• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MANO DE PIEDRA: A DISTORSIÓN DA EXPERIENCIA É CRÚA, PESADA E DIRECTA

MANO DE PIEDRA: A DISTORSIÓN DA EXPERIENCIA É CRÚA, PESADA E DIRECTA
23 DECEMBRO 2019

Unha cuasi-promesa de «diversión e diñeiro por milleiros» uniunos a finais de 2016. Tres anos e dous discos despois, «a diversión abunda, [...], o diñeiro vese que vén con atraso». Cun par de décadas de experiencia en reconocidas bandas galegas, Nano Galez (voz, guitarra), David Durán (voz principal, batería), Fran Álvarez (baixo, coros) e Mano García (guitarra, coros) conforman Mano de Piedra, cuarteto vigués que destila sludge, con guitarrazos que bailan entre o rock clásico e o post-metal, pero non foi sempre así! Nano comezou tocando o teclado metres que Fran e David confesaron que, de nenos, eran algo máis «doces»: (Fran) «algo moi típico nos colexios [...] na época da EXB era a frauta doce. Posteriormente no instituto de secundaria comecei a tocar a batería con meu profesor de galego e cando quixemos montar a nosa primeira banda cos colegas do insti tocoume coller un baixo ‘por sorteo’» (David) «coincido con Fran co tema da frauta doce... non había maneira de facer soar ben ese instrumento infernal».

 

Influencias do stoner, hardcore, metal, hardrock ou crust conflúen nun son que se podería definir como cru, pesado, directo e distorcido, un son que os define tanto enriba como abaixo dos escenarios. Esta amálgama de estilos foi evolucionando (e mellorando!) desde os primeiros ensaios: (Fran) «foi ben sinxelo, xuntámonos catro individuos que viñan de tocar en bandas deses estilos tan diversos, metémolo todo na batedora e saíu o noso particular son» (David) «non foi algo premeditado; temos tal variedade de influencias dentro da propia banda que fai que cada un aporte un matiz distinto aos temas. Distorsionado, sempre distorsionado!».

 

Tan só un ano despois da súa creación, o 28 de decembro de 2017 (en serio! cero broma!), Mano de Piedra autoedita o seu primeiro traballo discográfico, un EP homónimo en formato dixital dispoñible nas principais plataformas de música en streaming. Composto por catro cortes, Mano de Piedra (2017) destaca polo seu traballo vocal, con máis de dous rexistros; voces bañadas por ese son tan característico que che engancha desde a primeira escoita, arrástrache por terreos sonoros pantanosos dos que, paradoxalmente, non quererás saír. Abren cunha ‘Intro’, á que lle segue o death’n’roll de ‘Humans of Late Capitalism’ e ‘Blue Blood Crisis’, peza rápida e agresiva de riffs machacones e repetitivos que convidan a un headbanging infinito. O trallazo que pecha o EP non podía ser outro que ‘Madness’, o máis próximo ao stoner onde fan gala da gran variedade de modulaciones de voz coas que traballan que, xunto cos coros de ecos hardcore, o converten nun tema brillante.

 

 

 

Con esta brutal carta de presentación baixo o brazo, Mano de Piedra xira por diferentes salas da xeografía galega, festivais incluídos, como o III High Gain Festival ou o I Iberian Rock Rest, ambos celebrados en La Fábrica de Chocolate (Vigo), unha previa na que estaba a xestarse o seu primeiro longo. E, o 21 de outubro, Today’s Ashes (The Braves Records, La Fosa Nostra, Hecatombe Records, Hombre Montaña, Base Record Production, Odio Sonoro, Violence in the Veins, 2019) vía a luz. Gravado, producido e mesturado por Iago Lorenzo (Voltaica, Agoraphobia, Furious Monkey House), con masterización firmada por Robin Schmidt de 24-96 Mastering (Alemaña), o LP está dispoñible en varios formatos físicos (CD, vinilo), mesmo se pode obter con merchan; unha produción e distribución moi distinta ao Made in Feitonacasa do seu debut: (Fran) «desde o primeiro EP xa tiñamos ganas de facer ben as cousas, pero con apenas un ano de vida non nos atrevemos a facer a inversión económica que conleva. Desde logo é un risco, principalmente económico, pero pensamos que se trata máis dunha inversión de futuro no proxecto que dunha tolemia pasaxeira».

 

Cal quebracabezas sonoro no que a banda galega «gaña a batalla ao convencionalismo grazas aos patróns vangardistas que perfilan cada tema», Today’s Ashes recolle oito cortes que cantan á decadencia da especie humana e a súa travesía desde a luz cara ás sombras e o fin da súa existencia, letras precedidas de riffs descomunais, monolíticos e brutais como resultado dun proceso «moi fluído», segundo Fran: «traballamos case sempre sobre ideas de Mano e Nano para logo entre todos darlle o xeitiño. A parte vocal principal (letra e melodías) é cousa de David, o resto da banda encárgase das segundas voces e coros»; ao que o propio David engade que «tiñamos pensadas unhas melodías para as cancións e, cando chegamos ao estudio, moitas liñas foron modificadas. De feito, o tema ‘Abyss Sleeper’ estivo sen letra ata o derradeiro minuto... compuxémola no ‘tempo de desconto’. Hai que agradecerlle a Iago [Lorenzo] parte dese proceso creativo, sobre todo no tema melódico». Mano de Piedra escolleu ‘Ancient Gods’ como single-clip adianto, protagonizado por Juan Mera, campeón de España de kickboxing en 2018, e Jacobo Veloso, quen, acompañados por máis de 50 persoas no set de rodaxe, seguiron as directrices de Xaime Alcántara; como consecuencia, desfrutamos dunha espectacular posta en escena onde o cuarteto pon banda sonora a unha loita titánica nun traballo audiovisual «tan potente como o seu son debedor do sludge máis contundente».

 

 

 

Se a este videoclip engadímoslle que, logo dunha breve procura en Google, as primeiras entradas sobre Mano de Piedra sinalan a Roberto Durán Samaniego, exboxeador panameño coñecido como «Manos de Piedra» no cuadrilátero, facémnos unha idea de grupo «peleón», loitando sobre o escenario... e, con esa idea, polo de agora, temos que conformarnos porque, ao preguntarlles sobre a historia ou anécdota, non soltan peza!: (Fran) «habela haina, como as meigas, outra cousa e que a desvelemos publicamente; iso mellor deixámolo para Nano...», seica Nano tampouco está polo labor e confesa que «prefiro gardar o segredo...». Aceptamos polbo, pois, e ese espíritu loitador fai que os directos de Mano de Piedra sexan recoñecidos pola súa intensidade «de principio a fin», prendendo o escenario cun repertorio de trallazos do que, dificilmente, podes elixir só un: (Fran) «é difícil escoller dos teus propios temas cando estás completamente namorado deles, todos os disfruto ao 100 % enriba do escenario»; David reafírmao, aínda que tamén confesa que «o tema co que máis participa o público é ‘We Are Sickness’», ao seu último clip nos remitimos!

 

 

 

«Barbarian Prophecies, Kalte Sonne, Schwarzenegger, Kuna de Odio, 2 Sisters, Acidproyect, Aphonnic, Nazca, e un longo etc.» son as recomendacións «rockeiras e metaleiras» galegas de Fran e «Moura, Basanta, Turbokraks, Voltaica, Cró!, Cuchillo de Fuego, You Dog!! e outro longo etc.» as que engade David, quen escoita «sobre todo traia» no seu Spotify «pero se o pos en aleatorio, moi probablemente soará Rihanna, Beyoncé ou Britney Spears, entre outros». Pola súa parte, Fran tíralle a «Mastodon, Baroness, Converge, Kvelertak, Gojira, Red Fang, Sleep, Cult Of Luna, Ghost, Leprous», gustos compartidos con Nano que, ademais, escoita «clásicos como Van Halen, Ozzy ou Motorhead e algo de thrash actual como Skull Fist».

 

  noticias