NOVOS LANZAMENTOS. XULLO. AGOSTO. SETEMBRO 2019
Una Pequeña Galaxia – Maryland
Dous cortes en acústico, dúas colaboracións estelares forman a súa pequena galaxia. Un año e medio logo da publicación do seu último LP, Resplandor (Subterfuge Records, 2018), Maryland lanza un novo single Una Pequeña Galaxia (Subterfuge Records, 2019), acompañados de días persoas moi queridas para eles: Vega e Sr. Nadie (Jaime G. Soriano, solista de Sexy Sadie e produtor do seu primeiro álbum). Na Cara A escoitamos unha versión acíustica de “Ave Fénix” con Vega, cantautora pola que sinten unha grande admiración «como persoa e como profesional»; e na Cara B un “Nueva York” a dúo con Sr. Nadie, quen precisamente grabou a súa voz na cidade que nunca durme.
Love, Scum & Dust – Furious Monkey House
Tiveron que pasar catro anos e varias decenas de concertos despois para desfrutar do novo de Furious Monkey House. Cunha identidade sonora baseada nun rock de guitarras que vai desde o grunge ao rock alternativo e o emocore melódico dos noventa, influencias de Nirvana, Placebo ou Smashing Pumpkins, a nova banda pontevedresa presenta 11 cortes nos que «abandonan a categoría de ‘promesa’ do circuíto para pasar a ser unha realidade da primeira liña do rock de guitarras estatal». Gravado en Estudo Bonobo e Planta Sónica, entre 2017 e 2018, con Iago Lorenzo, Pancho Suárez de Lis e Gonzalo Maceira na produción, Love, Scum & Dust (Universal Music Spain baixo licenza exclusiva de Esmerarte Industrias Creativas/Atresmedia Música, 2019) comeza coa angustia e a ansiedade de “Run, Bruno, Run!”, que precede ao indie-rock británico de “Space Dog”, a cuase-radiofórmula de “Leave Me Alone”, os guitarrazos ultramelódicos de “Reckless” ou “Runaway” e as letras en español de “No lo ves” e “Lluvia”. Esta “Lluvia” foi a escollida como segundo single-clip, unha obra audiovisual onde o quinteto propiamente caracterizado, nos convida a unha viaxe á escuridade, a un bosque do alén, de lume, rock e maxia negra.
Cabaña Caníbal – Treintañeras Cañeras
Xa o viñan avisando —«estivemos dedicando este tempo a preparar o EP que vai tirar a parede abaixo»— e o que avisa non é traidor. Treintañeras Cañeras preparábanos así para o seu novo traballo discográfico, Cabaña Caníbal (2019), dispoñible nas principais plataformas dixitais desde mediados de setembro. Gravado, mesturado, masterizado e «mimado» por Paco Serén (Los Piratas) en Eclipsis Studios, o LP está composto por catro trallazos cargados de rabia, rock e moita caña nos que o trío vigués saca a relucir o seu instinto máis “Animal”, o mesmo que dá nome ao single-clip presentación.
Ela sabe a sol – Najla Shami
De raíces palestinas e arxentinas, co seu primeiro disco, Na lingua na que eu falo (Galaxia, 2013), Najla Shami presumía da enorme influencia do folclore tradicional da súa Galicia natal nos sete poemas de Rosalía de Castro que ela mesma se encargou de musicar. Agora, a compositora compostelá presenta o seu novo traballo discográfico, Ela sabe a sol (Galaxia, 2019), gravado entre Estudio Beograd (Santiago de Compostela), Estudio Mr. Jones (Madrid) e Domvs Musicvs Studios (Porto). Mesturado e masterizado en Savik Sound (Pontecaldelas), Ela sabe a sol é un libro-disco composto por 13 temas, entre os que se inclúen un prólogo e un epílogo, a través dos que Najla Shami explora sonoridades que chegan por parte do seu pai, ademais de estilos musicais desde oriente a occidente. Este equilibrio musical entre a cultura oriental e a occidental comparte protagonismo con dous das debilidades de Shami: a poesía e a música «cantando ao feminino», con pezas compostas entre Xordania, Palestina e Vigo; letras en galego, castelán e árabe e unha «contaminación cultural que nos ilumina. Coma o sol. Coma o sabor do amor ou da terra, que é idéntico en todos os lugares do mundo. Un facho de luz brillante que nos asolaga».
El eterno telonero – INDOMABLE
Tres longos anos de espera para volver escoitalo, para desfrutar de dez novas composicións orixinais, da súa propia man. Solista indivisible, one-man-band en acústico, músico en xira constante... así é, musicalmente falando, Indomable. Voz, guitarra, bombo, harmónico, sintetizador e pandeireta, Arturo Rodríguez pode con iso e máis, e así o reflicte o seu novo traballo, comezando pola portada, obra de Leo Sousa. Gravado, mesturado e masterizado integramente en Estudios Bruar (A Coruña) baixo a produción de Xavi Ferreiro con Javier A. Ferreiro como asistente, El Eterno Telonero (2019) é una dose sonora de realidad con ecos de autocrítica, evocando “aquela ilusión de cando era neno e en consonancia con todos os loitadores que arriscan algo de valor nas súas vidas en pos das súas ambicións non sempre acadadas”. En El Eterno Telonero hai oco para todo, desde o vilán de “Otro Gallo Cantaría” á rapaza de “Miénteme”, pasando polos seus sitios, as súas rúas e a súa xente, “La Vida Entera”, ou as pequenas cousas que nos fan sentir vivos... esas que rematan cun “Bien, Joder”.
Despertar – Sheila Patricia
Entre bolo e bolo, coa súa fiel guitarra ás costas, Sheila Patricia regalábanos o seu Despertar (2019), último sinxelo xa dispoñible nas principais plataformas dixitais. Xunto con La Otra, selo discográfico madrileño, a cantautora presenta unha peza que, segundo ela mesma definiu, é un «renacemento, un volver ao inicio, espertar dun letargo para entrar nun soño». Máis de tres minutos dun amencer sonoro onde Sheila Patricia segue a explorar, e explotar, as súas novas sonoridades que potencia a súa voz, sensual, con garra.
Pito Pastoril & Banda de Música – Efraím Díaz
Hai un ano que, acompañado da Banda Sinfónica Municipal de Música da Coruña, Efraím Díaz convidábanos a profundar en O Bosque do Asubiador (2018) e agora é a Banda de Antas de Ulla quen explora xunto ao profesor e músico a maxia deste instrumento. Pito Pastoril e Banda de Música (2019) é o novo disco do lucense, composto por dez temas adaptados e arranxados para pito pastoril, «que vive uns tempos de rexurdimento» grazas ao gran traballo de, entre outros, Efraím. Xuntos, tocan co obxectivo de promocionar, difundir e recuperar o uso deste instrumento tradicional galego.
Logo de aventuras discográficas DYI e múltiples cambios na formación, Mr. Magoo estreaba agosto co seu novo traballo discográfico, Hidden Port (Clifford Records, 2019), gravado en dúas visitas consecutivas a Estudio Terraforma (O Hío, Pontevedra) por Ibán Pérez. Dispoñible en vinilo de 12”, CD e «para os millennials, Xeración Z e demais renegados dos soportes físicos» nas principais plataformas dixitais, o álbum recolle unha colección de sete brillantes canciones que reflicten á perfección o momento que está a vivir o quinteto pontevedrés. Influenciados polo rock, power-pop, beat-soul ou a psicodelia, Mr. Magoo entrega composicións propias «que teñen un pé no pasado en outro nos anos 2000», con voces superpostas, guitarras que incrementan a súa intensidade ata acadar o fuzz máis sucio e unha rítmica de gran potencia. A través de temas inmediatos ou enrevesados, atracamos e desembarcamos neste hidden port que Mr. Magoo creou, «un lugar idílico onde a súa música se mestura coa dos seus heroes de xuventude, o urbano e o rural se dan a mano e o feito de que todos [...] levamos un pequeno artista dentro que está a pedir ser escoitado».
Soñar a la carta – Presumido
A última porción audiovisual, a terceira xa, do que será o seu vindeiro longo, Cuatro Estaciones. En primicia para Binaural, Presumido lanzaba Verano, que inclúe o single-clip de “Soñar a la carta”, un tema co que o dúo galego de electropop «sorprende, unha vez máis, cunha proposta delicada, emocional, cargada de referencias». Producida, gravada e mesturada por Iago Lorenzo, “Soñar a la carta” é unha das súas cancións máis bailables, con influencias de Foster The People, St. Vincent, Dua Lipa ou Moderat, e unha letra con esa retranca galega que nos levan servindo desde os seus comezos. O videoclip, obra de Paco Serén (Los Piratas), está composto dunha serie de escenas da película A ventana indiscreta (Alfred Hitchcock, 1954), recreadas dixitalmente en Eclipsis Estudios. Con máis da metade da «pizza» sobre a mesa, Presumido acadou posicionarse como unha das grandes promesas da actualidade baixo a premisa da autoedición, o talento e a creatividade, disposicións impecables que nos fan, de novo, ampliar as nosas «frecuencias emocionais».
Intuition – Javier Otero Neira
Logo de tres décadas tocando música doutros, Otero Neira sorprendía en abril con Vibrations (Landra Music, 2019), álbum no que aposta polas súas propias pezas, doce cortes que supoñen un «camiño máis persoal cara a súa carreira». Soan Rautavaara, Ginastera y Prokofiev no seu Yamaha – C3X Transacoustic, temas instrumentais que prodigan estudio, suite e sonata cheos de contrastes entre acústica e electrónica. E é nesa liña electrónica onde ten cabida o seu novo proxecto sonoro, un EP de tres cancións que Otero Neira presentaba a principios de xullo; baixo o título de Intuition (2019), escoitamos piano e electrónica en pezas efímeras e sutís, delicadas, pero con carácter, como «ela» mesma.
«Feitos, non verbas», deste xeito presenta Enki o seu último traballo discográfico e terceiro de estudio. Gravado por Gonso Pedrido en Villa Angelina (Vigo) entre marzo e setembro do pasado ano, Res Non Verba (Kairo Records, 2019) recolle seis cortes que destacan polo groove e a crueza que caracteriza á banda pontevedresa. Letras directas que falan dunha realidade social existente, das posibilidades de cambiar o noso presente e o noso futuro ou da inmensidade que a natureza nos ofrece, tinguidas de metalcore e death melódico.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.