ABERTA A CONVOCATORIA DUNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS Á PRODUCIÓN FONOGRÁFICA
O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado venres a convocatoria dunha nova liña de subvencións da Xunta de Galicia para promover o talento musical galego no ámbito da produción fonográfica.
A Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) é a encargada da xestión deste programa, que ten como obxectivo favorecer tanto o lanzamento como a consolidación de novas carreiras musicais, ademais de impulsar a profesionalización do sector, a normalización do uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.
Cunha dotación de 120.000 € —que se repartirán entre 20 proxectos, 10 de edición para primeiros traballos discográficos ou videográficos e outros 10 de consolidación para aqueles artistas que xa teñan debutado no mercado— estas axudas están dirixidas a empresas de produción fonográfica con actividade en Galicia; os proxectos poderanse presentar en dúas modalidades:
-Modalidade A: Artistas que non editasen un primeiro álbum ou un máximo de dez singles/videosingles; contía máxima de 2000 € para cada un dos dez proxectos.
-Modalidade B: Artistas que xa teñan este tipo de produtos no mercado cun límite de catro álbums ou 40 singles/videosingles; contía máxima de 10.000 € para cada un dos 10 proxectos.
As contías recibidas deberán destinarse a propostas de deseño, produción e promoción de produtos fonográficos (fonogramas e videoclips), que deberán conter maioritariariamente obras de autoría galega ou interpretadas por músicos galegos.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 28 de outubro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia en https://bit.ly/2meTmex.
ℹ️ Máis información en agadic.gal