• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

VILLANUEVA: «MORREREI FACENDO CANCIÓNS HONESTAS QUE TEÑAN ALGO QUE DICIR»

VILLANUEVA: «MORREREI FACENDO CANCIÓNS HONESTAS QUE TEÑAN ALGO QUE DICIR»
2 DECEMBRO 2019

Josete Díaz Villanueva; Villanueva enriba das táboas, entre as catro paredes do local de ensaio, do estudio... é el máis a súa guitarra, desde sempre o seu instrumento de referencia. O seu apelido-convertido-en-nome-artístico comezou a lerse (e escoitarse!) nos medios especializados alá por 2014 como artista revelación caracterizado por unha marcadísima elegancia, un minucioso coidado nos detalles. Cinco anos e tres discos máis tarde, falamos en primeira persoa con Josete sobre o seu novo álbum —Cuarto de Invitados (Son Buenos, 2019) —, as súas influencias á hora de compoñer e a súa visión do panorama musical actual, entre outras cousas!

 

«O meu primeiro contacto coa música foi escoitando grupos de hardcore melódico, grunge,

poñíame a berrar con amigos, pero nunca chegamos a soar ben ata que aos poucos lle demos un pouco de rigor ás cousas e eu funme quedando coa guitarra e a voz, xa máis adiante, por supervivencia aprendí a tocar o piano». No seu ADN aínda queda algo de garage, punk e hardcore, pero son aqueles rigorosos comezos a guitarra e voz os que se traducen hoxe nun pop enérxico, un rock elegante e unhas letras que convidan a compartir parte do seu corazón.

 

Con referentes como «Morrisey, Bowie, R.E.M, Bart Davenport, Wilco, Iggy Pop, Leonard Cohen, Death Cab for Cutie [ou] centenas de nomes [máis]», Villanueva escapa do tradicional, busca algo máis a través da súa música; e consígueo, consígueo amosando a súa veteranía tanto enriba como abaixo dos escenarios. E é que Josete Díaz Villanueva non era un novato cando debutou no mercado discográfico con Viajes de Ida (Esmerarte, 2014), rematou a xira deixando de ser un descoñecido, grazas ao cariño do público e a crítica especializada, aínda que a súa personalidade seguía «agochada» entre aquelas suxestivas letras.

 

Tres meses facendo Vigo-Madrid, Madrid-Vigo cunha mochila, unha guitarra (ou dous) e un ordenador foron a principal inspiranción para as 10 cancións que compoñen Viajes de Ida(Esmerarte, 2014). Gravado en Reno Estudios (Madrid) e producido por Ángel Luján, este traballo ten a capacidade de trasladarnos a lugares nos que xa estivemos con temas que falan de coñecer a xente e compartir experiencias a través de letras que, quizais, pequen de viscerais. Retrousos directos, toques eclécticos que van desde o rock elegante ata o pop máis arriscado fan que o disco enganche e, co pase do tempo, gañe en cada escoita.

 

 

 

Villanueva despedía a súa viaxe de ida colgando o cartel de «Entradas Esgotadas» en catro concertos consecutivos en diferentes cidades españolas; unha viaxe que iniciou para atoparse a si mesmo onde a graza residía na propia viaxe e non en chegar a porto. Desfrutando do que alí encontrou, Villanueva estaba de volta con Zoo para Dos (Sony Music, 2017), o seu segundo longo, gravado en Reno Estudios (Madrid) e producido, de novo, por Ángel Luján. Baixo un título que xorde de certas obsesións que Josete expresa mediante alusións metafóricas con animais, Zoo para Dos é unha especie de desafogo privado para todo aquel que queira escoitar unhas letras coa mesma naturalidade de quen se toma un café con el. Entre guitarras, baterías e sintetizados aparece ‘Ella’, single-presentación que resume o álbum: melodías brillantes, guitarras protagonistas e, indudablemente, os cambios vocais do artista.

 

 

 

Con este Zoo para Dos o cantautor vigués afonda nos recunchos máis pracenteiros e hedonistas do ser humano (arte, sexo, viño) a través de dez cancións ecléctivos e arriscadas cunha impecable base pop. A combinación de sintetizadores, percusión e un solazo de guitarra fan de ‘El Día del Equilibrista’, un temazo optimista que lanzouno á lista IndieSpain de Spotify a semana da súa estrea e a trending topic en Twitter en cuestión de días. Xa perdemos a conta dos seus Sold Outs, tamén das veces que a súa música se coou nesas listaxes de Spotify, mesmo en listas de venta!, das estreas en Radio 3, dos findes de festivais por toda a xeografía estatal... «Efecto Villanueva», chámanlle, un efecto que non chega a encaixar de todo no panorama musical actual, segundo afirma o propio Villanueva: «non hai un panorama definido, aquí ninguén sabe en que momento estamos porque é un momento de transición xigante, quen máis perdidos están son os que arriscan diñeiro en facer grandes eventos, eu como artista é algo que non me pregunto porque, cambie a vaina como cambie, morrerei facendo cancións honestas que teñan algo que dicir, e seguramente morra cunha guitarra na man, o demais non me interesa».

 

 

 

O seu Zoo para Dos era un «ata a cociña» e, co seu novo álbum, Villanueva ábrenos a porta do seu Cuarto de Invitados (Son Buenos, 2019), catro paredes construídas, aos poucos, sobre un son do máis persoal. Gravado e producido por Raúl de Lara en AMA Estudios (Murcia), o longo recolle 10 pezas orixinais compostas polo artista no seu Vigo natal, un percorrido de temas que, finalmente, identifican o seu mundo interior: «realmente os tres discos son unha procura cunha reafirmación final da miña identidade, quizais en Viajes de Ida era máis tímido á hora de proxectar sentimentos, en Zoo para Dos deume todo igual e pendei que precisamente este panorama merecía unha volta de porca baseada en Rei Momo (1985) de David Byrne, e con Cuarto de Invitados atopei todas as respostas ás preguntas anteriores, é un disco cheo de letras que me traerán problemas persoais, pero a obra sempre debe estar por enriba da persoa, co cal non penso pestanexar á hora de expoñela ao público».

 

 

 

Rodeado de Jorge Guirao (guitarras), Edu Martínez (sintes, teclas), Maikel (trompetas), Ángel Herranz (baixo) e Nacho Mata (batería), escoitamos a un Villanueva que se lanza a explorar novas sonoridades (eso son sintes?), en cancións como ‘Carlos III’, unha peza que de Lara definía como «a máis especial do disco, porque é a pedra filosofal e estrutural de todos os temas que traballariamos máis adiante facendo virar o estilo do disco cara a outras cousas distintas ao que viña traballando Villlanueva»; escóitese tamén ‘Querido Lector’ ou ‘Gala’ que, logo dunha primeira escoita «van deixando o seu pouso». En menos dunha semana, Villanueva estaba «en orella» de todos, inmerso nunha xira presentación por toda a xeografía española, onde espera reflictir esta revolución sonora «con moitísimo traballo [...] en directos orgánicos e cheos de dinámica».

 

 

 

Aínda que na súa conta de Spotify escoitaríamos a «Nikki Sudden, Radiohead, Mucho, The National, Wilco, El Mató a un Policía Motorizado, Camilo Séptimo, Little Jesus... [...] todo o que vén de México é algo que escoito con especial atención; diríache que a miña atención está máis posta nos grupos mexicanos que nos españois»; cando Villanueva ten que recomendar un artista ou grupo galego, o ten claro: «Presumido».

 

  noticias