• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. NOVEMBRO 2019

Novos Lanzamentos. Novembro 2019
7 DECEMBRO 2019

 

Músicas de DomingoNelson Quinteiro ft. Brais González

Cantareiro e arranxista, hai máis de vinte anos que comezou a súa traxectoria musical, e máis de dez que entrou en contacto co mundo dos pedais de loop e delay. Debutaba en 2014 con Orquestra Gharbo! (Inquedanzas Sonoras, 2014) cunha grande acollida por parte da prensa especializada e agora Nelson Quinteiro regresa ao mercado discográfico cun novo longo, Músicas de Domingo (Inquedanzas Sonoras, 2019). Gravado por Gerardo Amigo nos estudios da Fundación SGAE (Santiago de Compostela), o disco está composto por 11 pezas de música tradicional galega desde un punto de vista especial e sorprendente, para as que Quinteiro contou co vigués Brais González ao piano, ademais de Blas Castañer e Roi Adrio (percusión), Erea Carbajales (violín), Raquel Miguélez (contrabaixo) e David Álvarez (acordeón). Canción a canción, acorde a acorde, Nelson e Brais conmoven, convidándonos a viaxar co seu constante xogo de latitudes, que fai dos temas de tradición oral galega «algo inconmensurablemente universal».

 

 

 

 

A SalvoArantxa Pérez

Dous anos despois do seu debut, unha maqueta-convertida-en-álbum titulada Hay tanto camino por andar (2017), Arantxa Pérez lanza A Salvo (2019), xa dispoñible nas principais plataformas dixitais. Baixo a produción musical de Bob Benozzo, o LP é unha nova entrega composta por 16 cancións que deixan ao descuberto os sentimentos máis profundos da artista catoirense, 16 temas nos que Arantxa Pérez contou con colaboradores especiais do outro lado do charco, como Guelo Deluxe, Andrés Parra ou Pablo Dazán. Deste xeito, escoitamos ‘De Una Vez’, que describe como é perder ao ser amado «de manera definitiva ou irremediable», ou o ‘No Sabes Cuánto’, onde se reflicte a inmensidade e forza que exerce o amor sobre nós. Con A Salvo, Arantxa Pérez cumple materializa o mantra de «crer para crear» co único obxectivo de seguir emocionándonos.

 

 

 

 

ContrapuntoTanxugueiras

Contrapunto (Calaverita Records/Play Plan Cultural, 2019), o esperadísimo segundo traballo de Tanxugueiras, lanzábase o 22 de novembro principais plataformas dixitais. O longo recolle dez temas compostos a partir de pezas tradicionais renovadas con arranxos actuais; verbas que o trío recolleu en diferentes puntos da xeografía galega co obxectivo de crear un relato adaptado de diferentes sentimentos e situacións vitais, coa súa cara e coa súa cruz. Deste xeito, o disco escoítase como un espello: cinco temas que transmiten sentimentos positivos cos seus equivalentes que cantan sobre a cara amarga dos mesmos; un contraste que, ademais, queda reflictido no deseño do disco, obra de Sonia García, representado por un corvo femia. En Contrapunto, Aída, Olaia e Sabela, xunto coa coprodución do músico Isaac Palacín, exploran os límites da música tradicional, avanzando na procura dun son propio e plasmando a evolución do seu «sentir» musical, que se enriquece con ritmos doutros estilos. Feito desde a tradición, pero sen amarres no pasado, Contrapunto é un álbum sin corsés co que Tanxugueiras «deu un gran paso cara a unha madurez tanto musical como persoal».

 

 

 

 

Ronseis do TempoAida Saco Beiroa

Deslizándose entre doces notas de piano, Aida Saco Beiroa amosa, unha vez máis, a súa capacidade para emocionarnos en cada una unha das 15 pezas que conforman Ronseis do Tempo (2019), o seu segundo traballo discográfico. Gravado por Ángel Ramallo «no recollemento da casa» durante o verán de 2018, o álbum aporta un sopro de aire fresco a composicións orixinais que, a propia autora, define como «intres feitos música», pequenos ronseis sonoros creadas coa intención de «permanecer á escoita na vibración do tempo». Como testemuña musical do fin dunha etapa e o comezo doutra, Ronseis do Tempo é unha homenaxe a Fran Pérez NARF, para a que a pianista de Rianxo contou coas colaboracións de MJ Pérez e Uxía. É esta última quen dá voz aos versos de ‘Guenebra’, de Darío Xohán Cabana no single-clip ‘Déixome ir’; o río como metáfora da vida e do paso do tempo serviron de inspiración a Carlos Lago para transformar a letra en ilustración e crear unha fermosa e sensible obra audiovisual.

 

 

 

 

Cuarto de InvitadosVillanueva

O seu Zoo para Dos (Sony Music, 2017), era un «ata a cociña», un convite aos recunchos máis pracenteiros e hedonistas do ser humano; co seu novo álbum, Josete Díaz Villanueva ábrenos a porta do seu Cuarto de Invitados (Son Buenos, 2019), catro paredes construídas, aos poucos, sobre un son do máis persoal. Gravado e producido por Raúl de Lara en AMA Estudios (Murcia), o longo recolle 10 pezas orixinais compostas polo artista no seu Vigo natal, un percorrido de temas que identifican o seu mundo interior, cancións como ‘Querido Lector’ ou ‘Gala’ que, logo dunha primeira escoita, «van deixando o seu pouso». Rodeado de Jorge Guirao (guitarras), Edu Martínez (sintes, teclas), Maikel (trompetas), Ángel Herranz (baixo) e Nacho Mata (batería), Villanueva explora e descobre novas sonoridades, escóitese pois ‘Carlos III’ ou ‘15 segundos’, nun traballo que sorprende e fascina a partes iguais. O día do seu lanzamento, Cuarto de Invitados entrou como número 3 na lista de ventas dixitais de música alternativa de iTunes, ademais de coarse nun par de listaxes de reprodución de Spotify... en menos dunha semana, Villanueva xa está «en orella» de todos.

 

 

 

 

Nova Canción GalegaBoyanka Kostova

«A orquestra de novos músicos presenta Boyanka Kostova en ‘Nova Canción Galega’ – A música perfecta para gozar da túa Terra...» Con esto non queremos dicir que a Panorama contratase á deportista búlgara para reinterpretar as cancións de Voces Ceibes (1968-1975), é a presentación que lemos na portada de Nova Canción Galega (Mushroom Pillow, 2019), o último dos «pioneiros do trap en galego, do twerking rural, do flow de aldea», os nosos Boyanka Kostova. Gravado e mesturado por Hevi en Laboratorio Soyuz durante as últimas rabeleadas do verán de 2018, o primeiro longo do dúo compostelán presenta dez cortes de «trap descontextualizado, sen liñas vermellas»; cancións compostas sobre o seu día a día xa que, segundo confesaron, parten dunha idea con chicha e tiran do fío a ver ata onde son capaces de chegar. Con temas como ‘Orquestra’, homenaxe ás raíñas das verbenas estivais, ou ‘Chicho & Cibrán’ (un pon o atún e outro o pan!), onde comparten protagonismo televisivo con GatoCan, obra audiovisual asinado por A.L. Crego (Dios Ke Te Crew), esta Nova Canción Galega pon sobre a mesa a intención dos Boyanka en abrirse paso sen que a súa lingua materna llo impida, baixo o lema de «a música de calidade non só se fai nas capitais», utilizando sen miramentos os ritmos e sons urbanos para dar voz á contorna rural.

 

 

 

 

Contra el MundoLos Marcianos

O ano pasado lanzábannos ao espazo co seu Nuevo Orden Cósmico (Clifford Records, 2018), un mini-LP composto por cinco temas pop con melodías enérxicas, distorcidas e cheas de efectos que musicalizaban letras coidadas ao detalle. Los Marcianos mantennos flotando polo cosmos co seu último traballo discográfico, Contra el Mundo (Clifford Records, 2019), xa dispoñible en formato dixital e unha «preciosa edición limitada» en vinilo 10”. Gravado en Estereoarte Estudios (Vigo) baixo a produción de Carlos Hernández (Los Planetas, Triángulo de Amor Bizarro, Carolina Durante) e asistencia de Luis Antelo e Fernando «Pali» Moure, presenta unha «declaración de principios» a través de cinco novas pezas, cinco cortes nos que volvemos escoitar eses retrousos contaxiosos que caracterizan ao grupo, tinguidos dese son dos oitenta próximo a The Cure ou The Smiths. Aos poucos, e «contra o mundo», o cuarteto vigués vaise asentando no espazo indie-pop estatal.

 

 

 

 

Santa CruzPARDO

Grabouse no sur, en analóxico, pero co corazón no norte, así suxire o título: «Santa Cruz era o lugar onde viven os meus avós [...] foi naquela casa onde volvín nacer [...]. É un lugar moi espiritual para min, atópase no Concello de Oleiros na Coruña». Santa Cruz (2019) é o seu novo traballo, o quinto da súa discografía en solitario. Dez cancións conforman a banda sonora desta «aventura marabillosa» para PARDO, «onde puiden traballar con músicos increíbles dos que aprendín moito». E é que, como anunciaba a principios de ano, Santa Cruz foi un «traballo en equipo que escribín con toda a verdade baixo os meus puños...». Paixón, sentimento e corazón nunha decena de composicións cunha raíz americana que sostén rock & roll clásico, country e blues. PARDO baixou ata Desert City (Almería) para gravar o longo xunto a Mario Cobo «guitarrista e produtor, ademais de coautor de dúas cancións do disco», co que «traballar man a man foi moi enriquecedor e repetiría mil veces a experiencia»; o «equipo» complétano Pike Cavalero, Alfonso Alcalá, Lucas Albaladejo, Jesús García y Nuria Liz.

 

 

 

Todo isto e moito máis na nosa lista de Singles 2019 que podes seguir en Spotify e que se actualiza constantemente para manterte ao día de todas as novidades dos artistas e grupos da plataforma.

 

 

  noticias