NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2019
IMMERSION – Guadi Galego
Con aquela Bóla de Cristal (Altafonte, 2018), Guadi Galego pechaba unha triloxía, un ciclo que para ela foi o descubrimento e inmersión directa nun mundo completamente diferente, composta por cinco pezas positivas que cantaban ao «mundo que lle gustaría ver nun futuro, ese sen fronteiras mentais, sociais nin de clase». Esa inmersión foi tal que é a que dá nome a súa nova entrega discográfica, IMMERSION (2019), producido por Pau Brugada, Vic Moliner, Carlos Abal e a propia Guadi; unha reconstitución en si mesma onde a artista de Cedeira revisa —en varias linguas afíns a ela xa sea por territorio, cultura ou emoción— e reinterpreta a súa propia música en once temas xa publicados e un inédito, que soa agora en mundos musicais distintos. Nun universo íntimo, minimalista e arriscado, o álbum rompe moldes, abríndose a un mundo plural e ecléctico que Guadi Galego comparte con artistas e compañeiros como Iván Ferreiro, Xabier Díaz, Clara Peya, Álex Ínsua, Judit Neddermann, Vega, Javier Otero, Andrés Suárez, Abe Rábade, Sisters In The House e Germán Díaz, entre outros.
Sol de Invierno – Rodrigo Ramos
En estacións frías, moitos animais hibernan e outros moitos cantantes saen dese todo chamado estudio cun novo traballo discográfico entre mans. Dous anos despois do seu debut en solitario, Rodrigo Ramos lanzaba a mediados de mes Sol de Invierno (Rock Estatal Records, 2019), un disco producido, gravado e mesturado por Pancho Suárez de Lis con master de Robin Schmidt (24-96 Mastering). Composto por dez cortes de líricas reflexivas que evocan os clarescuros emocionais da nosa existencia, Sol de Invierno é un longo cálido, onde destaca a parte vocal, con sutís arranxos de piano que sosteñen o conxunto dun álbum caracterizado por retrousos pegadizos reforzados a base de órganos Hammond e guitarras eléctricas. Rodrigo Ramos volve, «entre montañas pop, asomándose detrás de outeiros de folk-rock americano e a través de nubes de rock arxentino», cun traballo no que o cantautor galego congrega as súas influencias para acadar un son propio, sen etiquetas.
Today’s Ashes – Mano de Piedra
Directos intensos, brutais, sonidos distorcidos, unha amalgama de influencias do máis diversas —stoner, hardcore, metal, hardrock o crust—, Mano de Piedra vén de publicar o seu primeiro longo, Today’s Ashes (2019), un quebracabezas sonoro no que a banda «gaña a batalla ao convencionalismo grazas aos patróns vangardistas que perfilan cada tema». Gravado, producido e mesturado por Iago Lorenzo, con masterización firmada por Robin Schmidt de 24-96 Mastering (Alemaña), o LP recolle oito cortes que cantan á decadencia da especie humana e a súa travesía desde a luz cara ás sombras e fin da súa existencia. O single-clip adianto, “Ancient Gods”, está protagonizado por Juan Mera, campión de España de kickboxing en 2018, e Jacobo Veloso, quen, acompañados por máis de 50 persoas na set de rodaxe, seguiron as directrices de Xácome Alcántara; como resultado, desfrutamos dunha espectacular posta en escena onde Mano de Piedra pon banda sonoroa a unha loita titánica nun traballo audiovisual «tan potente como o seu son deudor do sludge máis contundente».
«Estes son os Baldíos, un disco de fragmentos e espazos íntimos, construídos en moitos lugares improbábeis»; deste xeito introducía Pantis o seu novo traballo discográfico, Baldíos (Prenom, 2019). Pantis —álter ego de Rubén Domínguez (Chicharrón)— debutaba hai tres anos con Pranto (Prenom, 2016) e o ano pasado sorprendía cun single, Mar (Prenom, 2018), para ir abrindo boca ao que, aínda, estaba por chegar. Gravado en San Vicente do Mar (O Grove), Santiago de Compostela, Rabat, Helsinki e San Sadurniño (A Coruña) entre 2017 e 2019, o álbum recolle sete cortes abrasivos que anticipan outro novo disco, aínda en preparación; sete cancións que funcionan como «ensaios e erros previos ao álbum do que foron arrincados, un prólogo necesario». Ademais de contar coas colaboracións habituais, como a de Cibrán Tenreiro (Esposa) ou a de Mar Catarina (Esposa, Chicharrón), Pantis incorpora novas incorpora novas influencias ao seu repertorio e xoga a romper melodías, fusionando La Düsseldorf con James Ferraro, creando unha electrónica derivada do kraut, un son máis duro para letras intimistas en galego.
A principios de mes, Xulio Lorenzo presentaba o seu novo disco, Volver Soñar (2019), un álbum que, a nivel compositivo, ten un cariz retroactivo; unha ducia de pezas onde o músico e compositor mosense volve á súa infancia, a esas tardes que pasaba cos amigos, xogando, descubrindo. Volver Soñar é un canto esperanzador, positivo, con temas que saen á luz logo de anos gardados nun teléfono móbil, cortes especiais como “Padararuama”, composto xunto ao seu tío Constantino durante a súa estancia en Brasil en 2015, mesmo o single-clip presentación, que dá nome ao álbum, un claro convite a abrir o baúl das lembranzas onde gardamos os nosos soños e ilusións, a reinventar a vida, soñala e desfrutala.
Derretidos – Heredeiros da Crus
Non estaban mortos, estaban de parranda! Logo de pechar o tour 25 Anos, que celebraba o seu cuarto de século enriba dos escenarios, Heredeiros da Crus volve ao mercado discográfico... pasando calor, ben acompañados nun desértico glaciar; Derretidos (2019) veu a luz o venres 11, días despois de que a banda de Ribeira anunciase as primeiras datas da súa vindeira xira europea. Gravado por Iago Lorenzo en Estudios Nakra (A Coruña), Culleredo e Planta Sónica (Vigo) entre maio e agosto de 2019, e con masterización a cargo de Robin Schmidt (24-96 Mastering), o longo recolle 12 temas orixinais con reminiscencias dos 70, «cañeros, onde soan unhas guitarras e unha batería alucinantes», que aspiran a converterse en himnos, supoñendo unha aposta polo rock máis internacional. Derretidos marca a décima referencia destes jrandes, a que eles mesmos aseguran é unha das mellores ata a data, «soando como nunca» e na cima da súa carreira. “Esquimales” é o single-clip presentación, dirixido por Xaime Miranda, que soou en primicia en Land Rober (TVG).
Cuatro Estaciones – Presumido
“Foi unha loucura. Levamos preto de 400 días, sen librar ni un. Ao facer isto como o fixemos tivemos que traballar duro para cumprir os prazos”. Mordemos “Invierno”, “Primavera” e “Verano”, as tres porcións-EP que foron servindo durante este ano e, coa publicación de “Otoño”, o 10 de outubro, Presumido completaba así súa pizza sonoro, Cuatro Estaciones (2019). Producido, gravado e mesturado por Iago Lorenzo en «embarcacións e casas rurais», o LP recolle 11 temas que poñen sobre a mesa a amplitude de frecuencias emocionais coas que traballa o dúo galego. Saboreamos electropop sibarita entre momentos de baile e as máis profundas catacumbas do ser humano; dous mundos que se funden a través dunhas letras cunha «retranca galega en perigo de extinción». En Cuatro Estaciones escoitamos influencias de M83, Foster The People, St. Vincent, Billie Eilish o Beach House, pero, sen dúbida, coa que Presumido nos conquista é coa do grande Tino Casal, fonte de inspiración «máis alá do musical, gústanos o seu nivel conceptual, no sentido de estar conectado co mundo, de apostar polo ‘faino ti mesmo’ e pola figura que creou».
Unaligned – Agoraphobia
Cuarta referencia, segunda de estudio. Agoraphobia volvía ao mercado discográfico o venres 4 de outubre coa publicación de Unaligned (2019), dous anos despois daquel Incoming Noise (2017) co que levaron o seu «ruído» por salas e festivais de toda a xeografía estatal. Composto de dez temas orixinais producidos, gravados e mesturados por Iago Lorenzo entre Planta Sónica (Vigo) e Estudios Nakra (A Coruña), con mastering de Robin Schmidt en 24-96 Mastering (Alemania), Unaligned é un «berro de guerra aos medos e limitacións autoimpostas, aos demos internos de cada unha» con ecos de Queens Of The Stone Age ou os Foals que nos transportan aos alternativos anos 90. Unha decena de temas uniformes, cargados desa enerxía carismática que caracteriza ás de Boiro, a través dun son sucio e rachado, de textura firme e potentes riffs que retumbarán nos escenarios. Como unha crítica aos costumes máis arraigados e o enfrontamento persoal ante unha contorna mecanizada e alienada da que é case imposible fuxir, Unaligned irrompía con “Salvation”, corte que reflicte a inercia «pouco sa» de deixarse facer, deixarse levar... e é que «ao final, todo está montado para que iso sexa así [...] pero cando te dás conta do bucle no que estás metido, só che queda saír del».
Danças Líquidas – Bifannah
Tradicional e exótica, irónica e terca, así era “Capri”, o sinxelo co que adiantaban o que sería o seu novo traballo discográfico. Daquel capricho sonoro, de sons exóticos, letras en portugués e tropicalia, pasaron xa cinco longos meses... e logo da ansiada espera, Bifannah publica agora Danças Líquidas (The John Colby Sect, 2019). Dispoñible en todas as plataformas dixitais, en formato vinilo e CD desde principios de outubro, o longo presenta una decena de cortes que amosan, unha vez máis, «que ás veces é mellor dar un paso atrás para poder avanzar». As súas danças afondan na atmosfera psicodélica de “Ja Ganhou” e rematan na pista de baile que é “Longe Do Que Procuro”, cun moody garage incitante que nos convida a «mergullarnos nun ambiente tropical», pasando por melodías máis nostálxicas ou xogos de teclado, percusión e trompeta ata acadar un son máis persoal, con letras máis directas. Con artwork de Bailey Elder e fotografía de conta firmada por David Barajas, Danças Líquidas está gravado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid), producido e mesturado por Frank Maston, e masterizado por Jasper Geluk. “Salgada” é o single presentación, un tema «apto para o murmurio e o meneíto segundo a OMS», onde escoitamos a evolución sonora que nos brinda Bifannah.
Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.