo espectáculo, AMARELO, onde tradición, jazz e desenvoltura xúntanse para crear unha das propostas máis seductoras dentro da música raíz.

 

 

 

Músico, compositor e produtor, o ferrolán Fernando Barroso é multi-instrumentista en corda pulsada, con instrumentos como o bouzouki irlandés, mandolina ou banjo, aínda que ten experimentado con cavaquinhos e violas portuguesas. Barroso é membro fundador de TRIM e Assembly Point, ademais de formar parte das bandas Riobó e Budiño e traballar con artistas como Anxo Lorenzo ou Xabier Díaz. Para o seu segundo traballo discográfico, Silence Lovers Club (Producións do Cuarto Baleiro, 2018), contou non só coa presenza da dúa fiel mandolina, senón tamén coa viguesa Margarida Mariño e o seu violoncello. A diferencia do seu debut, Intropía (Producións do Cuarto Baleiro, 2016), este disco é máis limpo e austero, máis carne de directo, e así é como foi gravado, en directo no auditorio As Pedriñas (Mos). Unha ducia de pezas con acordes swing, jazz primitivo, aires persas ou tradición galega cun único elemento en común: a mandolina.

 

 

 

 

ℹ️ Botade unha ollada á programación completa de II SoL Madrid en https://www.sol.network/.

  noticias